Igualdade máxima tamén ao sur da comunidade, onde a Primeira Futgal se atopa verdadeiramente animada. Xa sexa por uns ou outros obxectivos, temos por seguro que os participantes na competición non renunciarán aos seus obxectivos nesta recta final da temporada. E menos aínda se teñen aos seus xogadores máis Diferenciais para axudalos na consecución destas metas…
Como auga de maio
Poucas sensacións melloran a unha vitoria cando se está a atravesar un mal momento na competición. Como unha suba de enxería, facerse co +3 permitiulle gañar confianza aos seguintes equipos:
Non lle foi doado, pero o Muíños deixa atrás a súa mala xeira de resultados ao impoñerse por un gol a cero ao Antela B. Logo dunha primeira metade trabada e sen goles, os da Moreira deron un paso adiante e tomaron vantaxe por mediación de Varandela. Ben desde o banco ou ben como titular, o atacante ourensán segue a amosar a súa calidade nos campos de fútbol e proba disto o tanto anotado ante o filial branco e negro. A súa anotación serviulle ao cadro da Baixa Limia para asentarse na táboa clasificatoria e afastarse da zona baixa da mesma.
Un encontro semellante ao vivido no Antonio González Blanco, onde o Loñoá tamén derrotou pola mínima ao Polígono San Cibrao (0-1). Os homes de David Rivo precisaban reencontrarse co triunfo e co gol. Dito e feito. Á hora de partido, Amills abriu a lata para os seus poñendo fin á seca en ataque dun Loñoá que non vira porta en máis dun mes. Como se fose un súper heroe, o atacante ourensán apareceu para rescatar aos seus e manter viva a esperanza de acadar os play off.
Mais, sen lugar a dúbidas, o equipo de moda deste grupo 4 é o Maside. Desde a chegada de Mindo Surribas ao banco do Outeiro Grande, os azuis encadean oito +3 consecutivos, o último deles por 3 a 2 fronte o Melias. A pesar de adiantarse aos cinco minutos, os locais recibiron unha xerra de auga fría ao encaixar por partida dobre. Ao bordo do tempo de lecer, volveu aparecer Álex Blanco para asinar o seu segundo tanto no duelo e devolver a igualdade ao marcador. Co paso dos minutos, Maside e Melias comezaron a valorar a idea do empate ata que os primeiros declinaron a balanza ao seu favor no engadido.
Facer as contas canto antes
Coas prazas de ascenso e play off practicamente definidas –non así o equipo que subirá á Preferente Futgal de xeito directo –, o foco de atención trasládase á loita pola salvación neste grupo pontevedrés.

Aínda é cedo, pero o Pontecaldelas acariña a permanencia despois de arrincarlle un punto ao Unión (1-1). Decididos a asaltar o Chan da Barcia, a escuadra de Asados foi a primeira en golpear e fíxose coa iniciativa no 40’. ‘Tonete’ axustou aos seus xogadores no entretempo e os verdes saíron dos vestiarios con outra motivación, igualando a contenda grazas ao bo facer de Raúl Garrido. Con esta, o atacante suma a súa novena diana neste curso futbolístico, onde se está a revelar como unha peza chave na ofensiva do Pontecladelas.
A sorpresa da xornada saltou en Padrón coa vitoria do Agolada por dous goles a cero ante o Flavia. Aos do Deza bastoulle un cuarto de hora para facer o primeiro e, unha vez por diante, souberon controlar o ritmo de xogo ata desesperar ao equipo local. Mediado o segundo tempo, ampliaron a súa renda cun tanto do seu xogador estrela, Nuno. Tras arrasar a pasada campaña nas filas do Silleda, o dianteiro está a realizar un gran ano co Agolada e sitúase como o seu máximo goleador. Boas noticias para os de amarelo e negro, que aproveitaron unha oportunidade magnífica para intentar saír da queima do descenso.
Peor parado saíu o Amanecer ao caer por 3 a 1 ante o San Martín. Ningún dos dous contrincantes gozou de ocasións claras nos primeiros intres, marcados por un fútbol gris e trabado. Así e todo, os xogadores de Vilaxoán puideron adiantarse no último suspiro dos primeiros 45 minutos. A partir de entón liberáronse e puxeron terra de por medio con dous goles máis. O último levou a sinatura dun Mateo Parada que viu porta en tódolos duelos disputados co seu novo equipo.

Focos distintos, mesma ambición
Nas terras olívicas aínda non está vendido todo o peixe e aos equipos quédalle moito que rillar se pretenden acadar as súas metas. Se o camiño non foi nada fácil ata o de agora, menos o vai a ser desde este momento.
No duelo de necesitados entre o Domaio e o Caselas, a escuadra da Granxa resultou vencedora (4-1). Aos de Miguel del Ojo custoulles arrincar mais, cando o fixeron, non deixaron de pisar o acelerador e anotaron dúas dianas para irse ao descanso cunha boa vantaxe. Tombada sobre a lona, a escuadra celeste repúxose do duro golpe e reduciu a fenda no reinicio. A reacción do Domaio foi instantánea e fixeron o terceiro ao pouco, rematando coas esperanzas dos salcedenses cun cuarto tanto. Foi Hamza quen se encargou de poñer a sentencia ao choque co seu sexto gol nesta campaña.
Por outra banda, o líder, o Atlántida de Matamá, superou por dous goles a un ao Candeán no derbi vigués. A pesar de situárense en polos opostos da táboa clasificatoria, os brancos ofreceron resistencia ante o máximo candidato ao ascenso a Preferente Futgal. Co encontro atascado, Manu Martínez fixo acto de presenza e cun dobrete encarrilou as cousas para os de Penedo da Moo. Chegados á prolongación, o Candeán recortou distancias desde o punto fatídico, aínda que non foi quen de darlle a volta á tortilla e rematou caendo.

O Chaín non pasou tanto apuro no seu compromiso desta xornada, pois endosoulle un contundente 4 a 0 ao Progresista. A bancada da Gándara vibrou cos seus nunha tarde onde, á media hora, xa ían vencendo por 2 a 0. Non mudou o guión nos seguintes 45 minutos e Portas, cun forte disparo desde o medio campo, volveu furar as redes rivais para rematar ao combinado visitante. Aos seus 42 anos, o central vigués segue a mostrarse dominante en cada disputa e conserva aínda ese olfacto goleador que tanto o caracterizou nos últimos anos. A piques de finalizar o duelo, os do Val Miñor volveron á carga e remataron o partido cunha cuarta anotación.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.


































































































































































































































































































































































































































































































































































































