Ante o parón da Primeira Futgal traémosvos un pequeno agasallo de Nadal, lectores dos Diferenciais.
A chegada do Nadal fixo que Javi Pita (O Vicedo, 1991) colgase as luvas definitivamente. Veremos se desta vez é para sempre, porque o cancerbeiro mariñán xa amagou durante o verán co retiro. Pero o Ribadeo non quixo prescindir dos seus servizos, e menos sen ter un reemplazo para a súa figura ata o comezo de 2026. E a un futbolista como Javi Pita non se lle pode presentar unha oportunidade coma esta.
Aí estivo para botarlle un cable ao equipo do Pepe Barrera, que tivo o pracer de contar con el ata este mes de decembro. Ás súas costas van dezaseis temporadas como xogador senior, varios ascensos -e tamén descensos- e, sobre todo, o recoñecemento do balompé lucense. Cando chegue xaneiro non volveremos ver a Javi Pita como porteiro nun campo de fútbol, pero iso non quere dicir que se afaste moi lonxe dos terreos de xogo… Polo momento, o gardarredes do Vicedo aproveitou o parón para marchar de vacacións. Así e todo, tivo tempo de atender ás preguntas que lle fixemos desde FutbollinGalicia, o que lle agradecemos profundamente.
Velaí vai a entrevista con este porteiro tan Diferencial:

FutbolinGalicia (de agora en diante, FIG): Onde dás os teus primeiros pasiños no mundo do fútbol?
Javi Pita (de agora en diante, JP): Eu comecei a xogar na miña vila, O Vicedo, no equipo de fútbol sala alevín que había por aquel entón. Eramos poucos rapaces da miña idade e os do máis tempo e máis eu iamos cos de idade superior para poder competir.

FIG: Un rapaz do Vicedo chega ao Lugo e remata alí a súa etapa formativa. Como viviches esa chamada do Lugo? Sentiches que era un primeiro chanzo para facer carreira no fútbol?
JP: Comecei a xogar ao fútbol campo en infantís, aí xa no Viveiro, e alí permanecín ata fichar polo Lugo.
Cando chamaron preguntando por min vivino ilusioneime un montón, pois era o clube de referencia da provincia e lembro vivir aquilo con moita ilusión e gañas. Iso si, non marchei aló pensando en facer carreira no fútbol. Quería dar un pasiño máis na miña carreira, especialmente a nivel de esixencia, e aprender o máximo posible unha vez estivera alí. E non me decepionou, xa que competir en División de Honra e adestrar en dinámica de 2ª División B foi para min un salto moi importante.
Desde que marchei a Lugo xa viña adestrando co primeiro equipo de forma regular. De feito, o ano que debuto xa tiña ficha de primeiro equipo e realizamos unha tempada de ensoño ao quedar como campións de grupo da antiga 2ª División B. Cada semana de adestramentos era unha gozada e o grupo humano que formamos era espectacular. Teño un recordo moi bo dese ano, pese a que faltou coroalo coa guinda do pastel: o ascenso a Segunda División. Caimos nas 2 finais que xogamos.

A ilusión dun rapaz do Vicedo
FIG: Debutas co primeiro equipo un ano antes do ascenso. Houbo nervos nesa primeira vez? Contra que equipo debutaches?
JP: O día do debut non tiven tempo nin para pensar nel (Risas). Sucedeu nun partido contra o Atlético de Madrid B no Cerro del Espino. No quecemento, Miguel Escalona sentiu unhas molestias musculares e a falta de 20 minutos para comezar o partido, decidiuse que me tocaba xogar a min.
FIG: O ascenso a Segunda División fixo vibrar á cidade amurallada. Como foi ese sentir en Lugo? E dentro do equipo, aínda que non puideras acompañalos durante a temporada?
JP: Ese ano saín cedido ao Somozas xa comezada a pretemporada. Buscaba minutos para así adquirir máis experiencia e no Lugo non ía ser doado xogar, polo que tiven que facer as maletas aínda que só fora por un curso. Polo tanto, tocoume vivir o ascenso dende fóra, aínda que con moita alegría. Non só polos amigos que tiña dentro do clube, senón porque aquel ascenso era a guinda ao pastel que nos faltara na temporada anterior. Daquela, o Lugo estaba «de moda» na cidade. Non era para menos, pois o xogo atractivo e uns resultados que acompañaban involucraron á cidade, que se volcou co equipo de cheo. Naquel entón, ir ao Anxo Carro era como ir a unha festa.
Facer carreira na provincia de Lugo
FIG: A maioría dos equipos nos que xogaches foron lucenses. Houbo algunha oferta rexeitada polo camiño?

JP: Fóra da provincia xoguei no Somozas ese ano que saín cedido do Lugo, e fai un par de anos no As Pontes. Tiven algunha opción de saír incluso fóra de Galicia, pero non eran demasiado atractivas e, ademais, estaba a estudar o Grao en Lugo.
FIG: Cal foi a lembranza máis bonita que che deu este deporte e o peor momento nun campo?
JP: Non podería quedarme cun só momento, pois o fútbol aportoume moitas cousas positivas e valores cos que me sinto identificado. Algúns dos momentos máis felices poden ser o meu debut en Terceira División co Viveiro, as vivencias do play-off polo ascenso a Segunda División co Lugo ou o play-off de ascenso a 2ª División B co Racing Villalbés, entre outros.
Por sorte, as lesións respetáronme toda a miña carreira e non sabería concretar un mal momento. Tal vez algún dos descensos, especialmente o do ano pasado, que foi moi doloroso polas circunstancias nas que se deu.
FIG: Compartiches vestiario e viviches un camiño bastante semellante a outro histórico das poterías lucenses: Javi Liz. Tenta definilo como xogador e como persoa.
JP: A Liz teño a sorte de telo no meu círculo de amistades máis próximas. Atoparte a xente coma el é das mellores cousas que che pode dar o deporte e ata é complicado de definir. Podería decir que é unha das persoas que vive con máis pasión o fútbol e, a maiores, é un porteirazo. Creo que en Sarria non se portaron todo o ben que deberían e que se merecía Liz como o gran xogador e persoa que é.
Javi, unha volta máis, por favor
FIG: Nun principio íaste retirar ao finalizar a pasada campaña, pero Dani Moirón pediuche un favor e ti cumpriches. Fixéchelo en parte por matar o ‘gusanillo’ e prolongar un par de meses a túa carreira?
JP: Prolongar a miña etapa en Ribadeo durante estes meses ven dado pola circunstancia de que Iñaki ía realizar unha estadía como Erasmus en Lisboa durante toda a primeira volta. Ante esta situación, Dani falou comigo e comentoume se encaixaba nos meus plans a posibilidade de vir estes meses a axudar. Despois de meditalo, vino con bos ollos e aceptei. En Ribadeo estanse a facer as cousas ben, aínda que penso que o concello debería facer máis esforzo por apoiar o fútbol alí. É moi limitante non ter unhas instalacións aceptables onde poder adestrarse. Non só polo primeiro equipo, senón por todo o seu fútbol base, que é moito -arredor de 200 rapaces e rapazas- e se atopa ben traballado.
FIG: Se non chega a aparecer esa oportunidade, terías colgado as luvas definitivamente?
JP: Atopábame ben e estaba moi a gusto xogando, mais, ao vivir en Lugo, éme difícil compatibilizar o fútbol co traballo e a miña vida persoal. A decisión de «retirarme» estaba tomada xa dende xuño e así llelo comunicara á dirección deportiva do Ribadeo. Foi entón cando xurdiu esta oportunidade e aceptei axudar nestes meses tomándomo como un último baile (Risas).
FIG: Terceiro equipo menos goleado da competición e toda unha volta por diante para o Ribadeo. Iso si, a renda de puntos é mínima fronte a Vilalbés B ou Monterroso. Cal é o obxectivo deste equipo? É posible o ascenso?
JP: O obxectivo do equipo é loitar polo ascenso. Así e todo, non creo que sexa unha obriga malia estar nesa loita polo momento. Hai un grupo de xogadores moi ‘top’, tanto a nivel de fútbol como humano, e a maiores estáselle dando oportunidades a rapaces da casa, o que garante un bo futuro para o clube. No referido á competición, o Chantada está moi forte esta temporada e despois hai un grupiño de 3 ou 4 equipos que de seguro loitarán por esas prazas de play-off ata o final.
Mestre en todos os aspectos
FIG: E ademais desta carreira, es adestrador de porteiros. De onde vén esta vocación por adestrar? Que debe aprender un porteiro nada máis poñer as luvas?
JP: Os últimos anos estiven formándome como adestrador e como adestrador de porteiros. Actualmente, posúo o Nivel 3 no primeiro caso e Goalkeeper C no segundo. Son unha persoa que considera importante a formación e á que lle gusta a docencia. Tiven a sorte de traballar na base do Lugo unhas cantas temporadas antes de comezar a dar clase nun instituto. Creo que os adestramentos son unha oportunidade para ensinarlles fútbol aos xogadores e aí está a miña vocación, en ensinar.
FIG: Que debe aprender un porteiro nada máis poñer as luvas?
JP: Teño un moi bo amigo que é adestrador que sempre dI que hai xogadores que xogan á pelota e outros quexogan ao fútbol. Estes últimos son os bos e son os que aprenden nos adestramentos.
FIG: Nácese porteiro ou faise cos anos?
JP: Creo en gran parte que se nace como porteiro. Hai rapaces que xa posúen unha capacidade innata para tirarse, voar, ir polo balón para realizar unha parada… Despois, claro, todo se pode adestrar…
FIG: Non é unha cousa habitual retirarse en decembro. Que vai facer agora Javi Pita?
JP: A miña idea agora a nivel de fútbol é dedicarlle máis tempo á miña escola de porteiros, ver fútbol, ver adestramentos e seguir formándome. Fóra do fútbol dedicareille máis tempo a practicar outros deportes que antes non podía compaxinar, ademais de pasar máis tempo coa familia e cos amigos.


























































































































































































































































































































































































































































































































































