# Hashtag
A colección das camisetas históricas que recollen a esencia do fútbol modesto galego

A colección de camisetas que recolle a esencia do fútbol ‘de barro’ galego

A de Fran Serantes non é unha colección de camisetas máis. No seu armario hai auténticas xoias. Moitas non están á venda –algunhas delas nunca chegaron a estalo– e doutras apenas quedan exemplares esquecidos nalgún caixón, pero a gran maioría perduran na memoria dos afeccionados do fútbol galego, que as lembran con enorme agarimo.

Serantes garda con mimo unhas 300 camisetas de fútbol, boa parte delas do seu querido Racing de Ferrol, pero 75 corresponden a equipos modestos da zona de Ferrol e outras 100 a pequenos clubs doutros puntos da xeografía galega.

Na súa colección, que difunde a través da conta de X @GaliciaMWShirts, podemos atopar dende a camiseta do centenario do Ribadeo, á que luciu o Oural na súa primeira tempada en competición ou a da SD Bertón, club xa desaparecido de Ferrol, confeccionada con tela de algodón e de manga larga. “Esta colección pretende ser unha homenaxe a todos os clubs e, sobre todo, a esas persoas dedicadas que deixaron moitas horas e moito diñeiro en levantar un pequeno club, por modesto que sexa. Penso que o que a fai especial é precisamente ser algo que é pouco común de ver”, admite Fran Serantes.



Pins antes que camisetas

Este ferrolán sentiuse dende moi novo fortemente atraído polo fútbol. Con 13 ou 14 anos, a finais dos oitente, gustáballe recompilar diferentes datos sobre este deporte, como os resultados dos partidos que anotaba nunha libretiña.

Unha cousa foi levando a outra e comezou unha colección de pins. “Ía conseguindo os que podía pagar ou intercambiar na sección ‘Mercadillo’, da revista Don Balón, que naquela época era a forma que tíñamos para empezar a facer intercambios e contactos cos que aínda hoxe, con moitos deles, teño amizade”, relata Fran Serantes.

A mediados do noventa, coincidindo con que o seu Racing de Ferrol puxo á venda por primeira vez o seu uniforme, chegaron ao armario de Fran as camisetas de fútbol. Nunca esquecerá a primeira: “unha Umbro nun verde que me parecía espectacular e que aínda conservo a día de hoxe”, relata con paixón. Este tipo de prenda amósallas ao mundo noutra das súas contas: @museoRCF1919.



Seguiu sumando máis e máis camisetas do conxunto departamental, pero, aos poucos, tamén doutros equipos da área de Ferrol, “onde tantos clubs houbo na miña infancia”. A súa colección deu lugar, en 2022, á exposición ‘Yo también fui modesto’, que reuniu unhas 75 camisetas de equipos modestos ferroláns

Camisetas de toda Galicia

A exposición tivo tamén sona noutros puntos de Galicia. Así, Fran Serantes recibiu unha proposta dende Vigo. “Unha persoa escribiume comentando que tiña unha camisola do CD Nieto, e preguntando se me podía interesar. Nun primeiro momento desbotei a oferta porque era como cruzar unha liña vermella. Ao final, os modestos de Ferrol eran os que eran, e tiña representación de case todos eles, pero facer algo a nivel Galicia podía ser un pouco tolemia, algo imposible de asumir pola gran cantidade de clubs existente”, di o coleccionista.

Con todo, entre os ánimos do seu contacto vigués e o “tilín” que Serantes recoñece que lle facía a camiseta do CD Nieto, “terminei caendo”, admite. Aí abriuse unha nova fiestra na súa colección, que o enche de orgullo.



Entre as pezas más prezadas sitúa a camiseta do Racing coa que Pazolo –“un ídolo para min”– marcou o primeiro gol que se viu no estadio da Malata. Tamén salienta unha camiseta do Viveiro, coa publicidade de Pizzbur, “por ser da época na que xogaba Pablo Rodríguez”. Entre as camisetas máis antigas, a primeira empregada polo Oural, o conxunto do municipio de Sarria que na actualidade milita en Primeira Futgal, que se fundou a principios dos oitenta. “Está confeccionada en tela de acetato en azul moi brillosa con pescozo de pico e manga longa”, detalla Serantes

Unha colección que sorprende

Sinala a persoa que se agocha detrás de @GaliciaMWShirts que a moita xente lle sorprende ver que a súa colección é “totalmente diferente ás ‘normais’, pois a maioría de coleccionistas tiran máis por camisolas de clubs grandes, que supoño que chaman máis a atención”. No seu caso, pensa que ademais deses, “hai moito fútbol nas categorías máis modestas e que tamén levantan moita paixón. Non hai máis que ver por exemplo as finais da Copa da Costa a cantidade de xente que poden mover”, reflexiona.

Aínda que este aspecto converte en única a súa colección, a realidade é que multiplica a dificultade de facerse con camisetas, sobre todo coas máis antigas.

Precisamente arredor diso xira unha das anécdotas que destaca Serantes. Falou co Unión Campestre de Oleiros, un dos clubs máis antigos de Galicia, e “puxéronme en contacto co seu presidente, que resultou ser o dono dunha empresa que traballaba con nós no meu traballo, e tróuxome directamente á miña oficina a que usaron na tempada do seu 110 aniversario”.



A colección de camisetas que recolle a esencia do fútbol ‘de barro’ galego

Os nomes propios do gol na Segunda

A colección de camisetas que recolle a esencia do fútbol ‘de barro’ galego

Vicente, fichaxe do Villalbés: «En Brasil hai

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *