Unha noite de copas é unha noite tola, segundo din as cantantes de Nueva Línea. Pero na orquestra canaria descoñecen que aquí en Galicia tivemos toda unha Semana Santa ateigada de partidos doutras copas. Así é. Os afeccionados ao fútbol rexional esquecéronse do parón na Primeira Futgal e puideron contentarse cunha nova ronda dos diferentes Torneos do K.O. da nosa xeografía. Partidos marcados, como non, polo bo facer dos Diferenciais…
A Copa da Coruña
Nas terras herculinas non houbo grandes sorpresas, pois venceron os favoritos. Os finalistas do torneo coñeceranse en apenas un mes, cando se disputen as semifinais Sporting Coruñés – San Tirso e Club do Mar – Paiosaco.
Sufriu, pero o Sporting Coruñés asegurou a súa presencia na seguinte rolda vencendo ao Almeiras na quenda de penaltis (3-3). A pesar de adiantarse cun tanto de Mike, os branquiazuis viron como o seu rival non tardou nin cinco minutos en igualar a contenda. O choque mantívose parello na segunda metade, con varias idas e vidas que remataron por levar aos dous equipos ata o punto fatídico. Logo de ter selado un dobrete no tempo regulamentario, Mike volveu ver porta desde os 11 metros, erguéndose como o gran heroe do Sporting Coruñés na tarde dominical.
Tamén estivo axustado o San Tirso – Betanzos, resolto cun 1 a 0 a prol dos homes de Fabio Rodríguez. O adestrador non puido estrear mellor a súa renovación coa entidade do Monte, á que pretende devolver a Riazor 2 anos despois. Ordenados e dispostos a non ceder un ápice de intensidade, os dous equipos protagonizaron unha disputa trepidante, propia de dous candidatos a acceder aos play off de ascenso á 3ª RFEF. Foi entón cando, no último treito do partido, Denis colleu un balón de costas e, sen deixalo botar, enviouno ao fondo das mallas betanceiras. Ao atacante de Caión cáenselle os goles das botas, tal e como proban as súas quince anotacións no que vai de temporada.
A Copa da Costa
Na fin do mundo xa se decidiu quen loitará por facerse coa LXI Copa da Costa. Malpica e Muxía estarán presentes na finalísima de Vimianzo, onde un dos dous aspirantes se coroará como o novo campión da Costa da Morte.
Logo de empatar a ceros, o Malpica logrou tombar ao Porteño na lotería dos penaltis. Coa mala xeira de resultados acadada na Liga da Costa, os homes de David Baña aferráronse á Copa como un cravo ardendo. A resposta de Pedra Queimada ante esta oportunidade non puido ser mellor, notando os seus ánimos desde os primeiros compases do xogo. Sen claras ocasións nos 90 minutos, o colexiado levouse o chifre á boca para poñerlle o remate ao duelo: tocaba lanzar as penas máximas. Un erro de cada combinado estendeu a quenda ata un sexto lanzamento que non puido acertar o Porteño. Saúl tiña ante si a posibilidade de clasificar aos seus á final da Copa da Cosra, 13 anos despois da súa última participación nela. E o atacante de 20 anos non acusou a súa xuventude, convertendo o penalti decisivo.


A sorpresa da xornada copeira tivo lugar en Arliña, onde o Muxía derrotou por 2 a 1 ao Sofán. Se ben a primeira parte foi máis gris e apertada, todo cambiou no reinicio, momento onde o cadro da Virxe da Barca se fixo coa iniciativa no electrónico. Iso si, pouco lles durou a alegría, xa que o seu rival reequilibrou a balanza ao pouco de ter recibido o primeiro golpe. A partir de entón, a eliminatoria converteuse nunha batalla apaixonante, cuxa resolución veu das botas de Fran Moreira. O killer de Arou vestiu a capa de súper hereoe unha vez máis e, a falta dun cuarto de hora para a fin do partido, puxo a sentenza co segundo tanto da tarde para os muxiáns.
A Copa Ferrol
Máis axustadas foron as semifinais do torneo departamental, onde Cultural Maniños e O Val puxeron toda a carne no asador para acceder á gran final.
Os de Fene sacaron o billete para a última ronda ao superar por un 0 a 1 ao Rosalía. No Lameiro respirouse fútbol polos catro costados, premiando aos espectadores que se achegaron ata alí cun partido tan igualado como emocionante. Nada máis volver do paso polos vestiarios, Gonza anotou o único e definitivo tanto da tarde. O central, indiscutible na zaga do Pote, viu porta por primeira vez na temporada e de que maneira! Coa súa anotación, os xogadores adestrados por Adrián Martínez superaron o último escollo antes da gran final. A última oportunidade de redimirse dun ano excesivamente duro na Preferente Futgal.

Mesmo marcador que no Galicia de Caranza – O Val, cuxo remate non deixou a ninguén indiferente (0-1). O guión foi semellante ao da outra seminifinal, con dous combinados dispostos a dalo todo con tal de levarse a vitoria. Malia competir dúas categorías por baixo do seu rival, os ferroláns non se acovardaron e mantiveron o 0-0 ata os intres finais. Os penaltis parecían unha realidade cando, na prolongación, Caste furou as redes do Galicia de Caranza. Ademais de anotar en liga, o atacante tamén lidera a ofensiva dos seus na Copa, onde exerce como máximo goleador do cuadro da Sinde.

A Copa do Sar
En terras picheleiras haberá un ‘derbi lácteo’ na gran final, pois o Negreira e o Arzúa fixeron os deberes e veranse as caras a mediados de maio.
Si, oístes ben. O vencedor da pasada edición da Supercopa Galicia volverá gozar da posibilidade de clasificarse á máxima competición rexional. Fíxoo ao golear por un gol a catro a un Amio que lle plantou cara durante os primeiros 45 minutos. A partir de entón, o Negreira non deixou de pisar o acelerador, sentenciando o choque no último cuarto de hora. Boa parte de culpa tivo Alberto Freire, quen entrou desde o banco para revolucionar aos seus. O mago de Campolongo converteu a segunda diana dos seus e, unha vez por diante, os pupilos de Adrián Vázquez puxeron terra de por medio con outros dous goles.
Por outra banda, o Arzúa apoiouse na forza do Viso para impoñerse pola mínima ao Dubra (1-0). O ‘Queixo Mecánico’ ten o dobrete entre cella e cella e, ademais de cumprir co obxectivo de ascender a Preferente Futgal, tamén quere darse unha alegría na Copa do Sar. Se ben o primeiro tempo non tivo un claro dominador, o segundo non tardou en inclinarse a favor dos arzuáns. Brais Pedreira botouse ás costas aos seus e conseguiu poñer o 1 a 0 xusto no reinicio. A pesar de non ser unha vantaxe ampla, os locais soubérona xestionar e mantiveron a raia a un Dubra incapaz de igualar a contenda.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.







































































































































































































































































































































































































































































































































































































































