En FutbolinGalicia non nos olvidamos dos xogadores, adestradores, afeccionados, directivos, árbitros e demais membros do noso fútbol, é dicir, de todos aqueles que día a día aportaron o seu gran de area para que o fútbol galego sea do mellor do fútbol español. O protagonista desta nova entrega de Os Vintage é Diego Couso Salgado. A continuación a conversa con esta lenda do noso fútbol, con pasado en clubs como Gran Peña, Alondras, Cultural Areas, Caselas, Mondariz ou Mos. Na actualidade adestra na base do Val Miñor.
FutbolinGalicia (en adiante FIG): Cal foi o teu primeiro contacto cun balón?
Diego Couso Salgado (en adiante DCS): «Empecei xogando nun equipo de fútbol algo tarde posto que o meu primeiro equipo foi o Castrelos, con 9 anos. Despois fichei no Celta, estando cinco anos. En xuvenís estiven en Coruxo e Areosa.»
FIG: De que equipos sénior formaches parte?
DCS: «Gran Peña en tres etapas distintas (Preferente, Terceira División e Primeira Rexional), Alondras en Terceira División, Cultural Areas en Terceira División e Preferente, Caselas e Mondariz en Preferente ámbolos dous e Mos en Segunda Rexional.»
FIG: Algún adestrador que te marcase especialmente?

DCS: «Tívenos moi bos mais quédome con Julio Buylla e Juan Carlos Andrés, aínda que sexan moi diferentes.»
FIG: Xogador, compañeiro ou rival, que máis impresión che causou na túa carreira?
DCS: «Xoguei contra Iniesta e Cazorla, está todo dito! E como compañeiro, o mellor sen dúbida, Santi Domínguez, do Alondras. Un xogador sobresaínte tecnicamente e ao que se lle caían os goles.»

FIG: Como se produce o teu debut na Terceira División?
DCS: «Fichei no Gran Peña no meu primeiro ano sénior estando de adestrador Juan Carlos Andrés, que o tivera xa no Celta. Un par de anos despois Juan Carlos fichou no Alondras Terceira División e deume a oportunidade de ir con el.»
O Cultural Areas é moi especial para Diego Couso Salgado
FIG: O Cultural Areas é o equipo no que, en etapa sénior, pasaches máis tempadas. Que significa o club para ti?
DCS: «Xunto co Gran Peña é o club máis especial para min. Cando cheguei era un club onde o presidente, Mingos, e o adestrador, Serapio Lama, levaban moitos anos facendo un traballo impresionante e levando ao club dende Terceira Rexional a Terceira División. Cando eu firmei, acababa de ascender a Terceira División e atopeime un grupo moi unido no que a base eran xogadores da casa moi comprometidos e cun nivel técnico alto. Foron anos moi bos, cunha proposta que en Terceira non se vía moito posto que xogabamos de forma asociativa en calquera campo, asumindo riscos ao intentar xogar dende atrás. Dábanos igual o rival e o campo, sempre xogabamos así. Gañamos a equipos como Ourense, Compos, Cerceda, Depor B ou Cidade de Santiago.»
«Mais o club cambiou a política e comezou a facerse unha aposta diferente, deixando de apostar por xogadores da casa e fichando xogadores de fóra. Chegouse a firmar a xogadores que viñan de Andalucía e un de Alemania. O equipo tamén perdeu personalidade no xogo pola marcha de Serapia Lama. O non seguir apostando por xogadores da casa foi un erro.»

FIG: Caselas e Mondariz, en Preferente Sur, figuran no teu currículo. Que recordos gardas desta etapa?
DCS: «No Caselas pasei dous anos difíciles, con cambio de directiva incluído, aínda que logramos a permanencia, que era o obxectivo ambas tempadas.»
«No Mondariz chamoume Adrián Rubio, que era o adestrador, e recuperei a ilusión por competir. Os adestramentos eran de calidade e o grupo espectacular. Fixemos dúas campañas notables en canto a xogo en Preferente, mais quedounos a espiga de non quedar máis arriba na táboa.»
Un regreso curto ao Gran Peña para intentar un ascenso
FIG: Na 2018-2019 regresas ao Gran Peña, no que xa militaras con 23 anos na 2008-2009. A que se debe ese regreso e como transcorre?
DCS: «Era o meu segundo ano no Mondariz. Tiñamos a permanencia lograda e faltaban cinco partido. Chamoume o Gran Peña, que intentaba ascender de Primeira Rexional a Preferente e querían que xogase con eles eses cinco últimos partidos. Falei co Mondariz e deixáronme saír. Metímonos na fase de ascenso de rebote e estando nunha mala dinámica de xogo, mais nos play-offs todo cambiou. Xogamos dúas eliminatorias de maneira excelente eliminando a equipos de nivel.»
FIG: A túa última aventura como xogador chega na UD Mos. Sabías que sería a fin?
DCS: «Sabía que estaba para pouco máis e que non quería arrastrarme polo campo. Ese ano chamáronme un par de equipos de Preferente. Un foi o Porriño e chamoume tamén Claudio Giráldez, que era o novo adestrador do Gran Peña, para que seguira alí. Ao final cando ves que os compañeiros pásanche coma avións non queda outra que baixar o nivel da categoría para seguir competindo ben.»
FIG: Como é o momento de decidir que chega a retirada?
DCS: «Seguir xogando hoxe gustariame, mais ao final todo se acaba. O momento tomeino con naturalidade.»
O Diego Couso Salgado adestrador
FIG: Mais Diego Couso Salgado tamén ten faceta de adestrador. Que tal na base do Val Miñor?
DCS: «Estou encantado. Un club que o leva facendo espectacular moitos anos, cunha proposta futbolística clara; que é xogar en equipo, ser asociativos, xogar dende atrás, cuidar os valores do deporte… Non son casualidade nin os resultados deportivos, os equipos están nas mellores categorías, nin tampouco a de xogadores que saíron de Val Miñor. Entre eles están os que todos coñecemos: Santi Comesaña, Thiago, Rodrigo, etc. É tamen hai moitísimos xogadores en categorías máis baixas que saíron do club.»
FIG: Cal é a túa filosofía como adestrador?
DCS: «Gústanme os equipos valentes, asociativos e con personalidade co balón, que controlen o xogo e que ataquen. A nivel defensivo, que sexan agresivos e defendan cara adiante.»
FIG: Había máis nivel antes ca agora nas nosas competicións?
DCS: «Creo que o fútbol cambiou un pouco. Agora hai máis táctica e a velocidade e o ritmo de xogo son máis altos, aínda que ao final a calidade adáptase e supera a ambas cousas.»


























































































































































































































































































































































































































































































































































