O Cedeira foi protagonista esta xornada na Primeira Futgal, cunha das imaxes da fin de semana. O seu xogador Dani Bellas foi expulsado con cartón vermello directo tras unha acción na que leva por diante ao colexiado cando se dispoñía a golpear un balón que lle chegara dende o córner. Este mércores, o Comité de Competición e Disciplina retiroulle a sanción.
«A proba videográfica acredita o lance fortuíto da acción -non existindo o empuxón descrito en acta arbitral xa que, o xogador obxecto de debate non realiza ningunha acción coa intención de apartar ou mover ao colexiado -, polo que existe un erro material manifesto na acta arbitral e por tanto déixase sen efectos disciplinarios a tarxeta vermella mostrada ao xogador Don Daniel Bellas Pérez”, pódese ler na web da Federación tras a xuntanza este mércores do Comité.
Na acta do partido redactada finalizado o encontro, o colexiado escribiu que o ’10’ do Cedeira «foi expulsado polo seguinte motivo: “derrubarme cun empuxón por detrás con uso de forza excesiva co balón en xogo«.
Ante a incredulidade do xogador, do resto do equipo e dos presentes no campo do Beco, Bellas tivo que marchar ao vestiario con máis de media hora de partido por diante. O Cedeira perdía entón 0-1 e cun home menos xa non tivo opción de meterse no partido, que acabou levando o Perlío por cero goles a dous. E non é que o Cedeira vaia sobrado de puntos, precisamente, pois está con só dous por riba do descenso.
Na xornada 10, o Comité de Competición e Disciplina xa deixara sen efecto outro cartón vermello amosado a un xogador do Cedeira, Dani Caínzos. Tras presentar o vídeo, o club conseguira que un cartón vermello quedase sen efecto disciplinario
Unha chea de reaccións en redes
A expulsión de Dani Bellas foi moi comentada en redes. Tampouco quedou sen pronunciarse sobre o sucedido no Beco unha das contas de referencia da arbitraxe, MrAsubío. Uxío Caamaño, exárbitro de categoría nacional, comentou que «é incorrecta a forma de actuar do colexiado expulsando polo ‘atropelo’ do xogador«.

En todo caso, MrAsubío considera que «pola tardanza entre a caída e cando asubía, estou convencido que algo lle di o xogador ou ten unha actitude negativa e fai que pense que o impacto foi cometido a propósito«. O experto arbitral cualificou de «infortunio» esa acción.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.
Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.

























































































































































































































































































































































































































































































































































