En FutbolinGalicia non nos olvidamos dos xogadores, adestradores, afeccionados, directivos, árbitros e demais membros do noso fútbol, é dicir, de todos aqueles que día a día aportaron o seu gran de area para que o fútbol galego sea do mellor do fútbol español. O protagonista desta nova entrega de Os Vintage é Juan Manuel Cabrejo Pasante. A continuación a conversa con esta lenda do noso fútbol, con pasado en clubs como Compostela (filial e primeiro equipo), Camariñas, Betanzos, Eibar, Elche, Cartagena, Cerceda e Órdenes. Chegou a xogar no fútbol profesional. Na actualidade é adestrador na escola de fútbol que leva o seu nome no concello de Camariñas, concretamente dos equipos xuvenil e feminino. Ademais adestra ao primeiro equipo masculino do Camariñas CF.
FutbolinGalicia (en adiante FIG): Cal foi o teu primeiro contacto cun balón?
Juan Manuel Cabrejo Pasantes (en adiante JMCP): «Foi ben de pequeno. Na miña época xogabamos moito na rúa. Eu son dun barrio de Camariñas chamado Corea. Alí eramos unha barriada na que había moitos nenos de diferentes idades e xogabamos os máis pequenos con máis maiores, todos xuntos. Na rúa e no colexio foi por tanto onde comezaron os meus inicios cun balón xa dende ben pequeniño.»
FIG: De que equipos formaches parte como xogador?
JMCP: «Camariñas, Betanzos, Compostela B, Compostela, Eibar, Elche, Cartagena, Cerceda, Órdenes e a retirada chegou no Compostela.»
FIG: Algún adestrador que te marcase especialmente?

JMCP: «Apréndese de todos, ou cousas boas ou non tan boas. Non sabería nombrar soamente a un. A nivel profesional Mendilibar e Paco Jémez marcáronme por como era a súa personalidade e como querían xogar.»
«Cando viñen de volta para Galicia (xa tiña amizade con el) Nacho tamén me marcou. Mais tiven moitos: Luis Santiago, Moure, etc. Tería que nombrar a todos! Yago Iglesias, que foi o meu último adestrador. Quizais por tema de confianza e de amizade, diría Nacho. E a nivel profesional é certo que Mendilibar e Paco Jémez son os que máis impacto me produciron pola forma que tiñan de levar o equipo.»
FIG: Xogador, compañeiro ou rival, que máis impresión che causou na túa carreira?

JMCP: «Moitos. Para min, por exemplo, Nacho foi un espello, non soamente como xogador. Era dos mellores laterais que había sen dúbida en España. Colleume esa etapa nos meus comezos no Compostela.»
«Ao chegar ao Eibar marcoume moito un chaval moi novo: David Silva. Foi un auténtico pracer xogar ao seu carón cando non tiña o nome que se forxaría posteriormente. Xa se vía daquela que prometía moitísimo.»
FIG: Como se produce o teu debut no Compostela?
JMCP: «Cando me chamaban por primeira vez nunha convocatoria é porque había moitísimas baixas. Entre lesións e sancións, eu xa estaba adestrando habitualmente co primeiro equipo mais xogaba no filial, que daquela adestraba Moure.»
«Despois dun entreno sacaron a convocatoria e eu aparecía no listado para viaxar a San Mamés. Esa foi a primeira lista de convocatoria na que entrei no Compostela e no fútbol profesional.»

FIG: Por que o cambio de Compos a Eibar e que tal a experiencia alí?
JMCP: «Eu renovara co Compos cinco tempadas, mais chegou un adestrador (Ballesta) que nese momento contaba con outros xogadores máis veteráns. Trouxo do Depor a Nando, que ocupaba a mesma posición que ocupaba eu (lateral esquerdo). Non tiña minutos, non contaba comigo. Apareceu a opción de marchar para Eibar, que era un club que daba oportunidade a xente nova e non o dubidei. Pedín a carta de liberdade e marchei para Eibar. Creo que foi un gran acerto para mellorar como futbolista e persoa. Alí coincidín cun grupo humano impresionante e gardo moi bos recordos.»
FIG: Fóra de Galicia tamén xogaches en Ceuta, Elche e Cartagena. Algunha anécdota ou situación importante desas etapas?
JMCP: «En Elche fixemos un gran equipo pero pasámolo mal. Eramos candidatos para ascender a Primeira mais a nivel deportivo non saíu ben o tema. E extradeportivamente moito peor. Pasamos moitos meses sen cobrar e había moitas dificultades. O primeiro ano alí foi complicado. O segundo ano, máis do mesmo: un equipo que prometía moito e que non foi capaz de sacar resultados deportivos que a priori poderiamos facer.»
«No Cartagena o tema era intentar o ascenso si ou si. O equipo levaba case trinta anos sen estar en Segunda. Por un penalti que erramos no último minuto na promoción, máis polo valor dobre dos goles en campo contrario, non ascendimos. Máis tarde si que conseguimos un ascenso. Alí estiven catro anos impresionantes, con xente que nos tratou coma se fósemos familia. Pasamos, tanto eu como a miña familia, unha época formidable.»
FIG: O regreso a Galicia chega da man do Cerceda na tempada 2009-2010. Como era o grupo galego de Terceira División neses anos e como competía o Cerceda nesa categoría?
JMCP: «Cando volvín a Galicia fichei no Cerceda. Había outras opcións fóra pero quería vir para a casa. No Cerceda tiñamos un auténtico equipazo. Ademais era unha Terceira División na que coincidimos con Deportivo B, Celta B, Orense, Ferrol ou Pontevedra. Foron unhas tempadas magníficas, nas que disfrutei moitísimo. Conseguimos gañar unha liga diante de equipos con moita solera, como filiales de equipos de Primeira División. Eses anos o Cerceda competía moi ben, mais quedou a espiga cravada polo tema da promoción. Por unhas cousas ou outras, non demos logrado ascender. Foi unha auténtica mágoa.»
FIG: Varias tempadas, no tramo final da túa carreira, no Órdenes. Como transcorre a experiencia?
JMCP: «Chego porque Nacho, que xa o tivera de adestrador no Cerceda, lévame para alí. En Cerceda chegou un adestrador que pensaba que eu tiña máis poder ca o propio presidente e que mandaba moito. Todo isto sen coñecerme de nada. Foi unha situación que me molestou e decidín marchar.»
«No Órdenes coincidín con xente que xa coñecía e cun grupo humano de dez. Estiven alí tres anos, nos que competimos moi ben. Foron tempadas a nivel futbolístico nas que disfrutei un montón ao carón de Padín, Rey, Capel, Juanpa…»
FIG: Un último baile co Compos en Terceira xa con 41 anos. Que recordos gardas desa tempada?
JMCP: «Cando chegou Yago Iglesias chamáronme. Vino como unha oportunidade única para retirarme no lugar onde comecei no fútbol a modo profesional. É certo que con 41 anos xoguei moitos partidos. Dese ano temos a espiga cravada de non dar ese último empurrón para lograr meternos na promoción. Aínda así foi unha tempada na que gocei e aproveitei para retirarme no equipo onde todo comezou en canto a facerme un nome no mundo do fútbol. Gardo un gran recordo con Yago Iglesias de adestrador e Rodri de segundo. Tiñamos un gran cadro de xogadores, mais ao mesmo tempo non conseguimos o que queriamos: meternos na promoción. Mais foi un ano de gran recordo e no que decidín colgar as botas.»
FIG: Mais Juan Manuel tamén ten a faceta de adestrador. Cal é a túa filosofía como adestrador?
JMCP: «É certo que a vida do adestrador é totalmente diferente á vida do xogador. As cousas vense de maneira distinta. Teño falado moito disto con Nacho e con demais adestradores e teñen toda a razón do mundo. O de adestrador é un papel no que se levan moitos máis problemas a casa porque sabes que tes un cadro de xogadores no que non poden xogar todos. Hai que tratar de facer malabares para que todo o mundo se atope contento. Isto é complicado mais é a base do éxito.»
«En canto a miña filosofía, encántame xogar o balón, mais ao mesmo tempo sei que hai que traballar. Gústanme os equipos que apretan e que defenden ben. Un equipo que defende ben, ataca moito mellor. Se podo e teño xogadores para xogar, gústame. Era o que me gustaba a min como xogador; facer dano con balón. Tamén hai que adaptarse as distintas categorías nas que se pode estar, aos diferentes tipos de xogadores que poidas ter… A vida de adestrador é máis dura ca de xogador.»


























































































































































































































































































































































































































































































































































