# Hashtag
#Fútbol Feminino #Segunda Galicia Feminina

As estrelas da Segunda Galicia: as goleadoras que marcan a diferenza

A falta de oito xornadas para rematar a Segunda Galicia, hai futbolistas que non se cansan de anotar tantos para levar os seus equipos ao máis alto. Hoxe falamos coas catro máximas goleadoras desta liga. Todas están no grupo 1, que reúne aos equipos do norte de Galicia, é dicir, de A Coruña e Lugo.

Eva Lema, a máxima goleadora

No máis alto está Eva Lema (Muxía), que leva 39 goles en 23 partidos. A dianteira conta:

«Sinto que estou nun bo momento físico e aportando todo o que podo para conseguir os obxectivos que nos propuxemos. Dunha dianteira espéranse goles e, aínda que trato de axudar noutras facetas do xogo, alégrome de estar nesta racha positiva de cara á portería”.



Chegou este ano ao Muxía e, a pesar do esforzo por adaptarse ao novo grupo e á categoría tras o ascenso da pasada tempada, parece que o equipo atopou a tecla ideal.

Eva Lema no último partido ante o Tordoia. Foto: Marina Busto

O partido que máis lembra desta tempada foi o Tordoia–Muxía, do domingo pasado onde as muxiás remontaron un 0-2. “Vivir este encontro xunto á nosa afección, ás nosas familias… todos os ánimos que recibimos fixeron que o déramos todo, a pesar de non ser o mellor partido a nivel futbolístico por culpa do vento. Sentín a confianza e a seguridade de que podiamos remontar, e creo que todas o respiramos no ambiente”, explica.

Para Eva, o rival máis complicado foi o Bergantiños B, terceiro clasificado: “No partido de ida púxonolo moi difícil; estaban moi organizadas defensivamente e non conseguimos pasar do empate”.



Rebeca Puente síguea de cerca

O Muxía e o Tordoia pelexan por ser os mellores da liga, e dentro desta loita, Eva Lema e Rebeca Puente están a ver quen remata como máxima goleadora desta tempada. Agora mesmo, Rebeca leva un tanto menos ca Eva: 38 goles en 24 partidos.

A dianteira do Tordoia conta que comezou a pretemporada con algunhas dúbidas, despois de dous anos sen xogar e dunha lesión de nocello bastante seria. “A día de hoxe estou moi contenta, porque puidera facer a temporada que estou facendo e seguir desfrutando do fútbol”, explica.

Os partidos que máis lembra desta tempada foron os dous encontros ante As Corviñas (Muxía):



“Quedaríame co primeiro, que foi o que gañamos. O deste domingo foi un encontro bonito de xogar, cun bo ambiente tanto fóra como dentro do campo, pero ao final os tres puntos non puideron ir para o Tordoia”, engade. Rebeca foi a transformadora dos dous tantos do cadro dirixido por Marcos Antelo, ‘Curro’.

Rebeca Puente tirando a gol. Foto: Katia Cruz

O rival máis complicado para ela tamén foi o Bergantiños B: “Foi un partido bastante fastidiado, domináronnos un montón e custoume moito xerar perigo. Foi o único encontro que perdemos na primeira volta”. Tamén resalta o Unión Campestre como un equipo difícil: “Paseino moi mal polo xogo que fixeron, levei moitas patadas e foi moi difícil de xogar”.

De cara ao que queda de tempada, Rebeca asegura: “Sabíamos que este finde era un partido onde practicamente se decidiría o campionato e foi un pau, pero psicoloxicamente encaixámolo ben. A liga segue que aínda queda mes e medio, agora desfrutar e non deixar ningún punto máis polo camiño”. Tamén esperan que o Muxía poida fallar para recuperar o primeiro posto, aínda que polo de agora segue conservándoo.

Lucía Vila no Valladares, o posto de bronce

As tres xogadoras que quedan por mencionar para completar o top 5 levan a mesma cantidade de goles: 32. Con todo, por proporción, a futbolista co club vigués, Lucía Vila (Valladares), ocupa o posto de bronce. Ten unha media de 1,60 goles por partido, case dous por encontro.

No último encontro, ante o Mos — club no que xogara antes de fichar por As Celtas B — marcou dous goles que fan que hoxe estea nesta recompilación de máximas goleadoras. O Valladares gañou por 0-7, o que lles permite seguir no máis alto da clasificación con 63 puntos.



Irene máxima anotadora lucense

Si hai un nome que resoa cada semana pola provincia de Lugo é o de Irene Sante (Milagrosa), xa que xornada tras xornada intenta que o seu nome apareza entre as goleadoras, leva 32 goles en 21 partidos. Esta semana, ante o Brexo Lema, marcou un triplete. A Milagrosa, aínda que foi o descanso gañando só por 1-0 cun gol da propia Irene, gañou finalmente por 7-0.

«Síntome moi ben, os goles están entrando, non sei moi ben por que, pero están entrando. Tiven aí un parón a finais de xaneiro por unha lesión acromioclavicular e agora pouco a pouco estou volvendo a coller o ritmo», explica.



A pesar desa pequena pausa, xa retomou a súa tendencia goleadora que lle fai sentirse «moi cómoda» e afortunada con todas as compañeiras de equipo «que tiran para que sigamos en postos de playoff».

O seu partido especial foi o do Victoria C, un rival directo polos postos de promoción: “Creo que foi un encontro no que todas nos esforzamos moito e competimos ben” para conseguir poñer distancia na clasificación entre ambos conxuntos. A Milagrosa gañou ese partido por 4-0, con tres goles de Irene. «Xogar na casa creo que nos deu bastante forza e a min por sorte entráronme os goles. Dar tres goles nun partido importante como este pareceume moi bonito».

Irene Sante nun partido desta tempada. Foto: Roberto Carreira

O rival máis complicado para ela foi o propio Victoria, xa que pola lesión non tivo oportunidade de xogar contra o Muxía ou o Tordoia nos últimos encontros. Considera que puideran ter sido os de máis dificultade. Si que puido estar nos partidos da ida, pero por aquel entón o equipo aínda estaba tomando forma. No seu caso pensa que contra o Bergantiños, se foran máis eficientes de cara portería podían ter sumado puntos; quedaron 3-2, e os dous tantos foron de Irene.

Para o que queda de temporada, a futbolista augura un bo futuro. «Estamos recuperando xente de lesións. Tivemos mala sorte e durante a temporada varias séniors tiveron lesións de longa duración e pouco a pouco vamos recuperándoas», coa esperanza de seguir en postos de playoff e incluso, se chegan a xogar esa promoción, poder facelo cun plantel máis completo e «chegar moito mellor do que xa está», conclúe.

Barca Toba tamén golea

A pesar do cambio de posición, xa que agora non actúa tanto como dianteira, Barca Toba (Muxía) segue entre as máximas goleadoras da liga. A xogadora explica: «Ao principio costoume adaptarme a ese novo rol pero cada xornada que pasa síntome mellor e moi cómoda».

Os partidos que máis impacto lle deixaron esta tempada foron ante Corme e Tordoia. «No Cairo complicóusenos o partido, chegábamos sabendo que xogar alí é moi difícil e tiñamos algunha baixa importante. O encontro foi moi intenso, tivemos que sufrir moito pero ao final levamos os tres puntos», cun dobrete da propia Barca Toba (1-2). Os cruces co Tordoia tamén resaltaron pola «similitude que temos ambos conxuntos en canto a puntos e goles».

Para Barca, o rival máis complicado foi Tordoia. «É un rival que marca moitos goles (84) e encaixa moi poucos (17). Ata que se afrontou ante nós só tiña unha derrota e un empate, como tamén nós».

Barca Toba controla o balón nun partido desta tempada. Foto: Marina Busto

Carácter, esforzo e unión

Barca Toba explica que agora o mesmo o Muxía está «nun punto de maduración óptimo», despois do proceso de adaptación aos novos fichaxes e á nova adestradora, Noe Iglesias. «Agora estamos facendo o estilo de xogo que tiñamos en mente. Coñecémonos cada vez mellor, xogamos dunha maneira moi fluída e penso que estamos moi compenetradas tanto dentro como fóra do campo», o que fai que cada vez sexan máis fortes é o que demostran no terreo de xogo.

Eva Lema, pola súa banda, tamén cree que son moi «fortes mentalmente, ambiciosas pero tranquilas, confiamos moito en nós, pero sempre respectando ao rival, porque sabemos que non hai partidos fáciles». A dianteira destaca do seu equipo o carácter e capacidade de esforzo e de non baixar nunca os brazos aínda tendo partidos difíciles, que os tivemos».

O Muxía gáñalle o pulso ao Tordoia

Muxía e Tordoia, dous equipos na loita polo título de liga, protagonizaron un duelo vibrante na Arliña o pasado domingo. O Tordoia adiantouse moi cedo e no minuto 10 Rebeca Puente xa levaba dous goles. Na segunda metade, co vento a favor, Muxía logrou empatar grazas aos goles de Barca Toba e Eva Lago. Patri Romaní completou a remontada no tramo final, dando tres puntos clave ás locais.

Patri Romaní celebra o seu gol ante o Tordoia, que lle deu a vitoria ao seu equipo. Foto: Marina Busto

O triunfo deixa ao Muxía empatado a 67 puntos co Tordoia, aínda que cun partido menos, mantendo a tensión na cabeza da clasificación.

Na zona de playoff, Bergantiños B e Milagrosa mantéñense como os principais perseguidores, mentres que na zona baixa, Órdenes e Cultural Maniños pechan a táboa.

No Grupo 2, sigue liderando o Valladares con 63 puntos tras superar ao Mos por 0-7. A sete puntos, con 56, sitúase o Atlético Arousana, que venceu por 0-9 á Unión Guardesa.

Nos postos de promoción están o Touro e o Pontecaldelas e nos postos do descenso Porriño Industrial e Salcedo.

As estrelas da Segunda Galicia: as goleadoras que marcan a diferenza

Os Vintage: Sporting Carballiño 2018/2019

As estrelas da Segunda Galicia: as goleadoras que marcan a diferenza

As estrelas da Segunda Galicia: as goleadoras