# Hashtag

A Preferente Sur afronta a última xornada do ano cunha igualdade máxima

A penúltima xornada do ano na Preferente Sur deparou uns resultados que provocaron que a igualdade sexa o factor predominante na clasificación. A derrota do Céltiga ante o Atios (1-4) e as vitorias do Barco (0-1 en Pontevedra) e do Beluso (2-1 fronte ao Choco) ocasionan un triplo empate na cabeza da táboa (29 puntos), co Atios á espreita a só tres puntos. O conxunto dirixido por Rafa Villaverde conta coa vantaxe de ter un partido aprazado e, en caso de gañalo, sería o líder do grupo.

No quinto posto da clasificación sitúase o Cented Academy, que esta fin de semana goleou ao Xuvenil de Ponteareas con dobretes de Íker Gómez e de Israel (5-1). O cadro ourensán, que aínda debe disputar o seu partido aprazado, ten 23 puntos e avantaxa nun ao Moaña e ao propio Xuvenil, que, á súa vez, teñen un punto de vantaxe sobre Porriño Industrial, Cultural Areas e Cambados, tamén cun partido pendente.

A igualdade non cesa aí, posto que o Pontevedra B e o Atlético Arnoia acumulan 20 puntos e tampouco disputaron aínda o encontro aprazado fai un par de fins de semana. Por detrás sitúanse o Choco, cun partido menos, e o Umia, ambos con 18 puntos. A día de hoxe serían o Portonovo (17 puntos) e o Verín (16 puntos) os que perderían a categoría xunto a uns descolgados Atlántida de Matamá (8) e Rápido de Bouzas (6).



A igualdade é tan visible que o Verín, que actualmente é o terceiro peor equipo da categoría, atópase a só sete puntos da fase de ascenso ou o Moaña, que sería o primeiro equipo que non entra en play off, só avantaxa en cinco puntos ao descenso.

Última xornada do ano

Por estes motivos, a última xornada do ano será moi importante para coñecer como se marcharán os equipos ao parón de Nadal. Por arriba, o Céltiga quere sacarse o mal sabor de boca do seu último partido en casa cunha vitoria en Redondela, mentres que o Barco enfrontarase ao Verín nunha repetición da final da Copa Deputación de Ourense da campaña pasada e o Beluso buscará seguir sorprendendo no seu derbi comarcal ante o Moaña, que desexa acabar o ano en postos de fase de ascenso.

Nesa pelexa, o Cented Academy defenderá a súa praza nunha complicada visita ao Atios, no que será o gran partido da xornada entre o terceiro e o quinto clasificado. Con opcións de engancharse á parte alta, destacan o Cultural Areas e o Cambados, que se enfrontan en Burgáns nun partido onde o que gañe subirá algúns postos na táboa. Pola súa banda, o Porriño Industrial mídese ao Rápido de Bouzas coa intención de sumar de tres e avanzar.



Se falamos da zona baixa, o choque da xornada pódeno protagonizar o Umia e o Atlético Arnoia no primeiro partido da fin de semana que se disputará o sábado ás 20.00 horas na Bouza. O Portonovo pode aproveitar a oportunidade se vence ao Xuvenil de Ponteareas e o Pontevedra B pode facer o propio perante o Atlántida de Matamá. 

Partidos aprazados e última xornada

No comezo de 2025, o Preferente Sur vivirá a recuperación dos partidos aprazados na primeira fin de semana do ano, a excepción do encontro entre Rápido de Bouzas e Cambados, que se disputará este xoves 19 ás 21.30 horas no Baltasar Pujales. Os outros tres choques (Pontevedra B-Cented, Matamá-Beluso e Choco-Arnoia) terán lugar o sábado 4 de xaneiro.

Para completar a primeira volta e coroar ao campión de inverno, a seguinte fin de semana disputarase a xornada 17. O Barco e o Beluso recibirán a visita de Atlántida de Matamá e Rápido de Bouzas, respectivamente, mentres que o Céltiga pechará a súa primeira volta ante un combativo Moaña no Salvador Otero.



A Preferente Sur afronta a última xornada do ano cunha igualdade máxima

Os Diferenciais da Primeira Futgal na penúltima

A Preferente Sur afronta a última xornada do ano cunha igualdade máxima

Abrirase unha nova porta para a Irmandiña

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *