# Hashtag

Iago Seijo, Galicia Mugardos: “Este club non merece estar nesta categoría”

O dianteiro do Galicia de Mugardos, Iago Seijo, vive un inicio de tempada brillante en Primeira Galicia, onde xa suma nove goles e é unha das referencias ofensivas dun equipo que mantén a segunda praza.

Tras o triunfo contra o Relámpago e ás portas dun duelo directo co Meirás, Seijo analiza o estado do equipo, a loita polo ascenso e repasa a súa traxectoria futbolística en clubs como o Eume, Cultural Maniños, As Pontes ou o Galicia Caranza.

Futbolingalicia: O Galicia de Mugardos venceu este domingo por 2-1 ao Relámpago e mantén a segunda posición. Como valoras o partido?



Iago Seijo: «Foi un partido complicado, moi condicionado polo estado do campo. As fortes choivas das dúas últimas semanas deteriorárono moito e facía moi difícil xogar. Aínda así, adaptámonos ben ás circunstancias e creo que fixemos un bo encontro, o que nos permitiu levar os tres puntos».

FIG: Anotaches os dous goles do triunfo. Como te estás a sentir neste inicio de liga, onde xa acumulas nove goles?

IS: «Moi contento. Síntome moi cómodo e con moita confianza. Iso débese ao apoio do club, á confianza que me transmite o corpo técnico, á afección que sempre está con nós e, por suposto, a todos os meus compañeiros».



FIG: Como ves a pelexa polo ascenso?

IS: «Difícil, porque ascender en calquera categoría sempre é complicado. Pero é o noso obxectivo e estamos moi ilusionados con el. Sen dúbida, imos loitar ata o final».

FIG: Cres que é posible recurtar a distancia co Carral?



IS: «Si, claro. Ao final, pódense perder puntos en calquera partido. Nós temos que seguir o noso camiño, ir partido a partido, intentar sumar de tres en tres e esperar algún tropezo dos rivais directos».

FIG: Esta fin de semana visitades ao Meirás, cuarto clasificado e a só dous puntos de vós. Que partido esperas?

IS: «Espero un partido difícil, como todos nesta categoría. O Meirás é un rival moi intenso e competitivo. Seguro que será un encontro bonito, pero intentaremos aproveitar a dinámica positiva que traemos para sumar outra vitoria».

FIG: Indo á túa carreira, este ano segues no Mugardos tras un ano complicado en Preferente. Que che levou a renovar?

IS: «É certo que o ano pasado foi duro. No colectivo, un descenso sempre pesa, e no individual tampouco foi o meu mellor curso. Aínda así, renovar no Mugardos foi doado. É un club que te trata moi ben, no que se preocupan por ti e no que te fas sentir querido. É unha entidade moi próxima, cunha afección que anima en momentos bos e malos. O Mugardos non merece estar nesta categoría, e iso tamén me motivou a seguir aquí».



FIG: Vés de dous anos en Preferente e agora estás facendo unha boa campaña en Primeira. Cres que debes ser diferencial no equipo?

IS: «Iso non o teño que dicir eu. Non sinto esa presión, pero si que intento dar sempre o máximo, traballar e axudar ao equipo a conseguir bos resultados».



FIG: Esta categoría sempre foi un hábitat onde te sentiches moi cómodo, anotando moitos goles. Que diferenzas atopas entre Preferente e Primeira?

IS: «As maiores diferenzas están no ritmo, no físico e na intensidade. Neses aspectos hai varios chanzos entre unha categoría e outra. Con todo, penso que para sentirte cómodo, esteas onde esteas, o máis importante é ter confianza en ti mesmo. Se a tes, e o teu entorno cho transmite, as cousas acaban saíndo».

FIG: Como recordas os teus primeiros anos como sénior no Eume, no Cultural Maniños e nas Pontes?

IS: «Gardo conclusións moi positivas. Máis alá dos recordos futbolísticos, o mellor é a xente que coñeces grazas ao fútbol: compañeiros, adestradores e xente da dirección deportiva. Son persoas que acaban converténdose en amigos, e iso é o que máis valoro». 

FIG: E a túa etapa base no Galicia Caranza?

IS: «Tamén teño moi bos recordos. Foron sete anos, desde infantís ata xuvenís, nos que puiden xogar ligas galegas e incluso División de Honra. Moitas horas de bus, moitos desprazamentos e partidos inesquecibles. Foi unha etapa na que aprendín moitísimo e na que coñecín a persoas coas que aínda hoxe manteño moi boa relación. Gustaríame enviar unha aperta a toda a xente dos equipos nos que estiven e que me axudou e me ensinou tanto. Grazas de corazón».

Iago Seijo, Galicia Mugardos: “Este club non merece estar nesta categoría”

Emoción e unha interesante pelexa polo liderado

Iago Seijo, Galicia Mugardos: “Este club non merece estar nesta categoría”

A semana máis estraña nas filas da