O Compostela deu este domingo un paso de xigante cara ao ascenso directo cun triunfo de enorme peso no campo do seu máximo rival. O conxunto santiagués impúxose por 0-2 ao Arosa nunha Lomba ateigada, con máis de dous mil afeccionados, recuperando o liderado da Terceira RFEF e deixando aos arlequinados a dous puntos cando restan só catro xornadas para o final.
O partido quedou encamiñado nunha primeira metade na que os santiagueses foron moi superiores. Avisaron cedo con varias ocasións claras ata que, no minuto 26, Antón Guisande abriu o marcador cunha definición de gran calidade tras unha xogada colectiva. Sen tempo para reaccionar, o propio Guisande volveu aparecer antes do descanso para facer o segundo, aproveitando os desaxustes da defensa local.
Tralo paso polos vestiarios, o Arosa deu un paso adiante e buscou meterse no partido. Tivo balón, xerou perigo e mesmo chegou a bater no pau, pero atopouse cun sólido Compostela e cun inspirado Álex Cobo baixo paus. Os locais, que viñan nunha dinámica moi positiva, quedaron sen marcar por primeira vez en toda a tempada na casa e viron como se rompía o seu invicto como locais.
Na vindeira xornada, o Compostela recibirá no Vero Boquete ao Atlético Montañeros, mentres que o Arosa terá que viaxar ata O Barco de Valdeorras.
Sexta vitoria consecutiva para o Atlético Arteixo
O Atlético Arteixo segue imparable neste 2026 e conseguiu a súa sexta vitoria consecutiva cunha contundente goleada ao Barco (5-1), consolidándose nas posicións privilexiadas da táboa. Por outra banda, o Rácing Villalbés volveu a postos de play off tras superar ao Cambados na Magdalena (2-0).













































































































































































































































































































































































































































































































































































































































