Xa hai máis de medio ano desde que os equipos da Primeira Futgal comezaron a andar. Un período de tempo onde o seu compromiso e amor por unhas cores os levou a tomar sacrificios persoais, adestrar con chuvia e frío e derramar sangue, suor e bágoas en prol dun obxectivo común. Apenas queda un terzo do calendario por concluír e os xogadores máis Diferenciais xa se están a preparar para o treito decisivo da competición.
Igualado por arriba e por abaixo
Pasan as xornadas e todo segue igual no grupo 1, onde os seus participantes non deixarán de loitar ata o final ben sexa por acadar o ansiado ascenso, ou ben por permanecer un ano máis na categoría.
Colle aire o Sporting Coruñés co seu triunfo por dous goles a cinco ante o Marte. Os branquiazuis saíron enchufados ao terreo de xogo e realizaron unha primeira metade magnífica, furando as redes rivais ata en dúas ocasións. Pese anotar un terceiro tanto á volta da caseta, o seu rival reaccionou e recortou distancias en pouco tempo. Así e todo, o cadro adestrado por Marcos Souto aguantou o resultado ata os intres finais, momento onde apareceu Hugo López para resolver o ‘derbi’ herculino co seu segundo tanto no encontro.
Tamén fixo os deberes o Torre logo de superar por un axustado 3 a 2 ao As Pontes. Conscientes da necesidade de acabar coa súa mala xeira, os arlequinados fixéronse co dominio do esférico e conseguiron adiantarse ao pouco de comezar o partido. Xusto ampliou a renda pouco despois, amosando que aínda lle queda moito fútbol nas botas. Os anos non pasan polo central focense, xogador capital para os seus tanto en defensa como en ataque. Con todo, os ponteses non tiraron a toalla en ningún momento e competiron ata o final a pesar da derrota.
Sorrí o Eume Deportivo e non é para menos, pois racharon coa súa mala dinámica ao sumar os tres puntos fronte ao Meirás (2-1). Alentados pola súa bancada, o cadro da Gándara púxose por diante grazas ao bo facer de Álvaro Freire. O canteirán estase a revelar como un futbolista esencial na ofensiva dos de Pontedeume e, con esta diana, suma xa 9 na súa conta particular. Nada máis comezar a segunda metade, volveron ver porta aínda que, lonxe de sentenciar as cousas, tiveron que sufrir ata o asubío do árbitro, pois o Meirás achegouse no marcador nos intres finais.
Asalto ao ascenso
Se a loita polo ascenso se atopa igualada en terras coruñesas, que dicir polas comarcas de Santiago e a Costa. Entre o primeiro e o sexto clasificado só hai cinco puntos de diferenza!

No Municipal do Viso celebrouse por todo o alto a vitoria do Arzúa por 3 a 1 fronte o Bastavales. Así e todo, os de Brión resistiron as ofensivas do ‘Queixo Mecánico’ durante os primeiros compases do xogo. A insistencia arzuá tivo o seu premio ao bordo do descanso cando finalmente se puxeron por diante. Decididos a aumentar a contía, subiron unha marcha máis tras o tempo de lecer e puxeron terra de por medio cun dobrete de Hugo Suárez. Chegado desde o Pubela, o ariete rianxeiro promete dar de que falar neste último treito da temporada.
A ledicia espallouse por todo Caión despois de que o Club do Mar se impuxera por un claro 2 a 0 ao Bertamiráns. Iso si, non lle foi un partido nada doado, pois o combinado amarelo e negro ofreceu resistencia durante a primeira hora do enfrontamento. Co paso dos minutos, os homes de Dani Sánchez melloraron as súas prestacións e desequilibraron a balanza por mediación de Tiago. Trátase da décimo cuarta diana para o atacante luso, que está a realizar unha campaña merecedora dun sobresaínte. Unha vez por diante, o Club do Mar despregou o seu mellor fútbol e puido rematar a faena cun segundo tanto na prolongación.
Fíxose de rogar, pero o Boimorto sacou ante o Camariñas o seu primeiro +3 neste 2026 (1-2). Tras encaixar un autogol mediado o primeiro tempo, os de Marc Vidal reaccionaron enseguida e igualaron a contenda cunha anotación de Borja Casal. O ariete melidao non fallou a súa cita co gol e, con este, suma xa 14 no presente curso futbolístico. A partir de entón, o Boimorto foi outro sobre o céspede do Vicente Carril e culminou a súa remontada ao pouco de volver do paso polos vestiarios.


Non ceder á presión
Calquera fin de semana é importante en terras lucenses, pero máis o son cando se trata de partidos chave nas aspiracións do grupo. Que llo digan aos seguintes conxuntos…
Aferrado á terceira posición continúa o Ribadeo ao superar por un gol a tres ao Lourenzá. Os celestes fixéronse coa iniciativa ao cuarto de hora, aínda que a escuadra de Santa Cruz soubo repoñerse e devolver o golpe ao comezo do segundo tempo. Ambos equipos protagonizaron un duelo intenso e igualado ata o tramo final, momento onde Castrín entrou ao campo. En cuestión de minutos, o extremo de Riotorto puxo o 1-2 e, non contento con iso, puxo o terceiro no electrónico cun disparo imparable desde fóra da área.
Ao Xove Lago tamén lle saíu ben a xornada, batendo polo mesmo resultado (1-3) ao Santaballés. Coa idea de roubar a pelota en campo contrario, os pupilos de ‘Piru’ exerceron unha dura presión sobre o seu contrincante e, froito diso, acadaron unha vantaxe de dous goles na primeira media hora. Seguiron a apostar polo xogo directo e foi así como lograron o terceiro nas botas de Ibra. O atacante procedente da base do Burela amosou unha vez máis o seu talento ofensivo, que lle vale para acumular 5 dianas na súa primeira experiencia como xogador senior.
Pola súa parte, o Oural volveu á senda da victoria ao vencer por 2 a 0 ao Taboada. Non foi a mellor tarde para os de Martín Murado, incapaces de adaptarse ao campo e ao ritmo dos cementeiros. Durante os 90 minutos, o Oural dominou por completo ao seu rival, impoñéndose en todas as disputas e balóns divididos. Yago púxoos por diante no 28’ e volveu facer das súas cando o partido chegaba á súa fin. Gran ano para o killer sarrián, que cos seus goles está a contribuír de maneira significativa no obxectivo de achegar a permanencia ao Luís Pallín.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

































































































































































































































































































































































































































































































































































































