Nunha Primeira Futgal cada vez máis igualada e esixente, o papel dos porteiros está a ser determinante. Mentres os focos adoitan centrarse nos goleadores, os números baixo paus explican moitas das posicións actuais na táboa.
Estes son os gardametas máis destacados de cada grupo no parón de Nadal entre aqueles que superan, polo menos, o 50% dos minutos disputados.
Igualdade baixo paus
O porteiro menos goleado do grupo 1 é Diego Vázquez, do Orillamar SD, con só 7 goles encaixados en 900 minutos, o que supón unha media de 0,0078 goles por minuto. Tras el aparece Borja Varela, do Sporting Meicende, con 9 goles en 1.080 minutos (0,0083), mentres que o terceiro posto é para David Gómez, do Galicia de Mugardos, con 12 goles encaixados en 1.080 minutos (0,0111).
Se se elimina o criterio mínimo de minutos, destacan dous casos curiosos: Edgar Tourón (Sporting Meicende), que aínda non encaixou ningún gol en catro partidos disputados, e Adrián Bouzas (Galicia de Mugardos), con só dous goles encaixados tamén en catro encontros.
No segundo grupo lidera a clasificación Juan Andrés Sánchez, do SD Cacheiras, con 9 goles encaixados en 990 minutos (0,0091). Séguenlle Iván Baña, do Bertamiráns FC, con 13 goles en 1.350 minutos (0,0096), e Adrián Nogueira, do Cire de Melide, con 13 goles en 1.170 minutos (0,0111).
O porteiro menos goleado do grupo 3 é José Ramón Carballude, da SD Chantada, con 11 goles en 1.350 minutos (0,0081). Moi preto sitúanse Iván González, do Atlético Escairón, con 9 goles en 1.080 minutos (0,0083), e Javi Pita, do Ribadeo FC, con 11 goles encaixados en 1.170 minutos (0,0094).

No caso de Javi Pita, os seus números cobran un valor especial. O veterano gardameta mariñán colgou as luvas definitivamente coa chegada do Nadal tras máis de dezaseis tempadas como sénior. O Ribadeo puido contar coa súa experiencia ata decembro, nunha etapa máis que digna antes da súa retirada, deixando tras de si ascensos, descensos e o recoñecemento unánime do fútbol lucense.
Alto nivel dos gardametas
No grupo 4 destacan dous porteiros que alcanzan o límite xusto do 50 % dos minutos disputados (8 partidos de 16). Álvaro Conde, do Loñoa CF, encaixou só 5 goles en 720 minutos (0,0069), mentres que Rodrigo González, do Polígono San Ciprián, recibiu 6 goles nos mesmos minutos (0,0083). Completa o podio Miguel Gándara, do Verín CF, con 15 goles encaixados en 1.440 minutos (0,0104).
Dentro do quinto grupo aparece o porteiro con mellores rexistros de toda a Primeira Futgal. Roi Oubiña, do CD Ribadumia, encaixou tan só 2 goles en 798 minutos, cunha espectacular media de 0,0025 goles por minuto. Séguenlle Fonsi Varela, do CD Campo Lameiro, con 11 goles en 1.440 minutos (0,0076), e Álvaro Romero, do CD Unión de Asados, con 11 goles en 1.417 minutos (0,0078).

O nivel do grupo reflíctese tamén noutros rexistros destacados, como os de Marc Bermúdez (Marín CF), con 0,0094 goles por minuto, e Óscar Portas (San Martín), con 0,0095, ambos encaixando menos dun gol cada cen minutos.
No sexto grupo lidera a clasificación Xoel Fernández, do Progresista FC, con 9 goles encaixados en 944 minutos. Tras el sitúanse Álex Vila, do Gondomar CF, con 10 goles en 990 minutos, e Anxo Solla, do AD Vila do Corpus, con 8 goles en 788 minutos, completando un trío de porteiros moi fiables baixo paus.

























































































































































































































































































































































































































































































































































