# Hashtag

Os Diferenciais animan o Entroido (P. II)

E entre desfiles e máscaras, tamén houbo tempo para o fútbol rexional. A Primeira Futgal tampouco se detivo nas provincias de Ourense e Pontevedra onde se disputou practicamente toda a xornada. Como era de agardar, os afeccionados souberon facer unha pausa nos seus festexos para acudir aos campos de animar aos seus equipos. Non é para menos, pois cando os Diferenciais entran en acción son quen de deter ata o Entroido…

Domingo de Entroido e fútbol

Poucos plans poden ser mellores que ver un partido do grupo ourensán antes de acudir ao desfile do Domingo de Entroido. Sobre todo, cando os teus son quen de facerse coa vitoria.

Sorrí o Monterrei logo de superar por dous goles a cero ao Brollón. Pese a acudir en horas baixas, os de ‘Chura’ non lle perderon a cara ao partido e mesmo aguantaron o empate ata a primeira media hora. Foi entón cando Serginho aproveitou un erro na defensa visitante para enviar o balón ao fondo das súas redes. No reinicio, o extremo portugués sumou outro tanto á súa conta particular e deixou sentenciado un duelo que non se lle escapou en ningún momento ao cadro de Rozavales.



Loñoá e Melias enfrontáronse nun derbi de Pereiro de Aguiar que se levaron os branquiverdes por 0 a 1. Só pasara un cuarto de hora cando Aarón Mellado fixo o primeiro e único tanto do encontro. O atacante da Abelleira volveu toparse co gol nesta fin de semana e, despois de pasar unha temporada no dique seco, celebrou por todo o alto a súa diana. Tombado sobre a lona, o Loñoá non foi capaz de repoñerse á situación e con esta derrota prolonga a súa mala xeira. Ademais de non ver porta nos últimos cinco partidos, saíron de baleiro de todos eles.

Unha dinámica totalmente oposta á do Córgomo, vencedor no seu enfrontamento ante o Maceda (1-4). O conxunto adestrado por Iván González foi o primeiro en golpear e, pouco antes do tempo de lecer, ampliou a súa renda por mediación de Perrini. Desde que chegou a Vilamartín de Valdeorras, o pivote uruguaio está a sacar a súa mellor versión ofensiva e leva xa tres dianas. Non mudou o conto nos seguintes 45 minutos e o Córgomo seguiu a chegar con claridade á meta macedá. Froito dese ímpeto chegaron dúas anotacións máis que lles serviron para selar os tres puntos e colocarse como líderes momentáneos da competición.

Non cómpre despistarse

Nunha categoría como a Primeira Futgal precísase ser constante para acadar as metas propostas ao comezo da temporada. Dá igual se é o líder ou o colista, porque calquera contricante é un óso duro de roer.



Ledicia en San Pedro co triunfo do Marín fronte o Flavia por dous goles a cero. Iso si, non foi un encontro especialmente cómodo para os do Morrazo, incapaces de perforar a liña defensiva do seu rival. No 35’ conseguiron finalmente atopar unha fenda nela, tomando vantaxe antes de pasar pola caseta. Pero a tranquilidade non chegou á bancada marinense ata que Sylla fixa o segundo da tarde. Trátase do décimo segundo gol para o killer senegalés, cuxo rendemento está a ser especialmente sobresaínte na faceta ofensiva.

Os xogadores do Marín celebran un dos tantos anotados. FOTO: @victoryeyesport.

Por outra banda, o Sport Team Estrada encamiña a súa permanencia ao derrotar por 4 a 2 ao Valiño. Juanín abriu a lata para os de amarelo e verde, superiores aos seus contrincantes nos primeiros compases de xogo. A reacción dos de Cabo de Cruz foi instantánea e en dúas accións déronlle a volta ao electrónico. Chegados á segunda metade, Juanín volveu aparecer en escena e cunha dupla de tantos recuperou a vantaxe para os estradenses. Como se fose un súper heroe, o extremo de Vedra sempre aparece cando máis o precisan.

Amanecer e Unión Dena non pasaron do empate e firmaron táboas en Lampáns (1-1). Se ben o inicio foi bastante trabado e con poucas ocasións, o guión cambiou ao volver dos vestiarios. O combinado de Meaño regresou ao terreo de xogo máis enchufado e conseguiu tomar vantaxe antes que o Amanecer. Lonxe de tirar a toalla, os pupilos de Jorge reequilibraron a balanza grazas ao bo facer de Dani Caneda. Ao extremo esquerdo non lle está a custar adaptarse á Primeira Futgal e proba diso as 8 dianas acumuladas durante este curso futbolístico.



Facerse fortes na casa

Gañar os encontros no propio feudo é o primeiro paso a ter en conta na consecución dos diferentes obxectivos. De feito, ver como os equipos locais sacan os tres puntos é unha escena bastante habitual en terras olívicas.

Ao Sporting Guardés non lle supuxo ningún problema desfacerse do Vila do Corpus, ao que lle endosou un 4 a 0. De feito, os da Sangriña comezaron con bo pé e abriron o marcador aos tres minutos de ter comezado o choque. Minutos despois, Víctor aumentou a diferenza de goles e, non contento con iso, asinou un segundo tanto para poñer terra de por medio e certificar os tres puntos a prol do Sporting Guardés. O atacante está a calcar os seus rexistros goleadores na pasada temporada e, polo momento, leva xa 14.

Tamén lle foi ben aos seus veciños, pois o Tomiño impúxose por catro goles a dous ao Vilaboa. Alentados pola bancada do Alivio, os pupilos de Carlos García arrasaron cos de Cobres no primeiro treito do duelo. Porén, xusto cando mellor se atopaban, chegou a igualada do conxunto visitante. Nada máis comezar o segundo tempo, retomaron a súa actividade en ataque e puxéronse novamente por diante cunha diana obra de Guilherme. Dá igual como, pero o medio sempre consegue ver porta sen que importe se xoga como titular ou como suplente.

Finalmente, o Rápido de Bouzas fíxose coa súa cuarta vitoria seguida a costa do Chaín (2-1). Os goles brillaron pola súa ausencia nos primeiros minutos, ata que Cristian Novoa abriu a lata para os de amarelo e negro. Pouco despois volveu á carga co mesmo resultado, probando a calidade que atesouran as súas botas. Con esta suma xa tres anotacións desde que chegou a Vigo, onde se está a revelar como un dos estandartes no ataque do Rápido de Bouzas. A pesar de encaixar a falta de cinco minutos para o final, o cadro olívico soubo defenderse e rematou por levar os tres puntos.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



Os Diferenciais animan o Entroido (P. II)

Os Diferenciais animan o Entroido

Os Diferenciais animan o Entroido (P. II)

Os Diferenciais animan o Entroido (P. II)