# Hashtag

Diario dun Mercado. A Preferente Norte apura as últimas fichaxes. Episodio 6

Os 18 equipos da Preferente Norte danse présa para realizar as últimas fichaxes antes do inicio da liga, previsto para a fin de semana do 7 e 8 de setembro. Co groso dos cadros de xogadores definido dende hai semanas, os clubs buscan incorporacións de última hora para reforzarse ante o inminente inicio dunha tempada que se prevé moi igualada.

Seydiba Mendes (na imaxe principal, á esquerda) é novo xogador do Galicia de Mugardos. Formado na base do Dépor dende cadetes, o defensa nacido en Senegal chega procedente do Arteixo. Compartiu vestiario en xuvenís con futbolistas como Martín Ochoa (agora no Lugo), Diego Gómez (Arenteiro) ou os aínda deportivistas Kevin e Rubén. Seydi podería non ser a última fichaxe do club da Pedreira, que agarda un reforzo estrela.

O Lalín deu conta este xoves de dúas novas incorporacións. O lateral dereito Canutas volve aos terreos de xogo tras completar a pretempada no conxunto do Anxo Cortizo. Para reforzar a defensa tamén se incorpora o central Adrián Vigo.



Nas últimas datas, o Dubra anunciou a chegada do lateral esquerdo Martín Carracedo. Tras semanas adestrando ás ordes de Bardanca, o futbolista formado no Bergantiños convenceu ao técnico, que aposta por el no seu primeiro ano sénior. No Ribadeo, que vén de empatar co Racing Villalbés nun amigable, seguirá unha tempada máis o arxentino Matías Casal, mentres se recupera dunha complexa lesión.

Seguindo na provincia de Lugo, o ambicioso proxecto do Pol conta cun novo integrante de nivel. Dende a Terceira RFEF chega Laye, con pasado en Arteixo, Viveiro e Paiosaco, o último curso. Tamén se incorpora o defensa de Guntín Álex Vázquez, ex do Ribadeo.

Últimas fichaxes da Preferente Norte

Fichaxe de última hora nun San Tirso que esta fin de semana tentará levantar a terceira copa do ano. Tras a Copa da Coruña e a Copa Deputación, os de Fabio Rodríguez loitarán ante o Areas pola Supercopa. Na tempada poderán contar co reforzo do atacante Pedro Carpente, que recala no Monte dende o Victoria CF.



Tamén anuncia chegadas o Montañeros, neste caso dun xogador que marchará cedido ao Carral de Primeira Futgal esta tempada. O conxunto coruñés, tras incorporar a Jorge Cano, deu conta da chegada do central Pablo González, procedente do Real Avilés. Acababa de ascender a División de Honra Xuvenil no cadro asturiano. Renova e tamén pon destino ao Carral Adrián Morán.

Mentres, o Sigüeiro anuncia baixas, moitas delas xa coñecidas. Non seguirán Ángel e Gonzalo Landeira, Marcelo, Roi Rama, Rubén Casas, Asael González, Hugo Álvarez e Aldán Naval. Tampouco continúan Roi Parguiñas, Xabier Trillo, Yago García, Luis Pernas e Xoel Trasancos. Varios dos citados están participando na pretempada co primeiro equipo da SD Compostela.

Foto: FFCV



Diario dun Mercado. A Preferente Norte apura as últimas fichaxes. Episodio 6

Diario dun Mercado Preferente Sur. Episodio 7

Diario dun Mercado. A Preferente Norte apura as últimas fichaxes. Episodio 6

Máxima igualdade no grupo 4 da Primeira

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *