Elena Casal converteuse na nova responsable da arbitraxe feminina en Galicia. Deste xeito, asume un rol fundamental no impulso da participación de mulleres nun ámbito historicamente dominado polos homes. Cunha gran traxectoria ás súas costas, e que analizaremos nesta entrevista, Elena enfróntase agora á tarefa de liderar o desenvolvemento das novas xeracións de árbitras en Galicia.
A colexiada falou para FutbolinGalicia sobre o seu comezo na profesión e a súa visión do presente e do futuro do fútbol feminino galego.
Os seus inicios: da curiosidade ao compromiso
Futbolingalicia: Como foron os teus inicios no mundo da arbitraxe?
Elena Casal: Os comezos non son fáciles, e moito menos, na arbitraxe e naquela época. Empecei por casualidade, teño un irmán pequeno que xogaba ao fútbol e indo velo xogar a el, porque daquela equipos femininos ou nenas xogando non era fácil velas, chamoume a atención a figura do árbitro. Eu tiña 15 anos, díxenlle a meus país que me gustaría probar e leváronme ao colexio de árbitros. Despois de facer unha formación, comecei a ir de asistente, a xuvenil de liga galega, posteriormente comezaría a arbitrar, prebenxamíns, alevíns… e así progresivamente.
Ao longo dos seus primeiros anos, tivo que soportar comentarios e actitudes desagradables por parte de afeccionados e xogadores que non comprendían que unha muller puidera arbitrar partidos, especialmente nas categorías masculinas. «Tiñas que demostrar máis ca os teus compañeiros homes», comenta Casal sobre os seus inicios.
A nova responsable galega ten moitas historias sobre este tipo de acontecementos na súa carreira: «A miña familia non se atrevía a entrar porque lles resultaba moi complicado escoitar e ver como trataban á súa filla, que o único que quería era facer deporte. Das poucas veces que meus pais foron a ver un partido á miña nai pegáronlle, un home saltou ao campo e dirixiuse a min con intención de agredirme, e ela meteuse no medio para que non me tocara a min. Ese día decidiu non volver máis a ver un partido meu nunha grada».
Unha traxectoria marcada polo sacrificio
Durante cinco tempadas, Elena foi árbitra na Primeira División Feminina, unha experiencia que lle permitiu consolidarse na arbitraxe de elite. Elena falounos dun dos seus grandes recordos neses anos.
EC: O partido máis especial, para min foi o meu debut, Atlhetic de Bilbao – Sporting de Huelva. Foi moi especial por todo o que significaba: todo o traballo realizado durante anos, o esforzo e sacrificio da tempada anterior, ser a primeira tempada na que a Primeira División Feminina era arbitrada integramente por mulleres e ir acompañada de Eliana e Alicia que levaban tantos anos coma min traballando.
FIG: Como afrontas o novo rol como responsable da arbitraxe feminina en Galicia? Cales son os teus principais obxectivos nesta nova etapa?
EC: Con moitas ganas e con moita ilusión. Un dos obxectivos é aumentar o número de árbitras colexiadas.
FIG: Que cambios ou melloras consideras máis urxentes na arbitraxe feminina en Galicia?
EC: Considero que hai que seguir traballando na mesma liña na que viña traballando o Comité Galego, creo que si que hai que ampliar o cadro de árbitras, como creo que deberían aumentar o número de licenzas de xogadoras.
A saúde da arbitraxe feminina en Galicia
A colexiada é consciente de que o crecemento do fútbol feminino debe ir da man do desenvolvemento da arbitraxe, e para iso é necesario fomentar o interese e a formación de mulleres neste ámbito. Elena asegura que a arbitraxe feminina en Galicia atópase nunha boa situación, con árbitras galegas que xa participan en competicións de elite: «Temos tres árbitras e dúas asistentes no fútbol profesional (Eugenia, Zulema, Beatriz, Iria e Lorena), e unha árbitra en RFEF Feminina (Selina)».
FIG: Hai suficientes oportunidades e recursos para as árbitras que se están a formar?
EC: Si, hai para todos as mesmas oportunidades e os mesmos recursos. Sempre desde o Comité, encabezado por Bernardino González, se deu apoio, tanto a árbitros coma a árbitras. Dótanse de instalacións deportivas e, en cada delegación, contan cun preparador físico e con instrutores de regras de xogo. (Tamén teñen a súa disposición ao director Técnico do Comité, Julio Amoedo). Teñen asesores arbitrais, que son os que as avalían e aconsellan, e fáiselles un seguimento da súa evolución.
Para Elena, é crucial que o crecemento do fútbol feminino vaia acompañado dun incremento no número de árbitras, asegurando así unha evolución equilibrada e continua en tódalas áreas do deporte. «Dende a tempada 12/13 comezamos a ver mulleres en preferente, que non pasaba iso dende que estiveron nesa categoría mulleres como Josefa Piñeiro e Ana Calvete, e dende aquilo pasaran case vinte anos».
Ademais, o seu soño non é ver só árbitras internacionais, senón tamén asistentes internacionais galegas e marcar un fito na arbitraxe.
O futuro é un camiño de novas oportunidades
FIG: Como referente na arbitraxe feminina, que consello lle darías ás máis novas que están considerando empezar neste mundo?
EC: Diríalles que se lles chama a atención que lle dean a oportunidade á arbitraxe, que non teñan medo.
Quizás dende fora teñen unha percepción da arbitraxe que está moi lonxe da realidade, que non se deixen levar por esa percepción e que coñezan este “mundo”. Unha árbitra non deixa de ser unha deportista, ao igual ca unha xogadora, a única diferenza é o noso papel, polo demais, somos deportistas igual ca elas.
Agardamos que baixo o seu liderado poidamos ver un crecemento continuo no número de árbitras e, con sorte, a chegada de novas árbitras internacionais que sigan poñendo a Galicia no máis alto do fútbol profesional.