O Ribadumia CF vive un momento doce no grupo 5 da Primeira Galicia, onde se converteu no líder en solitario tras vencer ao Sport Team Estrada na Senra. Invicto, cunha das defensas máis sólidas da categoría e con varios xogadores en estado de graza, o conxunto arousán afronta con ilusión un duelo clave ante o Marín na loita polo ascenso directo.
Un dos protagonistas deste gran inicio de liga é Pedro Giménez, que analiza o momento do equipo, a importancia do traballo do corpo técnico e as sensacións persoais nun curso no que o Ribadumia quere confirmar a súa candidatura ao salto de categoría.
Futbolingalicia: O Ribadumia segue con paso firme e esta semana converteuse no líder en solitario do grupo 5 tras vencer ao Sport Team Estrada por 1-0 na Senra. Que valoración facedes deste primeiro tramo?
Pedro Giménez: «Estamos a realizar un gran traballo, tanto os xogadores como o corpo técnico, e iso estase vendo reflectido no campo e tamén na clasificación. Pero se non lle damos continuidade a isto e non seguimos traballando igual ou máis cada semana, ao final da tempada non nos vai chegar para nada. Polo de agora, aínda non conseguimos nada».
FIG: Sodes un dos poucos equipos do fútbol galego que continúa invicto. Como se supera esa presión cada semana?
PG: «O máis importante é non darlle demasiada importancia a iso nin meternos presión a nós mesmos. Temos que saír cada semana a intentar gañar, sexa cal sexa o rival, que é o que estamos facendo ata agora. Mentres sigamos gañando e as cousas saian así, todo estará ben».

FIG: Só levades cinco goles encaixados en quince partidos. Que importancia ten este dato?
PG: «É un factor determinante. Se non encaixas, sempre partes como mínimo dun empate, e nós somos un equipo que xera ocasións e goles en case todos os partidos. É mérito de todos, porque defender é un traballo colectivo, desde o dianteiro ata o porteiro e os defensas».
FIG: Esta fin de semana xogades contra o Marín. Que partido esperas?

PG: «Espero un partido duro e moi competido por ambas partes. Seguramente se decida por pequenos detalles. Nós imos ir a Marín como en todos os partidos: a competir da mellor maneira posible e a intentar sacar o mellor resultado».
FIG: Que importancia vai ter este encontro na loita polo ascenso directo?
PG: «Estase vendo que nesta liga os equipos de arriba están perdendo moi poucos puntos, polo que cada partido é igual de importante que o anterior. É certo que é un encontro contra un rival directo, pero o que pase non vai decidir nada aínda. Queda moita liga por diante e imos traballar para intentar sacar un bo resultado en Marín».
FIG: Pensabades ao inicio de liga que íades estar pelexando cun equipo tan favorito como o Marín?
PG: «Desde o principio sabiamos que o Marín, pola calidade e polos xogadores que ten, ía ser un equipo chamado a estar na parte alta, e estáo demostrando. Tamén sabiamos que ía ser unha liga moi competida, con grandes equipos como o Unión, o Campo Lameiro, o San Martín ou o Cordeiro, polo que non ía ser nada doado estar arriba. Ademais, nós nunca nos puxemos a presión de entrar en fase de ascenso ou gañar a liga. O noso obxectivo era facer un bo ano e quedar o máis arriba posible, sen presión».

FIG: Que importancia ten o corpo técnico neste gran momento do Ribadumia?
PG: «Creo que están a facer un gran traballo todos. Son persoas moi implicadas, que dedican moito tempo a isto, e nós intentamos corresponder traballando da mellor maneira posible. Iso estase vendo reflectido no campo cada fin de semana».
FIG: No apartado persoal levas seis goles e catro partidos seguidos marcando. Que sensacións estás a ter?
PG: «Estou moi cómodo no equipo. Sabía que era unha plantilla moi compensada e competitiva, e intento aproveitar todas as oportunidades e todos os minutos que me dá o corpo técnico para dar o mellor de min, xogue onde xogue».
FIG: Que che levou a recalar na Senra este verán?
PG: «No meu último ano de xuvenís xa estivera no Ribadumia e sabía como funcionaban as cousas aquí. Polo proxecto, polas instalacións, polos xogadores e tamén porque tiña moitos coñecidos no vestiario, decidín asinar polo club».
FIG: Como recordas as túas etapas no Flavia e no San Martín?
PG: «No Flavia estiven dous anos. O primeiro foi incrible, tanto a nivel persoal como colectivo: xogamos a fase de ascenso e quedamos a un partido de subir a Preferente tras perder co Lalín. Tamén chegamos á final da Copa do Sar, aínda que a perdemos. Non foi o final de tempada soñado, pero gárdoo como un recordo moi bonito. No segundo ano puxéronse expectativas moi altas polo curso anterior. Ata o parón de Nadal chegamos a ir primeiros, pero logo o equipo foise desinflando por baixas e lesións; eu mesmo estiven tres meses parado. Acabamos a liga sen opcións de fase e ese verán marchei ao San Martín. Alí había unha gran plantilla, pero as expectativas tamén eran moi altas e non logramos ter continuidade para loitar polo ascenso. De Vilaxoán levo, sobre todo, moi boas experiencias e amigos que me deu o fútbol».


























































































































































































































































































































































































































































































































































