# Hashtag

Antón Permuy, SD Compostela: «Queremos enganchar ao afeccionado»

A SD Compostela vén de vivir un ano turbulento. Un cadro de xogadores deseñado para competir por todo na Segunda RFEF non rendeu de acordo coas expectativas xeradas.

Fórmulas que non funcionaron en Compostela

Manel Menéndez chegaba en verán ao banco do Vero Boquete para dirixir ao equipo, pero en outubro a directiva optou polo seu cese. O contrastado Míchel Alonso asumiu entón os mandos, pero tras unha tímida reacción, o conxunto voltou caer na táboa. O técnico ferrolán presentou a súa dimisión tras a derrota ante o Langreo na casa o 17 de marzo (0-1). A afección, amolada cos xogadores e coa directiva, comezaba a perder a paciencia.

A solución estaba na casa

O ata entón adestrador do Xuvenil ‘A’ da SD Compostela, Antón Permuy (Santiago de Compostela, 1990), pasou a ser o adestrador do primeiro equipo. O compostelán xa acompañara a Míchel Alonso como axudante desde outubro ata marzo, pero asumiu o maior reto da súa traxectoria —polo momento curta, pero prometedora— á fronte dos de San Lázaro.



Logo dunha dura derrota en Cayón (4-0), Permuy e o seu segundo Dani Gesto lograron introducir no vestiario o aire fresco que este necesitaba e os resultados comezaron a chegar, acompañados polas boas sensacións. Pese a non entrar na promoción de ascenso por un só partido de diferencia, o club demostrou a confianza nestes dous novísimos técnicos e anunciou a súa renovación incluso antes do final de temporada.

Hoxe, Permuy conversa con nós para analizar a súa formula revulsiva na recta final da 23/24 e as súas expectativas para a 24/25.

Futbolingalicia: Que cambiou coa túa chegada ao banco da SD Compostela?



Antón Permuy: É difícil valorar iso. Nós tratamos que todos os xogadores se achegasen á súa mellor versión individual e, unha vez conseguido, atopar unha idea común que nos puidese potenciar o máximo posible.

«O club está apostando pola xente da casa«

FIG: Xa se despediron varios futbolistas en redes sociais. Cambiará moito o cadro de xogadores na próxima campaña?

AP: Si, hai xogadores que rematan contrato e non van continuar. Ese baleiro hai que enchelo con outra xente: estamos aínda no proceso de ver quen sae e quen entra para confeccionar un novo cadro de xogadores.



FIG: Determinou un obxectivo a directiva de cara á 24/25?

Antón Permuy (fondo) conversando co seu segundo, Dani Gesto. Imaxe: Web SD Compostela

AP: O primeiro obxectivo é conformar o mellor cadro de futbolistas posible. Hai que ir paso a paso, construir o grupo… aínda é cedo, pero o club xa leva traballando meses nesa dirección. Agora xa é momento de afinar un pouco, comezar as negociacións e, a partires de aí, establecer os obxectivos.

FIG: Xuvenil ‘A’ en División de Honra, Sigüeiro clasificado para a Copa do Rei… apostará o primeiro equipo pola Canteira Picheleira?

AP: Si, xa van varios anos seguidos nos que se asenta algún xogador que sae da canteira da SD Compostela: Roque, Kike, Matos… así que a idea é que os rapaces da base teñan a súa opción e que non se lles pechen as portas. Teñen que ganalo, pero o club sempre da opción a que o fagan.

FIG: Foi un ano moi especial para ti, coa clasificación para a Copa do Rei xuvenil e o debut en 2ª RFEF.



AP: Estou moi contento. En moi pouco tempo se deron moitos cambios positivos, pero ademais coincidimos con grupos moi bos que nos fixeron desfrutar moitísimo do día a día. Si que foi unha mágoa non conseguir a clasificación para a promoción, porque nos ilusionaramos no penúltimo partido. Pero en xeral, a nivel persoal, estou moi ledo.

FIG: Contabas con medrar tanto nestes últimos doce meses?

AP: Non, claro que non. Tan só pensaba nos xogadores do Xuvenil ‘A’ e en acadar unha permanencia máis tranquila que a do curso anterior nunha categoría tan complicada como a División de Honra. Unha vez que se foron encamiñando os resultados aí, pensabamos algo na vindeira campaña, pero ao final todo se precipitou cara o primeiro equipo.

FIG: É evidente que a confianza do club é plena, tanto en Antón Permuy como no seu segundo, Dani Gesto.

AP: Si, foi unha ledicia que xusto antes da última xornada o club ofrecese a renovación, independentemente do que ocorrese. Sentir a confianza derivada da nosa forma de traballar e de ser foi moi bonito: obviamente despois os resultados teñen que acompañar, pero valoramos moito a confianza que nos mostraron.

«Gustaríanos un Compostela agresivo, alegre, propositivo e optimista«

FIG: Como será a identidade no campo da SD Compostela de Antón Permuy?

AP: O primeiro é determinar o cadro de xogadores. Pero si que nos gustaría ter un equipo agresivo con balón e sen el, que sexa capaz de transmitir: o fútbol é sentimento de pertenza e transmisión de emocións, polo que iso vai ser importante. Queremos propoñer, ser alegres, optimistas… o que buscamos cando collimos o equipo esta temporada, para enganchar ao afeccionado. Trataremos de transmitir emocións e, sobre todo, de ser competitivos, porque se non o somos non vale de nada o resto.

FIG: Apostar por xogadores e adetradores da comarca pode enganchar aos siareiros picheleiros.

AP: Si, se hai xente de preto sempre é un plus. Hai xente que nos coñece, aos xogadores e ao corpo técnico: amigos, familia… que son de aquí e poden comezar a seguir máis ao Compostela por vernos a nós. Oxalá que o que fagamos no campo termine de enganchar á xente ou lles faga querer repetir.

Imaxe de Portada: Web SD Compostela

Antón Permuy, SD Compostela: «Queremos enganchar ao afeccionado»

Marcos Martínez, CD Boiro: «O ascenso pon

Antón Permuy, SD Compostela: «Queremos enganchar ao afeccionado»

O Arzúa, a avaría do ‘queixo mecánico’

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *