# Hashtag

Un agasallo Diferencial polo Nadal! Con Íker Gómez (Barbadás)

Ante o parón da Primeira Futgal traémosvos un pequeno agasallo de Nadal, lectores dos Diferenciais.

Quen lle día dicia a Íker Gómez (Ribadavia, 2003) que cambiaría o verde do Xestal, onde competía cos xuvenís do Ribadavia Atlético, por xogar en Terceira RFEF nas filas do Barbadás en apenas 4 anos? Un podería pensar que é froito da casualidade mais, detrás dese meteórico ascenso futbolístico, hai agochada unha historia de ambición e esforzo escrita en goles en lugar de tinta.

O balón sempre estivo ao carón do noso protagonista. Aos 6 anos comezou a xogar na base do Ribeiro Fútbol Club e desde entón non pasou desapercibido para ningún dos mútliples adestradores que tivo. Aquel cativo tamén pasou por unha das grandes canteiras do fútbol ourensán, volveu para xogar cos seus compañeiros e liderou ao equipo da súa vila (e vida) nun histórico ascenso ata recalar nos Carrís. A pasada fin de semana asinou un espectacular dobrete para darlle ao seu equipo a vitoria fronte ao Gran Peña (1-2). Ademais de aproveitar o parón de Nadal para cargar pilas e iniciar o 2026 da mellor maneira posible, Íker tamén tivo a xentileza de atender a FutbolinGalicia durante estas datas. Velaí vai a entrevista co atacante ribeirán, un Diferencial máis, malia non militar na Primeira Futgal:



Íker Gómez é xogador do Barbadás. FOTO: ÍKER GÓMEZ

FutbolinGalicia (de agora en diante, FIG): Onde dás os teus primeiros pasiños no mundo do fútbol?

Íker Gómez (de agora en diante, IG): Comecei a xogar ao fútbol no extinto Ribeiro Fútbol Club, onde estiven desde a categoría prebenxamín ata o primeiro ano de infantil. Foi unha etapa moi bonita e na que tiven adestradores esenciais na miña traxectoria futbolística, como é o caso de Fernando Cibeira ou Rodri, entre outros. Pero, sen lugar a dúbidas, cómpre destacar o grande grupo que fixemos cos xogadores do meu tempo. No Ribeiro foron quen de xuntar a un moi bo grupo de nenos, procedentes de tódalas partes da comarca e que actuabamos como unha piña. Froito desa unidade gañamos bastantes torneos, como o Talleres Castiñeiras de Coruxo, onde vencimos ao Ponte Ourense de Hugo Álvarez (actual xogador do Celta de Vigo) na final.

FIG: Logo de liderar táboas de goleadores en prebenxamíns e benxamíns, comezan a chamar ás portas do Ribeiro preguntando por ti. Primeiro o CD Ourense. Como foi esa experiencia?



IG: Fun xogar a Oira con eles nun torneo de final de temporada, pero a cousa quedou aí porque sempre prioricei xogar ao carón de meus amigos e, sobre todo, pasalo ben xunto a eles.

FIG: Non todo o mundo o sabe, pero tamén houbo unha chamada do Celta. Que podes contarnos dese adestramento na Madroa?

IG: Ese adestramento foi como unha caixa de emocións, pois a chamada dun clube como o Celta non é algo que suceda todos os días. Eu sempre fun un rapaz tímido, polo que recordo pasar moita vergoña alí. Iso si, o adestramento e a experiencia foron inolvidables e, aínda que tamén me chamaron para ir a torneos con eles, non puiden asistir a eses convites.



A primeira gran oportunidade

FIG: Xa como xogador en idade infantil, marchas ao Pabellón Ourense en compañía de Hugo Pena, compañeiro teu e porteiro no Ribeiro. Sentiche mágoa por marchar da túa ‘casa’ futbolística? Como foi esa aventura na Liga Galega Infantil?

IG: Foi unha decisión algo difícil, pois nunca saíra da miña zona de confort. Non estaba acostumado a interactuar con outra xente no mundo do fútbol que non foran os meus amigos, pero penso que foi unha decisión bastante acertada. Foi un ano de moita aprendizaxee onde fixen novas amizades. Ademais, aprendín moitísimo a nivel futbolístico, pois o Pabellón é unha das mellores canteiras do balompé galego. Xunto a min estaban grandes xogadores, como Pablo Parrilla (UD Ourense), Santi Prado (UD Ourense) ou José Pérez (UD Somozas), entre outros. Aquel ano rematamos a temporada en segunda posición, só por detrás do Celta, que gañou todos os partidos. E no persoal tamén me foi ben, xogando case todos os partidos.

FIG: Logo dun ano nos Remedios volves xogar cos teus compañeiros, desta vez no Arrabaldo e algo máis afastado dos focos. Cres que importa iso no crecemento dun futbolista?

IG: Aínda que no meu caso parece que non importa, penso que se o xogador desputa unha categoría alta e se atopa próximo a eses focos vaino ter máis doado en comparación a outros futbolistas. A aprendizaxe adquirida é brutal e facilita as cousas á hora de fichar por un bo equipo na categoría sénior. Así e todo, hai situacións onde o compromiso e o sacrificio do xogador suma máis que o feito de ter xogado nunha boa categoría.

FIG: Es a proba de que non importa xogar en grandes categorías na base para rematar en Terceira División. Pensas que a idea de fichar segundo o currículo do futbolista é unha equivocación?



IG: Non creo que sexa unha equivocación a verdade. Por exemplo, se tes para elixir a un xuvenil de último ano que desputa a División de Honra e tes a outro en Primeira Futgal, sabes que o rapaz de Honra vai ter un ritmo de xogo superior. Entón penso que non é unha equivocación pero, coma sempre, hai excepcións.

Rozar a gloria case 20 anos despois

FIG: Volves a Ribadavia na temporada 2021-22 e, tras destacar en xuvenís, ‘rompela’ en Segunda Rexional liderando ao Ribadavia Atlético a un histórico ascenso a Primeira Futgal despois de 19 anos. Trata de definir o vivido no Xestal durante ese curso 2022-23.



IG: Podería estar falando dese ano toda a miña vida. Sinceramente, sempre digo que foi e será o meu mellor ano futbolisticamente falando. Facer un grupo de amigos da mesma vila, de idades diferentes, e poder encaixar tan ben entre todos é moi complicado. Pero aquí xuntouse un grupo espectacular, onde cada semana era especial. E sempre remando todos a unha cun sorriso, apoiando ao compañeiro, e co obxectivo de levar ao equipo a onde se merecía.

FIG: Ao ano seguinte, contribúes á salvación do Ribadavia cos teus goles e rematas o ano como pichichi da categoría. Houbo ofertas durante a temporada? Ao ano seguinte si que aceptas a oferta do Cented Academy e subes unha categoría máis por segundo ano consecutivo. Fuches consciente do aumento no nivel de esixencia ou normalizáchelo?

IG: Houbo chamadas do Barco e do Atlético Arnoia, pero son dos que di que cando un se compromete a xogar nun equipo durante un ano, débeo cumprir. Logo xa se mirará no verán. A pasada campaña notei moitísimo a diferenza que hai entre a Primeira Futgal e a Preferente. É un salto notorio, e máis se falamos de ritmo e velocidade de xogo. Pero penso que fun capaz de adaptarme rápido e bastante ben.

Ring, ring! Soa a chamada da Terceira RFEF

FIG: Chega a oportunidade de desputar a Terceira RFEF co Barbadás. Un pénsao dúas veces ou acéptao sen dubidar ao haber a posibilidade de xogar nesa categoría?

IG: Se che dan a oportunidade de xogar en Terceira RFEF non creo que haxa moito que pensar. No momento no que se soubo que o Barbadás ía permanecer na categoría, aceptei a oferta ao momento. Sempre vou priorizar xogar en categorías superiores antes que nada, porque é unha aprendizaxe que che fai medrar como futbolista. Á que lle sumas a experiencia de cada partido e campo no que xogues.

FIG: Onde hai unha maior diferenza de nivel: no salto desde Primeira Futgal á Preferente Futgal ou desde Preferente Futgal á Terceira RFEF?

IG: Como xa dixen antes. penso que hai un maior salto de nivel da Primeira Futgal á Preferente Futgal.

FIG: A temporada está a ser complicada para os teus. Cuestión de confianza, mala sorte ou un pouco de todo? Cal cres que é a clave para enfrontar o segundo treito do ano?

IG: Debemos evitar fixarnos no resultado e non obsesionarnos coa vitoria, porque esa presión é a que fai que os resultados sexan negativos en moitas ocasións. Por outra banda, a chave está en ser un equipo forte defensivamente. Temos que ser capaces de non conceder erros e encaixar o menos posible. Ademais, hai que facer dos Carrís un fortín e non deixar escapar puntos.

FIG: Que obxectivo te pos para esta temporada e cal ao equipo?

IG: Sempre falo con xente próxima a min, que son os que me marcan os obxectivos a modo de broma (Risas). Entre 7 e 10 goles sería unha boa cifra para este ano, mentres que para o equipo a misión principal é acadar a salvación.

Un amigo como referente

FIG: Tes unha gran amizade con Joni (Sporting Celanova). Ademais, tedes cousas en común, pois os dous sodes do Ribeiro e xogastes no equipo amarelo. Con que te quedas del como xogador?

IG: Penso que Joni é un dos xogadores referentes na comarca do Ribeiro. Demostrou ser un grandísimo xogador durante estes últimos anos e teño a sorte de levarme moi ben con el. Moitas veces falamos e compartimos charlas sobre os momentos que nos agasallou o fútbol. O que máis me gusta del como xogador é a facilidade que ten para disparar ou manexar a pelota coas dúas pernas. Pero non só é iso. Tamén ten unha gran capacidade para ver porta, é bo no xogo aéreo e unha auténtica besta nas desputas e o xogo de costas.

FIG: No voso mellor momento, quen lle gaña a quen nun «un para un»?

IG: El. No seu mellor momento, dáme mil voltas polo que gañaria el sen dúbida. A súa traxectoria fala por si soa. Chegou a xogar en Segunda RFEF, marcoulle un gol ao Valencia na Copa do Rei e liderou á Selección Galega cando gañaron a Copa das Rexións da UEFA. Así e todo, quédame moito por aprender e sobre todo que mellorar. Quen sabe se algún día, chegarei a ese nivel (risas).

FIG: O que si que dás é sorte. Metes ti e gañan os azulóns. Estamos a falar do «Talismán dos Carrís»?

IG: Penso que é casualidade (risas). Pero se así fose, oxalá poder marcar todas as fins de semana para gañar os partidos. Sempre penso no mellor para o equipo e así axudarlles tanto defensivamente como ofensivamente.

Un agasallo Diferencial polo Nadal! Con Íker Gómez (Barbadás)

Vota polo teu favorito entre os Diferenciais

Un agasallo Diferencial polo Nadal! Con Íker Gómez (Barbadás)

Un agasallo Diferencial polo Nadal! Con Javi