# Hashtag
campioas-terceira-galega-feminina

As primeiras campioas da Terceira Galega

Xa coñecemos ás primeiras campioas da recén creada Terceira División Galega, o chanzo más baixo do nivel autonómico feminino. Esta categoría viu a luz este ano coa participación de 4 grupos, con equipos procedentes dunha fase condicionada da Segunda División Galega. Estas eliminatorias por evitar o ‘descenso’ trouxeron polémica, xa que algúns equipos pasaron de xogar unha fase de ascenso á Primeira Autonómica a rematar descendendo á última categoría de todas.

Coa tempada finalizada e cos títulos en mans das súas protagonistas; conversamos coas capitás dos equipos campións, que compartiron con nós as súas experiencias.

As de Culleredo lideraron o primeiro grupo

Baño de masas das xogadoras. Facebook do Sporting Burgo

No Grupo 1 o Sporting Burgo impúxose como campión indiscutible ao dominar a competición dende a primeira xornada ata a última. A súa capitá Tamara considera que «perder a categoría o ano pasado foi un pau enorme» e que unha das claves este ano foi «estar todas xuntas e remando no mesmo sentido».



As xogadoras percorreron as rúas do Burgo celebrando a xesta coa súa afección. «Este ano contabamos con quedar o máis arriba posible para poder xogar a fase de ascenso pero ninguén se esperaba quedar campioas de liga e ascender directamente».

O Dumbría volve á Segunda División

A falta de dúas xornadas para finalizar a liga, o CF Dumbría coroábase como campión do segundo grupo. Mai, unha das capitás, cóntanos que se atopaban desputando o seu partido fóra da casa. «Achegámonos ata o noso campo a esperar a que rematase o outro encontro e improvisamos una festa».

As xogadoras do CF Dumbría levantando o trofeo de campioas. Cedida

Ela tamén lembra o reaxuste que se fixo nas categorías: «foi totalmente inxusto, conseguimos quedar entre os 5 primeiros, xogar unha fase de ascenso; e na seguinte fin de semana estabamos xogando unha fase de descenso contra un equipo forte no seu grupo para finalmente descender».



Di que este ano tocou comezar de cero pero que «unha das claves do éxito foi que intentamos tamén ser un equipo dentro e fóra do campo». Porén, tiñan claro que querían «intentar devolver ao equipo a onde tiña que estar».

Ondea a Bandeira no Grupo 3

No Grupo 3 puidemos ver ao SD Bandeira facerse co trofeo. «Non tiñamos ningún tipo de presión, iamos pasándoo ben e xogando ben, e fomos subindo pola táboa», sinala a súa capitá Andrea. Na última xornada precisaban só dun punto para acadar o título, pero fixeron os deberes gañando á SDC Órdenes por dous goles.

As de Silleda, que tan só caeron derrotadas en tres encontros, festexaron o campionato á altura do acontecemento «fomos nuns camións e metémonos na fonte a celebralo». De cara ao ano que vén saben que o campionato será máis esixente «pero temos a sorte de que xa sabemos o que é xogar en Segunda e imos facelo o mellor posible».



O San Roque Casablanca o equipo máis goleador

«Esforzo, perseverancia e confianza» foron algunhas das palabras que nos deu a súa capitá Silvia para resumir o éxito do San Roque Casablanca no cuarto grupo. O conxunto de Vigo, foi o equipo que máis dianas anotou de todas as categorías galegas cun total de 154 goles a favor.

Proclamáronse campioas na penúltima xornada ante o segundo clasificado da categoría, o Lóstrego C. Un gol no último minuto do encontro desatou a alegría na bancada branquiazul. Foi alí onde comezaron a festa: «un día sen dúbida para non esquecer, cheo de diferentes emocións e rodeadas da nosa xente».

O SR Casablanca celebrando o primeiro posto coa súa afección. Cedida

A creación desta Terceira Feminina tamén é proba do crecemento e evolución do fútbol en Galicia. Cada ano o número de licenzas crece e tamén o fai o número de clubs que crean a súa sección feminina. Nas declaracións das capitás para FutbolinGalicia reflexaron non só a emoción de acadar os triunfos, senón tamén o gran compromiso dos seus equipos coa competición.

Agardámoslle unha longa vida a esta Terceira División Galega que, malia a controversia xerada pola súa forma de aparecer, semella que axudará a crear unha base sólida para o futuro do fútbol feminino en Galicia.



As primeiras campioas da Terceira Galega

Miguel Freiría, CD Valladares: «Neste club é

As primeiras campioas da Terceira Galega

O fútbol afeccionado, de novo pendente dos

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *