Chega o Nadal e con el o primeiro parón da temporada. Desde Futbolin Galicia só temos palabras de agradecemento para todos vós, seareiros incondicionais do noso fútbol. É por iso que vos merecedes estas verbas antes de despedir o ano da mellor maneira: cunha boa ración de Diferenciais da Primeira Futgal! Boas festas a todos e a por un 2026 cheo de emoción e moitos goles!
Aferrarse a un cravo ardendo
O paso das xornadas pode ser letal en terras de afiadores, pois a diferenza entre os equipos da zona media e a baixa continúa a medrar. E é que cada partido é unha oportunidade para reengancharse á procura da salvación.
Non hai nada mellor que rematar o ano como o fixeron na Moreira, onde o Muíños superou por dous goles a cero ao Monterrei. Iso si, os vermellos venderon cara a súa a pel, pois aguantaron o empate ata os intres finais. Foi entón cando apareceu en escena Miguel Codeso para anotar o primeiro gol verde e branco. Ao defensor de Celanova aínda lle queda moito fútbol nos pés, tal e como está a amosar cada fin de semana nas filas do Muíños. O cadro da Baixa Limia ampliou a súa renda pouco despois para sentenciar o choque e facerse cos tres puntos.
Tres meses despois, o Maside volveu á senda da vitoria a costa do Allariz (1-2). Logo dun primeiro tempo sen goles, o conxunto de ‘Ziralla’ fixo o primeiro para a ledicia da bancada do Cid Carriega. A reacción dos masidaos non se fixo agardar e Manu Bardelás devolveu a igualdade ao electrónico co seu sétimo tanto nesta campaña. Non quedou aí a cousa e os de Jacobo Rodríguez seguiron a insistir ata lograr a segunda anotación, que lles serve para rachar coa súa mala xeira. Un magnífico agasallo para rematar unha primeira volta moi complexa nas filas azuis.
O Melias tamén fixo os deberes e venceu por un axustado 4 a 3 ao Polígono San Cibrao. Pouco tardou en adiantarse o ‘submarino amarelo’, que fixo o primeiro da tarde tras o asubío inicial. O conxunto dirixido por Marcos Zorrilla mellorou co paso dos minutos e reverteu a situación convertendo dúas penas máximas antes do tempo de lecer. Ao Polígono sentoulle ben o paso polos vestiarios, pois volveron a equilibrar o encontro aproveitando que os de branco e verde quedaran cun home menos. A igualdade imperou no verde ata os minutos finais, cando Rucho apareceu en escena para asinar un dobrete e sentenciar o choque a favor dos seus.
Aquí aínda hai moito que rillar
Algo semellante ao acontecido no grupo pontevedrés, onde ningún equipo pensa baixar os brazos polo momento. Proba disto, os triunfos dos equipos que ocupan as últimas posicións.

Fíxose de rogar, pero por fin chegou á primeira vitoria do Agolada nesta temporada (3-2). A súa vítima, o Abanqueiro, saíu derrotada dun choque no que foron os primeiros en adiantarse. Os locais non tardaron en igualar a contenda, aínda que ledicia duroulles ben pouco pois os laranxas volveron tomar vantaxe. Pouco antes de chegar á media hora, Nuno Rivero furou as redes dos barbanceses para poñer o 2 a 2 e, non contento con iso, asinou un segundo tanto despois do reinicio. Deste xeito, o ariete do Deza deixou o seu selo persoal no primeiro +3 dos seus.
Nas Cachizas despediuse o 2025 cunha boa festa de goles, onde a Unión Dena superou por cinco goles a dous ao Pontecaldelas. Os branquiazuis fixéronse coa iniciativa na primeira metade, índose aos vestiarios por diante. Á súa volta aumentaron a diferenza para poñer terra de por medio, malia que o conxunto verde reduciu a fenda anotadora. O guión non mudou no último terzo do encontro e os de Meaño colleron distancia novamente ata que Raúl Vilar sentenciou as cousas coa súa cuarta diana neste ano. Así e todo, non lles foi suficiente para saír dos postos de descenso, situándose agora mesmo a dous puntos da salvación.

Por outra banda, o Marcón Atlético impúxose ao Atlético Cuntis por un axustadísimo 2 a 1. Iso si, non lles foi unha tarefa nada doada xa que o combinado dirixido por Iván Castro golpeou primeiro. A reacción dos branquiazuis foi rápida e Nico empatou a contenda nun abrir e pechar de ollos. Ao killer pontevedrés bastoulle cunha volta para superar o seu récord de anotacións desde que chegou ao Carrasco. Polo de agora leva xa 8 tantos, superando con creces os 6 da temporada pasada. O gol do empate deulles azos aos visitantes e estes lograron completar a remontada xa na segunda metade.

Comer o turrón con tranquilidade
É imposible relaxarse no grupo vigués, pois o elevado grao de competitividade permite que uns equipos estean ao axexo dos outros en todo momento. Certo é que algúns deles poden marchar de vacacións tranquilos e coa seguranza de levar encarrilada a consecución dos seus obxectivos.
O peche do ano non puido ser mellor para o Domaio, que se impuxo por dous goles a cero a un histórico como o Rápido de Bouzas. Hamza non fallou e abriu a lata para os vermellos nunha segunda parte onde houbo máis oportunidades para anotar en comparación cos primeiros 45 minutos. Trátase da cuarta diana para o atacante do Morrazo, que se está a destapar como unha peza clave na ofensiva dos seus. A cousa non quedou aí e o Domaio volveu ver porta para poñer o peche ao enfrontamento e sumar tres puntos moi importantes na súa loita particular.
Quen está a sorprender a todos co seu rendemento é o Vila do Corpus. O conxunto de Angoares salvou un agónico punto ante o Chaín (2-2) e continúa aferrado aos postos de play-off. As cousas puxéronselle de cara antes do tempo de lecer, pero os seus rivais non se deron por vencidos e completaron a súa remontada nos intres finais. Como se dun súper heroe se tratase, Bruno saíu ao rescate do combinado amarelo e azul poñendo as táboas no electrónico. Sexa desde o banco ou como titular, o revulsivo do Vila do Corpus non ten problema á hora de anotar.
Tamén celebraron o resultado final na Gándara, pois o Caselas derrotou ao Candeán por 5 a 2. O arranque fulgurante dos celestes permitiulles levar a iniciativa desde ben cedo. Igual de rápida foi a reacción dos vigueses, que igualaron a contenda ao cuarto de hora. Co paso do tempo, o ritmo de xogo decreceu e non houbo máis anotacións ata a segunda parte, onde Hugo González se encargou de rematar o choque. Co seu hat-trick contribuíu de maneira significativa á vitoria dos locais, axudándoos a saír da queima do descenso á Segunda Futgal.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

























































































































































































































































































































































































































































































































































