O Muxía CF deu un golpe sobre a mesa tras vencer por 4-1 ao Esteirana nun partido que o coloca na segunda posición e de cheo na pelexa polo ascenso. Fran Moreira foi o gran protagonista da xornada cun triplete que confirma o seu excelente momento goleador.
O atacante, que suma xa 16 tantos, destaca a unión do vestiario e a ambición dun grupo que soña con volver celebrar un ascenso e conquistar, por fin, a ansiada Copa da Costa, onde xa están en cuartos de final. A igualdade na zona alta fai que cada xornada sexa decisiva nunha recta final que promete emoción ata o último día.
Futbolingalicia: O Muxía venceu esta fin de semana ao Esteirana por 4-1 e colócase segundo. Que valoración fas do partido?
Fran Moreira: «Na primeira parte custounos arrancar, non estabamos moi finos co balón, pero aínda así tivemos a posesión e conseguimos adiantarnos no marcador. Non nos durou moito a alegría porque, ao sacar de centro, eles cun desprazamento en longo lograron empatarnos o encontro. Na segunda parte corriximos bastantes cousas no vestiario e fomos capaces de demostrar mellor o noso xogo. Puxemos cedo o 2-1, eles viñéronse abaixo e coas chegadas que tivemos puidemos ampliar o marcador con dous goles máis».
FIG: A loita polo ascenso está a ser preciosa, con ata sete equipos no allo. Que esperas desta guerra por acadar o ascenso?
FM: «A verdade é que está sendo unha tempada moi apertada, na que se perdes un partido póñeste sétimo e se gañas póñeste primeiro, algo parecido á Liga Hypermotion. O noso obxectivo é intentar conseguir o primeiro posto e imos loitalo ata a última xornada, aínda que hai equipos como o Bertamiráns e o Calo que tamén nolo están poñendo bastante difícil».

FIG: Como ves ao equipo para este reto?
FM «Véxoo bastante motivado. Facía tempo que non estabamos coa plantilla completa porque levamos uns anos con moi mala sorte coas lesións e iso víase reflectido nas tempadas pasadas. Somos unha familia, todos nos levamos ben e nunca hai unha palabra máis alta ca outra, e iso ao final nótase no terreo de xogo».
FIG: Volvendo ao partido fronte ao Esteirana, no apartado persoal anotaches tres goles. Como foron eses tantos?

FM: «O primeiro foi nunha contra nosa na que Manueliño fai unha boa xogada por banda, métese cara dentro e ponme un balón no que só teño que controlalo co peito e empuxalo. O segundo foi algo parecido: Mauro recibe na banda esquerda, recorta cara atrás e ponme un balón milimétrico no que só teño que empuxalo coa cabeza. O segundo foi algo parecido: Mauro recibe na banda esquerda, recorta cara atrás e ponme un balón milimétrico no que só teño que empuxalo coa cabeza».

FIG: Sumas xa 16 goles. Como te estás a sentir no apartado persoal?
FM: «A verdade é que fisicamente estou mellor ca outros anos, xa que estou traballando ese apartado non só nos adestramentos co Muxía, senón tamén con dous preparadores físicos na Coruña, Adrián Negro e Matías Rodríguez, que me fan estar ao máis alto nivel. Pero, aínda que só apareza o meu nome, os goles son mérito de todo o equipo, porque sen eles non estaría no lugar no que estou na táboa de goleadores».
FIG: Confías en superar a túa mellor marca goleadora (22 goles)?
FM: «Esperemos que si. Teño unha aposta cos preparadores de que teño que chegar a 20 goles: se non chego, pago eu a cea; se chego, páganma eles. Así que esperemos chegar polo menos a 20 e despois, os que veñan, benvidos sexan».

FIG: Este é o teu quinto ano no club e como sénior só xogaches aquí. Que relación tes co Muxía?
FM: «Desde o primeiro día que cheguei recibíronme como se fose un máis de Muxía. Son todos un exemplo de persoa e en todo o que necesites ou che faga falta van axudarche sen pensalo dúas veces. Nunca estiven nun equipo como este e, desde logo, por miña parte sempre van ter aquí un amigo no que apoiarse, como eles fixeron comigo».
FIG: Como recordas aquel ascenso desde Segunda Galicia?
FM: «Como un momento inesquecible a nivel futbolístico. Sempre estiven en equipos que non aspiraban a ascensos nin nada diso, e para min foi como algo que me debía o fútbol. Esperemos que este ano consigamos tamén outro ascenso e a ansiada Copa da Costa, que tantos anos levamos quedando ás portas de conseguila».
FIG: Na base pasaches, entre outros, por Soneira e Dumbría. Que significaron para ti esas etapas?
FM: «Foron equipos que me axudaron a crecer futbolisticamente, pero do que mellores recordos levo é do Soneira, xa que foi co equipo co que debutei cos séniors sendo xuvenil en Primeira Futgal. Sempre estiven rodeado de grandes compañeiros e grandes xogadores que no seu tempo conseguiron cousas importantes».
FIG: Confías en poder chegar a categorías superiores?
FM: «Mentres sexa da man do Muxía, si. Creo que temos unha moi boa plantilla e que, se seguimos todos ao noso máximo nivel, podemos seguir subindo categorías».
































































































































































































































































































































































































































































































































































































