O SR Calo continúa consolidándose como un dos grandes aspirantes ao ascenso tras a súa contundente vitoria ante o Castriz. O conxunto de Teo, que marcha segundo empatado a puntos co Arzúa, mantense de cheo na pelexa polo primeiro posto nunha das ligas máis igualadas da categoría.
Un dos protagonistas do momento é Jonathan Vieites, que volveu ver porta cun dobrete e xa suma 11 goles no que vai de tempada. O atacante destaca o bo momento colectivo do equipo, a igualdade da competición e a importancia dunha afección que empurra cada fin de semana.
Futbolingalicia: O Calo protagonizou a gran goleada da xornada ao vencer 6-2 ao Castriz. Como foi o partido?
Jonathan Vieites: «A verdade é que foi un partido no que nós viñamos con expectativas altas de que ía ser moi disputado. Sabiamos que era un rival que se xogaba moito e que necesitaba gañar si ou si. Aínda así, nós saímos moi motivados porque tamén necesitabamos eses tres puntos para non descolgarnos de arriba. O partido foi máis ou menos o que esperabamos: ao principio, os dous equipos con moita intensidade, e a medida que pasaba o tempo creo que ambos fomos baixando un pouco o ritmo, tanto na presión como na intensidade. O Castriz, de feito, tivo uns primeiros 15 minutos cun punto máis de intensidade, xerando ocasións perigosas. Pero a partir do 2-0 e cun ritmo máis tranquilo, soubemos manexar mellor o encontro e tamén tivemos un pouco de sorte de cara a gol, claro».
FIG: Anotaches dous tantos e xa sumas 11 en liga. Como te estás a sentir este ano?
JV: «Moi ben, non só polos goles, que obviamente suman e ao final é o que conta nun dianteiro. Creo que, aínda que non marque tanto como noutros anos, síntome mellor xogador tanto a nivel individual como colectivo. En liñas xerais, estou moi cómodo e contento coa tempada».

FIG: O Calo é segundo empatado a puntos co Arzúa. Como ves a loita polo primeiro posto?
JV: «Véxoa moi aberta, sobre todo tendo en conta o partido desta fin de semana. É un obxectivo co que non nos obsesionamos, porque pase o que pase xa está sendo unha gran tempada para nós e para o club. Pero é innegable que, estando aí arriba, imos loitar ata o final por quedar campións. Creo que temos as mesmas opcións que calquera dos seis primeiros equipos. Non vexo a ningún claramente superior, é unha liga moi igualada e por iso tamén moi bonita.».
FIG: Que significaría o ascenso para o club?

JV: «Non sei se son o máis indicado para responder, pero imaxino que sería algo incrible para todos: directiva, xogadores e afección. Para min tamén o sería. Poucas veces se viu ao Calo en Preferente e iso xa é algo moi especial. Ademais, hai que ter en conta que moitos da plantilla levamos anos xogando xuntos desde a base, e iso dálle un valor engadido a poder lograr un ascenso con xente coa que te criache.».

FIG: No outro grande obxectivo do ano, a Copa do Sar, o equipo foi eliminado polo CD Artes. É a gran mancha da tempada?
JV: «Si, eu creo que si. Foi un pau bastante duro para todos, porque viñamos con moita ilusión despois do ano pasado. Pero pouco que dicir: o Artes foi mellor ca nós durante todo o partido e levou unha vitoria merecida».
FIG: Ademais, o club viña de perder a final do ano pasado ante o Negreira nos penaltis, nun partido no que marcaches. Como recordas aquela Copa do Sar?
JV: «Foi algo indescritible. Só de pensar na final véñenme recordos moi bonitos (quitando o final, claro). Todo o camiño foi especial: as eliminatorias, a xente animando en todos os campos, as semifinais en Rebordelo contra o Ribeira, a final co campo cheo… Sen dúbida, é das mellores experiencias que teño como xogador. E sobre o gol, si, foi un momento moi bonito, pero quedo incluso máis co gol ao Ribeira no último minuto para meternos na final».

FIG: Que importancia ten a afección no rendemento do equipo?
JV: «Moitísima. É algo do que todos estamos moi orgullosos. Eu non levo tantos anos como outros compañeiros, pero nunca vin algo igual. Séntese tanto na casa como fóra. Desde a Curva Cantineira, que se despraza a moitos partidos, ata os nenos da base ou a xente da parroquia que vén cada domingo. É impresionante e iso nótase moito, porque nos empurra a dalo todo no campo».
FIG: No teu primeiro ano como sénior firmas polo Cordeiro e anotas 16 goles. Como recordas ese ano?
JV: «Foi un ano moi bonito. O salto de xuvenil a sénior, no meu caso, veu moi ben. Disfruteino moito, sobre todo polos compañeiros e pola afección. Gárdolle un cariño especial porque foi o meu primeiro equipo sénior. E en canto aos goles, xa se sabe: hai anos nos que entran sós e outros nos que non hai maneira».
FIG: Por que decides baixar o ano seguinte a Segunda Futgal co Praíña?
JV: «Fun ao Cordeiro por Gonzalo Lestayo, que me coñecía da base. Ao ano seguinte marchou ao Praíña e faloume do proxecto que tiña para ascender. Ademais, eu vivo no Milladoiro, así que tamén foi unha decisión por comodidade. Coñecía ao adestrador, a algún xogador e tiña todo máis preto. Non foi unha decisión difícil e acabou sendo unha gran tempada co ascenso».
FIG: Que importancia tivo na túa carreira o Conxo?
JV: «Moitísima. Para calquera xogador, o club onde se forma é fundamental. Alí tiven adestradores que me ensinaron moitísimo, vivín experiencias únicas e coñecín compañeiros que quedan para toda a vida. Para min, o Conxo é iso: unha etapa moi especial que marcas para sempre».

























































































































































































































































































































































































































































































































































































































