# Hashtag

Máxima emoción e ascensos en xogo no desenlace da Primeira Galicia

A tempada segue avanzando e, mentres a maioría de competicións chegaron á súa fin, a Primeira Galicia segue con máxima emoción. En concreto, coa fase de ascenso a Preferente Galicia, que esta fin de semana presenta tres partidos decisivos. Son os correspondentes aos grupos de Lugo, Ourense e Pontevedra.

No caso de Lugo, o ascenso decidirase entre a SD Chantada e o Atlético Escairón. O equipo do Saviñao foi quen de impoñerse no partido de ida por 0-1, grazas a un gol solitario de Rubén Sotelo ‘Rucho’, o ex de Melias e Atlético Arnoia, que acumula 16 goles esta campaña.

No encontro de volta, que se xogará este domingo ás 19:00 horas, o Escairón intentará facer valer a súa condición de favorito e sumar o factor de xogar diante da súa xente. Iso si, tamén se agarda un importante desprazamento de seareiros chantadinos (na imaxe sobre estas liñas).



O Escairón de Iván González rematou a liga na segunda posición. Asinou unha boa campaña logo de reforzarse con futbolistas chegados da provincia de Ourense. O citado Rucho é un deles, pero tamén destaca o emblemático Josu. O lateral dereito xogou en Segunda B co extinto CD Ourense, co Compos e mais o Coruxo. En Terceira vestiu a camisola da UD Ourense e Ourense CF e a pasada campaña xogara no Arnoia de Preferente.

O Beluso defende vantaxe

No grupo pontevedrés, o Beluso impúxose 2-0 no partido de ida con dous tantos de cabeza. O equipo que prepara Lino Villaverde quere regresar a Preferente só un ano despois de perder a categoría. Saben que parten con vantaxe, pero buscarán asinar un partido serio en todas as áreas para non poñela en perigo.

Diante terán unha das revelacións da categoría, o San Martín. O equipo de Vilagarcía non aparecía como favorito en demasiadas quinielas a principio de tempada. Con todo, o espectacular traballo de todo o equipo levounos a rematar na terceira posición, mesmo por riba do Beluso. Acoden ao encontro convencidos das súas posibilidades e con gaña de darlle a volta ao marcador.



Partido tolo en Ourense

Sen dúbida, unha das eliminatorias máis vibrantes é a que está a deparar o grupo ourensán. O Nogueira de Ramuín impúxose 3-4 ao Cented Academy na ida. Foi un partido tolo, con catro goles nos primeiros 12 minutos. O Nogueira adiantouse de penalti e chegou ao descanso vencendo 1-3. Na segunda metade recortou distancias o Cented para deixar a eliminatoria viva.

A marca Cented, ademais do equipo sénior e de base, é coñecida por ser unha escola de formación no mundo do fútbol. Comezou a competir na Segunda Galicia na campaña 2021-22 e está a debutar na Primeira esta tempada. Agora, queren sumar un segundo ascenso consecutivo. Para iso, terá que remontar a domicilio no partido de volta ante unha das sensacións do campionato.

A Primeira da Coruña, Ferrol e Santiago, por decidir

Nos grupo 1 e 2, o da Coruña-Ferrol e Santiago, aínda haberá que agardar ata o día 16 para coñecer o equipo que lograr o ascenso a Preferente. Esta fin de semana dispútase o partido de volta das semifinais. Por unha banda, mídense o Carral e o Puebla, que parte coa vantaxe do 1-0 favorable do partido de ida. Pola outra, xogarán o Cordeiro de Valga e o Órdenes. Estes últimos conseguiron a vitoria no primeiro encontro, tamén pola mínima, 1-0.



Os dous equipos derrotados na ida xogarán como locais e, polo tanto, co factor campo. Ambos os dous encontros serán o domingo e prevense dúas eliminatorias abertas e moi emocionantes. Os que clasifiquen deberán afrontar unha final de ida e volta.

Mentres o play-off de ascenso continúa, a Primeira Galicia segue con dúbidas de cara á vindeira tempada. Sobre todo no relativo á confección dos seis grupos que haberá, un máis que ata o de agora. Como se explica neste artigo, desaparece a división provincial. Seguirase un criterio de proximidade xeográfica para repartir os 108 equipos que competirán.

Máxima emoción e ascensos en xogo no desenlace da Primeira Galicia

As leoas do Atlético San Pedro chegan

Máxima emoción e ascensos en xogo no desenlace da Primeira Galicia

O desbordamento que arrasou un campo e

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *