# Hashtag

Un bo agasallo de parte dos Diferenciais da Primeira Futgal

A chegada do temporal á nosa comunidade non impediu o desenvolvemento natural da xornada na Primeira Futgal. Nin a chuvia nin a neve puideron frear aos equipos, que deleitaron ás súas respectivas afeccións cos últimos partidos deste 2025 grazas aos seus xogadores máis Diferenciais.

Os aspirantes non renuncian ao ascenso

Acceder aos play-off no grupo herculino non vai ser unha tarefa doada, pois son varios os conxuntos que están a pelexar por facerse cunha desas prazas.

A Pedreira acolleu un dos duelos máis axustados da fin de semana, onde o Sporting Meicende conseguiu sacar os tres puntos ao vencer por 0 a 1 ao Galicia de Mugardos. Logo dunha primeira parte apertada, os albivermellos comezaron a chegar con perigo á meta local. Tal foi a insistencia que, finalmente, obtiveron o premio do gol nas botas de Block. Desde que chegou ao cadro da Pastoriza, o atacante arxentino non para de amosar o seu talento ofensivo. Suma xa catro dianas nesta primeira volta, onde se converteu nun xogador clave para os seus.



Sorrí o Ural despois de superar por tres goles a un ao Sporting Coruñés. Os branquiazuis foron precisamente os primeiros en adiantarse cando se cumpría a media hora de partido. No tempo de lecer, Adrián Cagiao cambioulles a cara aos seus xogadores e estes anotaron a igualada tras o reinicio. Foi entón cando Iván Yáñez saíu ao rescate do combinado verde co seu cuarto tanto neste curso futbolístico. Os locais aínda tiveron tempo de ampliar a súa renda na prolongación, o que lles serviu para sentenciar o partido e afundir ao seu rival, situándoo en postos de descenso á Segunda Futgal.

Pola súa parte, o Sporting Cambre goleou ao Olímpico e volve meterse de pleno na loita polo ascenso (4-1). A pesar de contar cunha desvantaxe de dous goles, os de Rutis non baixaron os brazos e lograron recortar distancias na segunda parte. Unha alegría efémera, pois Álex Fernández asinou un hat-trick para garantir a vitoria dos cambreses. Ao killer bastoulle con media temporada para igualar a marca de 11 goles do pasado ano. O combinado vermello tan só tivo que agardar ao asubío final do árbitro para facerse con tres puntos moi importantes na procura dos seus obxectivos.

A diferenza é mínima

A igualdade é máxima en terras santiaguesas, especialmente na zona media dunha clasificación moi axustada e onde apenas hai unha diferenza de 6 puntos entre o terceiro e o décimo terceiro.



Muxía e Racing San Lorenzo firmaron táboas en Arliña ao empatar a un gol. O equipo costeiro adiantouse aos vinte minutos, poñendo en pé á bancada vermella. Pouco lle importou aos picheleiros, que devolveron o golpe pouco antes do descanso nunha moi boa acción de Chisco. O mediocampista é un fixo na medular vermella e negra, onde se está a destapar como goleador (3). Non cambiou o guión nos seguintes 45 minutos e o choque saldouse cun reparto de puntos xusto e merecido.

A sorpresa da xornada protagonizouna o Queixas, que venceu por 3 a 2 ao Arzúa. Mateo Viqueira foi o encargado de abrir a lata, malia que o ‘Queixo Mecánico’ devolveu a igualdade ao marcador ao beneficiarse dun autogol. Despois de varias idas e vidas por partes dos dous conxuntos, Viqueira volveu ver porta poñendo o 2-1. Ao atacante ordense non se lle dá nada mal a Primeira Futgal e proba dilo os seus oito tantos. O Arzúa volvería equilibrar a balanza, pero os da Revolta non se renderon e converteron unha pena máxima para tombar así a un dos ‘galos’ da categoría.

Aos seus veciños tamén lles caeu a moeda de cara, pois o Tordoia derrotou ao Calo e logra afastarse dos últimos postos. Boa parte de culpa tivo Víctor Vilariño, que asinou un dobrete para encarrilar as cousas a prol dos de amarelo e negro. O centrocampista estase a destapar como unha das sensacións deste grupo 2, onde figura como un dos máximos goleadores con 9 anotacións. Así e todo, os visitantes non lle perderon a cara ao partido e reduciron a fenda na prolongación, aínda que non foi suficiente para rescatar un punto dun Manuel Juncal ateigado de xente.



E chegou a neve!

Lugo e arredores non se libraron dunha neve que caeu en moitos campos de fútbol da provincia, condicionando os duelos librados durante toda a xornada do domingo.

No Luís Pallín celebraron por todo o alto a vitoria do Oural pola mínima ante o Atlético Escairón (1-0). O mal estado do céspede impediu que ambos contrincantes dispuxeran de grandes oportunidades. Conscientes desta situación, apostaron polo xogo directo para aproximarse ás metas rivais. Pero o gol non apareceu ata os últimos minutos, cando Murúa furou as redes celestes logo de beneficiarse dun rexeite. O extremo sarrián non para de ver porta desde a súa chegada ao cadro cementeiro, que asinou un espectacular mes de decembro con ata tres vitorias.

O xeo tamén marcou o enfrontamento entre Santaballés e Chantada Atlético, saldado con triunfo branquiazul por un resultado de 3 a 2. Adiantáronse os xogadores de Ivi López, que probaron nas súas carnes o difícil que é asaltar A Liga. E máis cando Vérez se atopa xogando do outro lado. O dianteiro vilalbés exerceu como líder da ofensiva local e remontou o encontro con dúas dianas en pouco máis de cinco minutos. Unha renda ampliada máis tarde nunha xogada polémica, onde os chantadeses reclamaron unha infracción por fóra de xogo. De nada valeu que recortaran distancias no segundo tempo, pois o Santaballés meteuse os tres puntos no peto, abandonando as posicións de descenso e afundindo nelas ao seu rival.

Picada do Chantada ao empatar a dous goles ante unha Milagrosa que contou con opcións de levarse o partido. Malia dominar os primeiros compases do choque, o líder estrelouse cunha grande actuación da defensa albivermella. A insistencia vermella medrou co paso dos minutos e o combinado dirixido por ‘Traste’ fixo o primeiro cando apenas quedaban 10 minutos no cronómetro. Non se rendeu a ‘Mila’, que empatou desde os 11 metros desatando a tolemia en Frigsa. Os de ‘Madriles’ viñéronse arriba e tomaron vantaxe por mediación de David, pero non puideron evitar o tanto final de Kadete no engadido.

Gon (Milagrosa) conduce a pelota para zafar a marca de Pulpix (Chantada). FOTO: RÓBER CARREIRA

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



Un bo agasallo de parte dos Diferenciais da Primeira Futgal

Así chega a Terceira ao Nadal: un

Un bo agasallo de parte dos Diferenciais da Primeira Futgal

Un bo agasallo de parte dos Diferenciais