Hai alguén que prefira facer as maletas e irse de viaxe na ponte no canto de desfrutar dunha boa xornada de Primeira Futgal? Chamádenos tolos, pero ter a oportunidade de presenciar aos Diferenciais un domingo máis resulta un plan ben apetecible…
Rachar coa mala dinámica
Co Verín asentado no liderado do grupo ourensán, os demais equipos están a protagonizar unha loita encarnizada onde non hai cabida para a consecución de varias derrotas.
Boas noticias para A Peroxa logo de superar por cero goles a dous ao Allariz. O conxunto adestrado por Josiño fíxose rapidamente coa iniciativa e foi o primeiro en levarse o gato á auga. Desde entón e ata o final do encontro soubo controlar o ritmo de xogo ante os alaricanos, que foron incapaces de ameazar a área vermella. A falta de 5 minutos para o remate, Roi fixo o segundo e definitivo tanto para ledicia dos seus. Trátase da primeira diana para o centrocampista ourensán, cuxo papel é clave na medular dun A Peroxa chamado a ocupar a zona media da táboa.
La Purísima e Melias firmaron táboas nun duelo onde ambos equipos precisaban a vitoria (2-2). Malia seren os visitantes, os branquiverdes comezaron o choque con moita intensidade e adiantáronse aos poucos minutos. Na segunda metade ampliaron a súa renda, pero non contaron coa épica da ‘Puri’, que logrou levantarse da lona antes de oír a campá. Luciano non dubidou e mandou o balón ao fondo da rede para empatar sobre a bucina e sumar o seu terceiro gol neste comezo de curso. Vestido de super heroe, o dianteiro de 24 anos rescatou aos seus para levarse un agónico punto que lles serve para coller distancia sobre o descenso.
Pola súa parte, o Maceda fíxose forte no seu feudo e conseguiu vencer ao Monterrei por un claro 2 a 0. O cadro local tomou vantaxe aos vinte minutos e, antes de chegar ao tempo de lecer, viu porta novamente grazas a unha boa acción de Mario. Chegado desde a canteira do Ourense CF, o central macedao retornou ao Cardenal Quiroga para contribuír coas súas achegas na parcela defensiva. Pero non só destaca como zagueiro, pois tamén ten un gran olfacto goleador do que deixou constancia. Con este resultado, o Monterrei pon fin a unha xeira de ata 6 partidos sen coñecer a derrota.
Metas ben diferentes
O paso das xornadas fai medrar as diferenzas nun grupo pontevedrés segmentado en ‘ligas’ con obxectivos distintos. Iso si, a competitividade e o bo fútbol son unha constante en todas e cada unha delas.

Do fondo da clasificación para rexorde o Valiño tras impoñerse por dous goles a un ao Arcade. Ningún dos dous contrincantes gozou de grandes ocasións na primeira parte, pero o guión cambiou despois do descanso. O conxunto ostreiro fíxose coa iniciativa logo do reinicio e comezou a petar na porta rival. Foi entón cando aproveitaron unha desas aproximacións para facer o primeiro ante a desesperación dos de Cabo de Cruz, que se viron na obriga de darlle a volta ao marcador. A súa reacción non se fixo agardar e igualaron a contenda para, acto seguido, gozar dunha grande oportunidade desde os 11 metros. Dani Ozores non errou e sumou o sexto tanto na súa conta particular para asegurar os tres puntos.
Quilómetros máis abaixo houbo un reparto de puntos entre o Campo Lameiro e o Caldas, que empataron 2 a 2. Na Chanciña viviuse un guión bastante parello ao caso anterior, pois as chegadas á porta brillaron pola súa ausencia ata o gol de penalti do cadro dos petróglifos. Con todo a favor, os homes de Hugo Picallo confiáronse e os visitantes equilibraron a balanza por mediación de Adri Souto. O ‘killer’ do Caldas apareceu para salvar un punto ‘in extremis’ que lle permite ao seu equipo afastarse das complicadas prazas de descenso.
Con claridade e contundencia, o Marín solventou a súa gran primeira proba de lume ante o Unión (3-0). Os afeccionados reunidos en San Pedro non agardaron moito para celebrar o primeiro tanto dos celestes, que non deixaron de pisar o acelerador durante todo o choque. Froito desa ambición chegaron o segundo e o terceiro da tarde baixo o selo de Álex Rey. O mediocampista lucense está a probar a súa facilidade para ver porta, ademais de exercer como líder na medular do seu novo equipo. Coa súa dupla sentenciou o devir dun encontro que lle serve ao Marín para seguir liderando a clasificación en compañía do Ribadumia.


Aínda queda moita tela por cortar
A derrota do intratable Atlántida Matamá a mans do Vila do Corpus iguala aínda máis o grupo 6. Dá igual que se fale sobre os play-off ou sobre as últimas prazas porque cada partido é unha batalla onde o que menos importa son os obxectivos.
O Sporting Guardés impúxose por tres goles a un ao pechacancelas da categoría, o Candeán. Na Sangriña ninguén dubidou das intencións dos amarelos, que comezaron por diante no electrónico grazas ao bo facer de Miguel Martínez. A pesar de ser a súa primeira temporada como futbolista sénior, o pivote está a amosar solidez e chegada a partes iguais. Antes de chegar ao tempo de lecer, o conxunto visitante botou unha xerra de auga fría por riba dos locais cando fixeron a igualada. Pero as cousas non quedaron aí e os homes de Antonio Rodríguez conseguiron facerse de novo co dominio para levarse os tres puntos.
Nin Racing Castrelos nin Rápido de Bouzas foron quen de vencer neste derbi olívico que rematou cun 2 a 2. O Monte da Mina acolleu un partido vibrante onde os locais conseguiron o primeiro da tarde. Sergio Fernández foi o encargado de abrir a lata para os albivermellos, aínda que a alegría durou pouco ao recibir o 1-1 por parte do seu rival. Ao volver dos vestiarios, Sergio furou novamente as redes do Rápido, asinando un dobrete para poñer por diante aos seus. A entidade amarela e negra encomendouse a un milagre e xusto cando o encontro parecía rematar lograron un punto que lles permite prolongar a súa xeira de seis partidos sen perder.
Tamén se suma á loita polas primeiras prazas o Gondomar. O conxunto adestrado por Iago González non tivo problema a pasada xornada e goleou ao Chaín no derbi do Val Miñor (5-1). Tras un comezo fulgurante, os das Gaiandas puxeron o 2-0 ao cuarto de hora do enfrontamento. Os branquiazuis recortaron distancias, pero non contaron coa espectacular entrada de Anxo Alborés. Saído desde o banco, o xogador de 22 anos asinou un dobrete en tan só 10 minutos sentenciando as cousas a prol dun Gondomar que se sitúa a unha vitoria da terceira posición.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

























































































































































































































































































































































































































































































































































