O frío comeza a facerse notar nos campos da Primeira Futgal, pero os seareiros máis fieis non van agocharse nas súas casas. Aínda teñen máis gañas de acudir a animar aos seus equipos, e non é para menos pois os xogadores máis Diferenciais da categoría ofrecen un espectáculo imperdible.
Poñer fin ás sangrías
En terras ourensás, cada fin de semana convértese nunha batalla á procura dos tan ansiados tres puntos. Non é para menos, pois gañar pode ser ese bálsamo co que rachar unha mala xeira como nestes casos.
Un mes despois, o Sporting Carballiño volve á senda da vitoria ao endosarlle un claro 3 a 0 ao Francelos. Non tardaron en facerse coa iniciativa no marcador, adiantándose aos poucos minutos de ter comezado o encontro. Xa na segunda metade, os xogadores de Aitor Neira meteron unha marcha máis e Ibai aproveitou unha boa acción para enviar o balón ao fondo das redes ribeirás. Asentado nas filas branquiazuis, o extremo dereito está a ser unha peza clave na ofensiva polbeira, con tres goles no seu haber. Pero as cousas non remataron aí e o Sporting aínda tivo tempo de ampliar a súa renda unha vez máis.
Máis axustado foi o duelo entre o Loñoá e o Allariz, que caeu do lado dos da ‘Ziralla’ (0-1). Ambos contrincantes saíron ao terreo de xogo dispostos a defender as súas respectivas áreas e aproveitar os contragolpes. Dito e feito, pois ningún deles puido superar ao seu rival durante boa parte dos 90 minutos regulamentarios. O paso do tempo non os alterou ata que Abella anotou o único tanto do partido desatando a ledicia no banco verde e negro. Chegado desde os xuvenís do Cented Academy, o media punta alaricano viu porta por primeira vez co seu novo equipo e de que maneira. Coa súa diana, o Allariz pon fina a unha xeira de ata cinco xornadas sen gañar.
Para goleada a vivida en Rozavales, no derbi desputado entre Monterrei e Verín. O cadro vermello derrotou aos seus rivais por un gol a seis, nunha exhibición do seu atacante estrela Júnior. Foi el quen abriu a lata á media hora de partido para encarrilar o encontro e desde entón non parou. Tras o descanso, o ariete seguiu ao seu e converteu dúas oportunidades máis que lle serviron para asinar o seu primeiro hat-trick na Primeira Futgal. O bo momento do seu equipo coincide cun treito onde tamén está a render a nivel persoal, pois sitúase como o pichichi da categoría.

A salvación como misión principal
Comeza a abrirse unha fenda insalvable entre os ocupantes das primeiras posicións do grupo 5 e os conxuntos situados na zona media, cuxo obxectivo é lograr a permanencia canto antes.

A sorpresa saltou en Vista Alegre coa derrota do Marín a mans dun Abanqueiro moi efectivo de cara a portería (2-0). Ao bordo do tempo de lecer, Piti propinou o primeiro golpe da tarde para os de Boiro, que realizaron unha gran primeira metade, sen fisuras no seu plan de xogo. O guión non mudou despois do paso polos vestiarios e, co Marín adormecido, o combinado local logrou anotar novamente. Co paso do tempo, o marcador xa non se moveu e os laranaxas puideron sumar así a súa segunda vitoria consecutiva, deixando atrás os postos de descenso á Segunda Futgal.
Por outra banda, o Campo Lameiro impúxose por dous goles a cero ante o Amanecer. Se ben o primeiro tempo non contou con grandes ocasións, sucedeu xusto o contrario no seguintes 45 minutos. Carramal non fallou á súa cita co gol e desta vez atopouse con el por duplicado, asinando un dobrete en cuestión de segundos. Trátase da oitava anotación para o ariete de 23 anos, líder no ataque do cadro dos petróglifos. Tendidos sobre a lona, os do Grove non foron capaces de sobrepoñerse aos ataques do seu rival, que tan só tivo que xestionar o ritmo do duelo para levarse os tres puntos.
Baño acolleu o reparto de puntos entre o Cordeiro e o Flavia logo de empatar 2 a 2 nun derbi ateigado de emoción e bo fútbol. Os branquiazuis foron os primeiros en tomar a iniciativa ao converter unha pena máxima. Unha auténtica xerra de auga fría para o conxunto de Valga, que se encomendou a Moisés para darlle a volta ao electrónico. Como se dun super heroe se tratase, o dianteiro saíu ao rescate dos seus e con dous tantos reverteu a situación para ledicia da bancada local. Pero quen tivo a última palabra foi o Flavia, que se encargou de arruinar a festa branca ao lograr o empate cando só quedaban 10 minutos.

É preciso apurar todas as opcións
Atlántida Matamá e Vila do Corpus comezan a coller distancia respecto aos seus perseguidores, malia que estes non renuncian no seu intento de disputarlles o ascenso a estes dous xigantes.
En Oural celebraron por todo o alto os tres puntos acadados polo Progresista despois de superar por dous goles a cero ao Racing Castrelos. Os albivermellos dominaron o encontro desde o comezo grazas a un grande arranque, onde saíron enchufados e dispostos a levarse os tres puntos. Así foi como chegou o primeiro tanto e, pouco despois, tras o paso polos vestiarios, Borja Rodríguez acrecentou a diferenza. Ademais de defender con unllas e dentes, o defensor tamén ten capacidade anotadora tal e como se encargou de amosar. Logo de tres partidos afastados dos tres puntos, o combinado de Salvaterra volveu ás andadas cunha nova vitoria.
O Chaín tamén se quere sumar á terna polo ascenso e impúxose ao Domaio con algunha que outra dificultade (2-1). E é que os do Morrazo foron os primeiros en anotar cando aínda non transcurrira o primeiro cuarto de hora. Pouco a pouco, os homes de Alonso chegaron con máis decisión á meta contraria e, nunha desas aproximacións, beneficiáronse dun erro da defensa vermella que desembocou nun autogol. A insistencia local recibiu o seu merecido premio na última acción do partido, cando Noel anotou o 2-1 para desatar a tolemia na Gándara.
Chuvia de goles en Pardellas, onde o Xuvenil de Ponteareas obtivo o triunfo ante o Caselas por 4 a 2. O equipo do río Tea tomou a iniciativa pasados os primeiros vinte minutos, furando as redes rivais por partida dobre. Un non podería presaxiar o complexo que se ía volver o xogo, pois o Caselas conseguiu empatar xa no segundo tempo. Pero a mala sorte ceibouse cos celestes, que encaixaron un gol en propia meta e recibiron, posteriormente, a sentenza por parte de Quique García. O mediocentro pontevedrés fixo o sétimo tanto na súa conta particular, probando o seu olfacto goleador unha vez máis.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

























































































































































































































































































































































































































































































































































