Manu Amor, xornalista: «Encantaríame cubrir un Mundial e traballar no Racing de Ferrol»
O ferrolán Manu Amor pasou de promesa a presente do xornalismo deportivo. Cos seus artigos en Relevo, converteuse nunha sinatura de referencia e representa unha nova xeración de profesionais que contan o deporte doutro xeito.
Con só 23 anos, acaba de vivir unha das experiencias da súa vida. O rapaz que comezou relatando partidos de Rexional para o xornal e escapando de clase para participar nun faladoiro radiofónico cumpriu o soño de todo xornalista deportivo: cubrir unha Eurocopa. Era o máis novo entre a prensa española. Acabado de chegar de Alemaña, rememora esta aventura en conversa con FutbolinGalicia.
FutbolinGalicia: Puidemos ver numerosas entrevistas a xogadores da Selección. Sorprendeuche que fosen tan accesibles?
Manu Amor: Seleccións como Francia, Portugal ou Inglaterra non conceden entrevistas individuais aos medios, só roldas de prensa. A Federación Española, en cambio, dábanos un protagonista por medio antes de cada encontro e iso é bo, porque pon en valor aos xogadores e para nós tamén é unha oportunidade. Lamine e Nico, por exemplo, deron moitas entrevistas e iso axuda á xente a coñecelos mellor. Con todo, a relación alí cos xogadores é complicada, porque non os ves máis que durante as entrevistas. Joaquín Maroto [xornalista de As] contoume que a finais dos 80 e principios dos 90 ata sentaba a xogar ás cartas cos xogadores.
FiG: Cantos xornalistas españois estiveses traballando alí? Como era o voso día a día, faciades vida xuntos?
MA: Podiamos ser un cento de persoas, entre xornalistas, cámaras e técnicos e faciamos moita vida xuntos. Nos días que non había partido estabamos en Villingen [nunha zona da Selva Negra case na fronteira con Suíza e onde adestraba a Selección], que é unha vila con pouca vida, así que nos xuntabamos moitas veces. Os dous que fomos de Relevo compartimos hotel con xornalistas de El Mundo, Marca, Radio Marca ou COPE e saiamos moito a cear e pasamos tempo xuntos.
«Alegrareime de todo o bo que lle pase a Luis de la Fuente»
FiG: Entendo que todos queriades que gañase España, pero, estando alí dentro, sentídesvos parte e vivídelo doutro xeito?
MA: Hai xente á que pode que lle pase, pero no meu caso non. Eu tiña claro que ía a traballar, a sacar boas reportaxes e entrevistas e ía centrado niso. Cando estás alí é certo que empatizas coa xente da Federación. Por exemplo, alegrareime de todo o bo que lle pase a Luis de la Fuente. O día despois de gañar a Italia era o seu aniversario e a Alfredo Matilla [xornalista de Relevo] e a min ocorréusenos facerlle un vídeo sorpresa, con felicitacións de familiares, compañeiros e os seus mellores amigos. Fomos a ensinarllo ao hotel e ata baixou a recibirnos ao recibidor; ao velo ata chorou da emoción! Un alégrase de que lle vaia ben á xente educada, humilde e respectuosa como é el.
Coas súas entrevistas bendixeron a Merino e Olmo, que pasaron de non ter protagonismo a marcar goles fundamentais
FiG: Estivestes máis dun mes en Alemaña e supoño que foi unha experiencia chea de bos momentos. Con cal quedarías?
MA: En primeiro lugar, o gol de Merino. Antes dos cuartos, en Relevo falamos con el, cando apenas estaba xogando, e acto seguido marcou o gol ante Alemaña. Na previa da semifinal entrevistamos a Dani Olmo, que só fora titular ante Albania, nun partido con todo resolto, e fixo o gol da remontada ante Francia. Antes da final estivemos con Oyarzabal, comentámoslle o que ocorrera con Merino e con Olmo e dixémoslle que ía marcar. Riuse e dixo que oxalá ese fose o motivo para anotar. Cando marcou o gol da vitoria abrazámonos como posesos! Outro momento especial foi cando me xuntaron con Joaquín Maroto, o xornalista máis veterano que cubría a Eurocopa [62 anos], para un artigo.
FiG: No artigo que relata a túa conversa con Joaquín Maroto, el diche que nesta profesión vas gozar moito, pero tamén que vas gañar pouco diñeiro e que vas casar dúas veces. Que me dis disto último?
Manu Amor: Nin imaxinas a cantidade de xente que me preguntou por ese titular, ata Juanma Castaño! Eu levo moitos anos coa miña moza e penso que Maroto viviu outra época do xornalismo. Daquela, creo que tomaban a profesión doutro xeito, viaxaban máis e tiñan moita influencia. Hoxe penso que é máis sinxelo conxugar este traballo cunha relación.
MA: Falemos agora dos artigos sobre esta Eurocopa en Relevo que levan a túa sinatura. Con cal quedarías?
Un deles sería o que xa mencionei do aniversario de De la Fuente. Tamén un sobre Joselu. Sabiamos que naceu en Stuttgart e con catro anos marchou a Silleda, así que, como España xogaba o partido de cuartos nesa cidade, decidimos ir e indagar sobre a súa infancia. En internet non había nada sobre iso. Por casualidades, acabamos nunha peña madridista, a máis antiga de Alemaña. Había moitos emigrantes galegos maiores, duns 80 anos, que tiveran a Joselu en brazos e que eran amigos dos seus pais. Emocionáronse cando lles preguntamos e ata nos sacaron táboas de embutido!
«A Selección Española chegará entre os favoritos ao Mundial de 2026»
FiG: Para rematar coa Selección, cres que esta nova xeración chegou para quedar? Darannos máis alegrías?
MA: Penso que ao Mundial de 2026 chegaremos como un dos favoritos. Lamine terá 19, Nico terá 23… Seguro que estarán mellor que nesta Eurocopa. A eles sumaranse outros rapaces que veñen con forza. Eu teño bastante esperanza en futbolistas como Samu Omorodion. Veremos en dous anos o nivel de Morata, que seguramente siga, e Joselu seguramente caia ao marchar a Catar, polo que non haberá moitas alternativas. Antes temos a Nations League e poden entrar outros xogadores nos vindeiros anos, que dous son moito tempo.
FiG: A nivel profesional, agora que cubriches a Eurocopa, que meta te pos?
MA: Hai dous ou tres veráns estaba indo ás once da noite ao campo do Paradela a sacar fotos para a guía de Futbolinlugo. Non imaxinaba que chegaría tan pronto unha oportunidade como a de Relevo e estouna desfrutando moito. Encantaríame cubrir un Mundial, sería xenial se fose o de 2026. E sumar máis Eurocopas, Xogos Olímpicos… Tamén me gustaría traballar algún día no Racing de Ferrol, que é o meu equipo; iso faríame moita ilusión.
FiG: Para moitos estudantes de Xornalismo e xornalistas mozos eres todo un referente. Que consello lles darías?
MA: Eu o que podo dicir é o que me serviu a min para chegar aquí. O primeiro é devorar medios, ler moito, escoitar moito e ver moito. Eu intento escoitar dúas ou tres horas de radio ao día, leo todo o que podo e ata merco o xornal en papel. O que me axuda é aprender dos demais, esa é a forma do progresar. A min tamén me funciona ir con perfil baixo, ser humilde, é algo que me sae.