Primeiro capítulo dos ascensos na Terceira Galicia ao peche do curso
A pasada fin de semana clausurábase a Terceira Galicia, unha competición que este ano contou con 70 equipos, aínda que dous deles —o Galicia Caranza no grupo 1 e o Antas B no 4— retiráronse durante a temporada. Aínda que o pasado curso participaran 72 conxuntos, manter cifras tan altas reflicte o crecemento do fútbol feminino galego, no que cada vez son máis os equipos que se animan a competir.
Este aumento tamén provoca cambios na estrutura das ligas. De cara á vindeira temporada, prevese que a Segunda Galicia pase a contar con 40 equipos —actualmente son 32—. Para completar esas prazas están previstos 16 ascensos: os dous primeiros clasificados de cada un dos seis grupos e os catro mellores terceiros.
Polo momento aínda non se coñecen oficialmente que terceiros ascenderán, xa que, segundo explicou a propia Federación, están traballando nas clasificacións debido ás modificacións provocadas polos equipos retirados durante a competición. O que xa é seguro é que os conxuntos que remataron nas dúas primeiras posicións poden presumir de ser novos equipos de Segunda Galicia.
Falamos coas xogadoras dalgúns destes equipos para coñecer como viviron os ascensos histórico para os seus clubs.
O Narón, campión do grupo 1
No grupo 1 o liderado foi para o Narón, que conseguiu refacerse esta temporada cun novo grupo de futbolistas. De feito, de non ser por un gol encaixado na segunda xornada, remataría o curso con pleno de vitorias. Ademais, comparte co Teis o rexistro de equipo menos goleado de toda a categoría, con só sete tantos en contra. Unha das pezas clave nesa solidez defensiva foi a gardameta Lara Fonte.
“Ascender sempre estaba presente nos nosos obxectivos. Principalmente, a nivel de equipo, creo que era algo que mereciamos. Podemos competir máis arriba e sempre vimos viable poder ascender, malia ser un equipo novo”, explica a porteira.


Para Lara, unha das claves desta gran temporada foi o grupo humano creado no vestiario. “Cando traballas con xente que quere o mesmo ca ti é moi fácil acadar unha boa conexión, tanto dentro como fóra do campo. Temos unhas xogadoras espectaculares que cumpren co esforzo e o traballo necesarios para conseguir calquera cousa”.
A gardameta espera que este ascenso sexa só o comezo. “Esta tempada foi o inicio. Rematar no primeiro posto e conseguir o ascenso vainos motivar para seguir poñéndonos obxectivos. Lévome meses incribles, cheos de experiencias, que espero seguir compartindo con elas”.
Ademais do título de liga, ao Narón aínda lle queda un reto máis por diante: a disputa da III Copa Ferrol ante o Val B, un encontro que aínda non ten horario confirmado.

Atlético Cercedense e Curtis, ascendidos no grupo 2
Un dos equipos que rematou invicto esta temporada foi o Atlético Cercedense, no grupo 2, que só cedeu puntos en dúas ocasións. O conxunto completou unha campaña histórica na súa primeira experiencia en fútbol 11.
“Non imaxinabamos chegar a ascender. A maioría das xogadoras estabamos empezando e lograr a liga e o ascenso non era algo que estivese na nosa lista. Pero, a medida que iamos avanzando, foise facendo máis real”, explica Uxía Casal, que se incorporou ao club o pasado curso, cando se puxo en marcha a iniciativa de crear o equipo.
Para a futbolista, a clave do éxito estivo no ambiente creado dentro e fóra do vestiario. “A clave foi o compañeirismo, o incrible grupo —no que se xuntan xogadoras con experiencia con outras que están iniciándose— e o gran corpo técnico co que contamos. Tamén foi moi importante o apoio da xente da grada, que nos fixo a competición máis amena, así como o respaldo da directiva e do Concello”.

Pola súa parte, o Curtis logra o ascenso despois de varias temporadas na Terceira Galicia. O conxunto rematou segundo de grupo, cun só punto de vantaxe sobre o Xuventude Crendes, terceiro clasificado, que tamén celebrou o ascenso a Segunda Galicia, aínda que polo momento isto non foi confirmado oficialmente.
Para o Curtis, competir a próxima temporada en Segunda é “unha recompensa ao sufrimento de todas as derrotas e ao esforzo de todo este tempo dende que se conformou o equipo”. Dende o inicio do curso tiñan claro cal era o obxectivo. “Tiñamos claro que iamos facer todo o posible por ascender, así que aplicamos ganas, dedicación e compromiso”, expresa a capitá María Fandiño.

A futbolista considera que a clave estivo no traballo constante e tamén nas incorporacións realizadas este ano. “Xuntouse o esforzo das rapazas que crearon o equipo, que seguiron mellorando, coa experiencia e a bagaxe das fichaxes. Todo iso, poñendo cada peza no seu sitio grazas ao corpo técnico, deunos o resultado correcto”, explica, destacando tamén o bo ambiente do grupo.
Soneira líder en solitario
O Soneira, de Vimianzo, proclamouse campión do grupo 3 e conseguiu o ascenso a Segunda Galicia con autoridade. O conxunto rematou nove puntos por riba do segundo clasificado, o Outes, e ademais completou a temporada invicto. A pesar de empatar catro encontros, pechou o curso sen coñecer a derrota.
“Conseguir un ascenso e facelo sen ningunha derrota é algo que moi poucas veces se pode acadar”, expresa unha das capitás do equipo, Cristal García.

O Soneira partía como un dos favoritos debido aos reforzos incorporados tanto no verán como ao longo da propia temporada, e acabou demostrando sobre o campo que era un dos equipos chamados a ocupar os postos altos da táboa. “A chave foi o esforzo e o traballo tanto do equipo como dos adestradores cada semana. Tamén hai que agradecer ás novas incorporacións, porque foron unha peza clave”.
Entre as futbolistas costeiras destaca María Villaverde, ‘Kenny’, máxima goleadora do grupo, con 47 tantos, e unha das xogadoras máis determinantes da categoría.
Se tivese que resumir a temporada nunha palabra, Cristal queda con “ilusión”. “A ilusión de gañar cada semana e saber que estabamos máis preto de algo que o ano pasado, cando arrancamos, era un soño. Aprendín moito, coñecín xente chulísima que sei que sempre me vai sumar, e se non fose polo fútbol non se daría a ocasión”.
A capitá define o curso como “moi bonito e moi intenso”, e tamén quixo agradecer o apoio recibido durante todo o ano pola afección, o club e a directiva.
Todo por decidir no último partido para o Outes
Máis complicado tivo o camiño nese mesmo grupo o Outes, que tivo que esperar ata a última xornada para certificar o seu ascenso. Neste último encontro empatou co Cabana, sumando un punto que, unido á derrota do Escola Juan Cabrejo —terceiro clasificado—, lle permitiu manter a segunda posición e celebrar que a próxima temporada xogará en Segunda Galicia.
“É un feito moi importante para nós vendo como empezamos hai tres anos, cando só gañamos o último partido. Se me dixesen entón que dous anos despois íamos lograr o ascenso sendo case as mesmas xogadoras do primeiro ano, a maioría sen tocar un balón antes, non o crería”, conta a futbolista Natalia Alonso.

Dende o inicio, o obxectivo do equipo foi pelexar polos postos altos da táboa, pero co paso das xornadas foron vendo que podían aspirar a máis. “Ninguén contaba con nós para ascender, non estabamos nas apostas, pero nós confiamos en que o iamos loitar e así foi, e aquí estamos”.
Para conseguir este logro, foi clave “a ilusión de vernos na parte alta e de demostrarnos a nós mesmas e ao club do que eramos capaces. Ademais, tamén foi moi importante que somos un equipo moi unido e motivámonos entre todas”.
















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































