# Hashtag

Os Diferenciais da Primeira Futgal resisten o frío invernal

Chega o inverno e un pode pensar que os campos de fútbol non van estar ateigados de afeccionados. Ver unha película ou tomar un chocolate quente a carón da cheminea semellan mellores opcións, mais a Primeira Futgal posúe bos motivos para facer levantar á xente do seu sofá. Como por exemplo, ver aos Diferenciais.

O escenario ábrese en todas as súas frontes

Polo momento, non hai ningún equipo que teña un papel asignado nun grupo coruñés onde o panorama está moi aberto. Ben sexa no caso da loita polos play-off ou pola salvación.

Nos Pinares celebran o gran momento de forma do Perlío, que venceu por dous goles a un ao Oza Xuvenil. Aínda non rematara de asubiar o árbitro cando Iván San Emeterio fixo o primeiro da tarde. O líder da ofensiva azul e amarela está a ofrecer un gran rendemento neste inicio de curso e leva xa dez goles, superando a súa anterior marca. Así e todo, o xúbilo non durou moito entre as filas do conxunto de Fene, pois as ‘quenllas’ igualaron a contenda ao pouco. Pero os homes de Jesús Peña non baixaron os brazos e volveron ver porta para así sentenciar o encontro.



Pola súa parte, o Imperator non tivo piedade co Ural e goleou ao cadro verde endosándolle un contundente 5 a 1. Boa parte de culpa tivo o seu atacante Álvaro Gómez, cuxa actuación non pasou desapercibida para os afeccionados que se achegaron ata a Grela. Ademais de abrir a lata, o herculino colleitou outros dous tantos para asegurar a vitoria dos seus no ‘derbi’. Con este hat-trick suma seis goles neste curso, onde se está a destapar como un dos grandes goleadores da categoría. De seguro, a defensa do Ural tivo máis dun pesadelo con el.

A poucos quilómetros de alí, Relámpago e As Pontes firmaron táboas nun duelo ben igualado (1-1). Non houbo quen furara as redes rivais nos primeiros 45 minutos, pois ningún dos dous equipos contou con grandes oportunidades para adiantarse. Nada máis comezar o segundo tempo, Habib enviou o balón ao fondo da meta dos do Poboado. A súa reacción chegou un cuarto de hora despois conseguindo o empate para desesperación dos ‘canarios’. E con ese marcador finalizou o encontro, a pesar dos intentos de ambos contrincantes por desfacer a igualdade.

Moitos candidatos a un ascenso moi competido

Son varios os conxuntos que loitan por subir á Preferente Futgal en Santiago e arredores. Non é para menos, pois só hai 6 puntos de diferenza entre os cinco primeiros clasificados deste grupo 2.



Dura derrota do Racing San Lorenzo no seu propio feudo, onde o Calo puxo toda a carne no asador para levarse o +3 (0-3). Aos cinco minutos, Ángel declinou a balanza a favor dun cadro branquiazul moi enchufado nos primeiros compases do enfrontamento. Chegado desde as filas do Cruído, o extremo esquerdo está a desempeñar un rol clave nas filas dos teenses contribuíndo desde o banco ou xogando como titular. O dominio do combinado visitante non quedou aí e ampliaron a renda xusto antes do descanso para, despois do reinicio, firmar a sentenza do choque.

Sorrí o Vizoño logo de superar ao Tordoia por un axustado 1 a 2. Non foi o mellor comezo para os xogadores do Manuel Juncal, que comezaron por debaixo no electrónico ao encaixar unha pena máxima. Alentados polos seus seareiros, conseguiron o empate ao volver do paso polos vestiarios. Co encontro próximo ao seu remate, emerxeu a figura de Licky para volver poñer por diante aos seus na prolongación. Unha vez máis, o dianteiro senegalés aparece nos momentos máis importantes para selar o triunfo do Vizoño, que se sitúa na quinta posición da táboa clasificatoria.

Saúdo dos capitáns do Vizoño e o Tordoia co trío arbitral. FOTO: VIZOÑO SD

Quen non falla é o Bertamiráns, líder da competición despois de impoñerse por catro goles a un ao Muxía. O inicio fulgurante dos locais permitiulles sacar unha gran vantaxe nos primeiros intres, poñendo o 2-0 aos vinte minutos. Unha diferenza que reduciu o Muxía desde o punto fatídico antes de chegar ao entretempo. Así e todo, os homes de Levi non tardaron en volver a carga e asestaron un dobre golpe nun santiamén. Malia súa demarcación, David González demostrou ter un olfacto para o gol ao anotar o cuarto e definitivo tanto para o ‘Berta’.



Cada un vai a polas súas metas

Pasan as xornadas e a competitividade en terras lucenses segue a ser unha constante, cos diferentes equipos centrados na consecución dos seus obxectivos.

Remontada por todo alto do Outeiro do Rei ante a Residencia, á que derrotaron por dous goles a tres. Iso si, os homes de Fernando Corredoira comezaron o duelo por debaixo ao encaixar na saída dun córner. O golpe sentoulles mellor aos de verde e negro, cuxa reacción foi instantánea. Pouco a pouco foron aproximándose á meta capitalina ata lograr o empate pasada a media hora do choque. Os branquiazuis volveron facerse coa iniciativa, pero o Outeiro demostrou a súa capacidade para reverter os escenarios máis complicados. Devolveron a igualadade ao marcador e, xa no tempo engadido, Nico culminou a faena cun tanto que supón a primeira derrota para a ‘Resi’ no seu feudo.

A pesar do cambio de adestrador, o Ribadeo levouse o derbi mariñán ante o Foz pola mínima (1-2). A intensidade fíxose co protagonismo deste duelo, onde o balón parado tivo un papel destacado. Daban os sete minutos no cronómetro cando os celestes aproveitaron un centro lateral para poñerse en vantaxe. E igual de rápido chegou o 1-1 tras un rexeite dun saque desde o curruncho. A bancada do Martínez Otero animou en todo momento aos seus, que saíron á procura da vitoria na segunda metade. Pero as cousas non puideron ir peor, pois Anxo rematou só un saque de esquina para facer o segundo e definitivo gol, cumprindo así coa lei do ex.

Castro e Taboada non pasaron do dous a dous no Arturo Pereiro e sumaron un só punto nesta xornada. O bo comezo dos branquiazuis permitiulles adiantarse aos cinco minutos e con ese resultado chegouse á fin da primeira parte. Dumi cambiou a súa estratexia e os chairegos déronlle a volta á tortilla sen que o Taboada puidera tan sequera defenderse. Foi entón cando apareceu Gabri para equilibrar o encontro grazas á súa cuarta diana neste arranque de liga.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



Os Diferenciais da Primeira Futgal resisten o frío invernal

A semana máis estraña nas filas da

Os Diferenciais da Primeira Futgal resisten o frío invernal

Os Diferenciais da Primeira Futgal resisten o