# Hashtag

Hugo Sanmartín, antigo adestrador do Umia CF: «Non agardaba a destitución»

No mundo do fútbol as etapas nun club adoitan ser curtas, especialmente se falamos de adestradores. Co obxectivo de loitar pola permanencia en Preferente nun equipo que lograra ascender a tempada pasada desde Primeira Galicia, Hugo Sanmartín afrontaba no Umia un ano onde por fin gozaba desa oportunidade de adestrar nun nivel como o desta categoría.

Porén, e tras unha mala xeira de resultados no mes de xaneiro, o conxunto de Barrantes era 16º a dous puntos da salvación e a directiva decidiu destituír ao adestrador vigués. Hoxe, xa con Álvaro Soto no banco do equipo, Hugo Sanmartín ábrese sobre a súa despedida, o futuro do equipo e o seu de xeito persoal, pero tamén fala de temas como a súa carreira como futbolista, a súa faceta como escritor e todo o que significa a súa filla Hera para el.

Futbolingalicia: A pasada semana fuches destituído como adestrador do Umia. Que opinas da decisión tomada pola directiva?



Hugo Sanmartín: «As decisións hai que tomalas como chegan e cando chegan. No fútbol e na vida. Non podo opinar de decisións externas aínda que me inflúan directamente. Gozaba facendo o que facía e como o facía. Era moi feliz podendo adestrar practicamente a diario».

FIG: ⁠Esperábala?

HS: «Non a esperaba a verdade. Si que sabía que contactaran a outros compañeiros para saber as súas situacións. Estabamos moi preto do obxectivo, xa non só en puntos, senón en tempo e en marxe. Pasamos a peor época posible con escaseza de xogadores polas lesións e seguiamos na loita con moito traballo e un moi bo ambiente no grupo».



FIG: Cres que había posibilidades de remontar a situación?

HS: «Si, por suposto. Teño a crenza de que os xogadores non só tiñan a capacidade, senón tamén a mentalidade para sacar a situación adiante, xa sexa comigo ou co novo adestrador. Víalos adestrar e notabas que xa estaban a adquirir os mecanismos que expomos desde o principio. Daba gusto velos adestrar. Agora teñen que seguir crecendo como grupo e o obxectivo conseguirano sen problemas».

FIG: Que valoración fas da túa etapa en Barrantes?



HS: «Curta, máis do que me gustaría. Era a primeira vez que podía dirixir a este nivel e poder xestionar a un grupo de persoas que teñen como paixón xogar ao fútbol é algo que gozaba. Sempre me apaixonou adestrar, para iso me formei e levo compaxinándoo como xogador desde que teño memoria».

FIG: Na miña opinión o Umia ten menos puntos que xogo. Cres que cun pouco de sorte a situación podería ser distinta?

HS: «Tiña un adestrador que dicía que a sorte non influía, que o que hoxe che regalaba ao día seguinte arrebatábacho de forma cruel. O fútbol son momentos e neses momentos que tiñamos que ser mellores, estar máis acertados e máis concentrados, escapábansenos os puntos. Si creo que tivemos fases de xogo moi boas, de desenvolver o que se expuña pola semana e aí te dabas conta que só nos faltaba ser máis consistentes e regulares durante os partidos».

FIG: Que consello lle deixas aos xogadores?

HS: «Que teñan ambición, que sigan demostrando a súa capacidade de esforzo e que pelexen cada punto en cada campo. Se a todo iso sumámoslle o bloque e esa unión que crearon, non terán maiores problemas para manter a categoría».



FIG: ⁠⁠Cal será o futuro máis próximo para Hugo Sanmartín?

HS: «Atopar traballo. A cabeza nunca para, así que podo dicir que haberá noticias nos próximos meses co novo libro titulado “Lo que no te conté mientras crecías”, o cal me fai moitísima ilusión que chegue pronto, xa que me deixei o corazón nel e levo moito tempo sen publicar. Doutra banda, teño en mente un proxecto bastante ambicioso dedicado por e para futbolistas (de todas as idades e ámbitos) do que estamos nun proceso final de desenvolvemento e que espero que teña unha cálida acollida por todas as persoas que estamos vinculados a este deporte. Non podo contar máis. Seguro que me deixo algo máis por aí, pero xa contei moito».

FIG: Indo á túa etapa como futbolista, colgaches as botas no 2023. Como definirías a túa carreira?

HS: «Desaproveitada, porque me encantaría xogar fóra, chegar máis alto e gozar de máis partidos nos clubs con soleira onde puiden xogar. Sendo honesto non me deu o nivel ou tiven un hándicap de lesións que me influíron nunha regularidade tan necesaria no fútbol. Se repaso con perspectiva o que vivín é certo que tiven momentos incribles. O ascenso co Arosa a Terceira, a fase de ascenso a Segunda B co Choco, o ano do Arenteiro onde naceu a miña pequena, o ascenso do Compostela, os tres subcampeonatos de España coa selección galega de fútbol praia (onde puiden ser capitán), a Primeira División de fútbol praia representando ao Minuto 90 Córdoba, a Primeira Federación en fútbol sala co Leis FS e seguro que me queda algo atrás. O que quero dicir con isto é que puiden exercer de futbolista en varios momentos que levarei sempre comigo. Como di un gran amigo meu, sempre queda un último baile, pero, se non chega, o camiño foi divertido».

FIG: Cal cres que foi a túa mellor tempada?

HS: «⁠Esta é difícil. Durante o ano arlequinado en Vilagarcía chegou un momento no que só facía goles e vivía obsesionado. Os anos en Redondela foron moi bos a nivel persoal, chegando á vintena de goles nunha das tempadas en Terceira División. Logo no Arenteiro fixen moi boas cifras nun ano especial onde gocei moito da terra do meu pai, a súa xente, e como broche final chegou Hera. Ese ano xusto abriume as portas do Compostela. Nesa etapa vivín un ano duro no persoal pero eramos un grupo que nos encantaba estar xuntos e gozabamos do que faciamos cada día. O segundo ano en Santiago tocamos a cima naquel memorable partido en Riazor». 

FIG: A última. Que significou e significa “El viaje de Hera” para ti?

HS: «Hera é esa luz que asoma cando non es capaz de ver máis nada que a escuridade. Ela representa o que son e o que serei. A través de «El viaje de Hera» puiden compartir moitas experiencias con centenares de familias, onde nos retroalimentabamos para aprender uns doutros. Ter unha filla coas características de Hera faiche ver que as cousas ás que antes lle dabas unha importancia extrema, son un absurdo. A miña xente próxima sempre me fala de resiliencia, eu fálolles de realidade. Adáptaste ou non o fas e con Hera teste que adaptar, para volver facelo unha e outra vez. O meu obxectivo nesta vida é a de poder deixarlle toda a calidade de vida que se merece e que vai necesitar. Facelo a través da divulgación, os relatorios, os libros… Crear unha rede de seguridade que lle permita no futuro, se o seu pai non está para acompañala, viaxar pola vida feliz, sen problemas nin preocupacións. Se as persoas non te coñecen, non existes. A nosa historia é unha máis de moitas. Seino. Pero como ela non existe ninguén, se ela sorrí todo sa. Por iso todo o que tento crear e a onde me quero dirixir vai enfocado a ese camiño».

Fotografía: La Región

Hugo Sanmartín, antigo adestrador do Umia CF: «Non agardaba a destitución»

Os Diferenciais da Primeira Futgal no arranque

Hugo Sanmartín, antigo adestrador do Umia CF: «Non agardaba a destitución»

Hugo Sanmartín, antigo adestrador do Umia CF:

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *