# Hashtag

Os Diferenciais da Primeira Futgal non marchan de ‘ponte’

A ‘ponte’ de decembro fixo parar a varias categorías do fútbol galego pero non así a Primeira Futgal. Con tal de alentar ao seu equipo, foron varios os afeccionados que renunciaron a estas pequenas vacacións para desfrutar dunha xornada cargada de emoción, goles e moita maxia a cargo dos Diferenciais.

Co obxectivo de non descolgarse

É imposible relaxarse no grupo coruñés, onde cada fin de semana se converte nunha oportunidade para subir posicións ou afundirse aínda máis na clasificación.

Sorrín os afeccionados da Gándara, pois o Eume Deportivo goleou ao Oza Xuvenil por un resultado de 1 a 5. Con todo, non foi ata o remate da primeira metade cando os branquiazuis puideron desfacer a igualdade con dous tantos. Ás ‘quenllas’ non lles sentou ben o paso polos vestiarios e recibiron tres novos golpes en apenas 10 minutos. Jacobo encargouse de deixar o seu selo na malleira cun dobrete que lle serve para sumar a súa sétima diana neste comezo de curso. Corren boas noticias para o Eume Deportivo logo de conseguir a súa segunda vitoria consecutiva.



Pola súa parte, o Orillamar venceu por tres goles a un ao Imperator nun partido sinxelo para os homes de Daniel Casal. Iso si, os goles tiveron que agardar un bo rato pois os primeiros compases do encontro foron ben parellos. O cadro azul abriu a lata xusto antes do descanso e, ao volver, Sergio ampliou a renda para poñer terra de por medio. Malia actuar como centrocampista, o xogador herculino asombra a todos co seu talento ofensivo e proba dilo os 5 tantos que leva polo momento. Pouco despois chegou a reacción do Imperator ao converter unha pena máxima. Un esforzo baldío xa que o equipo local viu porta de nova e sentenciou o duelo.

Dous meses despois, o Marte puxo fin á súa mala xeira derrotando ao Ural no outro derbi coruñés da xornada (0-2). Marcos del Río fixo o primeiro para os de Monte Alto, superiores ao seu rival na primeira media hora. Trátase da cuarta vez que fura as redes do rival neste arranque de campaña, onde se está a volver un fixo no extremo esquerdo. O guión non mudou e o Marte conseguiu aumentar a diferenza respecto á escuadra verde, incapaz de conter o seu torrente ofensivo. Tres puntos que lles serven para escapar da queima do descenso e respirar algo máis tranquilos.

Soños cos que afastarse dos pesadelos

Non hai nada mellor para coller o sono que gañar o teu partido da xornada. Dita sensación experimentárona en terras santiaguesas.



O Club do Mar fixo os deberes tras superar por un gol a dous a un combativo e enérxico Queixas. Ao pouco de ter indicado o inicio, o colexiado levouse o chifre a boca para sinalar un penalti que non errou Tiago. Clave na ofensiva do combinado de Caión, o extremo portugués igualou a cifra de goles rexistrada no curso pasado. Alentados polos seus seareiros, os da Revolta igualaron a contenda malia que a alegría non lles durou moito, pois o seu contrincante volveu a carga e acertou coa meta. E, sen tempo para máis, leváronse o duelo pola diferenza mínima.

Fisterra e Bastavales chegaron a este domingo coa necesidade de sumar de 3 para fuxir das prazas de descenso. Os segundos cumpriron coa súa meta e impuxéronse a domicilio no sempre complicado campo de Arasolís (1-2). A Jara bastoulle un cuarto de hora para adiantar aos xogadores de Brión, que souberon controlar o ritmo de xogo ata os intres finais. Foi entón cando aumentaron a distancia respecto dun Fisterra incapaz de xerar perigo durante o tempo regulamentario. Na prolongación lograron maquillar o marcado sen que ilo supuxera nada para ámbolos dous equipos.

En San Pedro celebran o bo momento dun Castriz que se desfixo da Esteirana cun claro 0 a 4. Aínda non rematara de asubiar o árbitro cando Chapela fixo o primeiro da tarde no Xosé Luís Vara. Chegado desde o Agrón, o media punta vigués recalou nas filas vermellas para axudar co seu bo facer en ataque e contribuír á salvación. Minutos despois aproveitaron un autogol para coller unha distancia que se volveu insalvable co segundo tanto de Chapela, o quinto na súa conta particular. O conxunto costeiro acumula xa un mes sen coñecer a derrota e abandona por primeira vez o descenso.



A conquista do terceira praza

A fenda entre Chantada e Residencia acentúase máis e converte o terceiro posto lucense na única forma de conseguir unha praza nos play-off de ascenso. Son varios os equipos na liza por un premio que vai estar competido durante toda a temporada.

A ledicia espallouse entre a escadra dun Monterroso que volveu á senda da vitoria fronte o Chantada Atlético (2-1). Á media hora de encontro, Loren adiantou aos seus cun tanto celebrado por toda a bancada de Cerdeiriños. Unha vez máis, o mediocentro local liderou aos seus desde a liña máis avanzada da medular. Lonxe de pecharse, os de Fer Sánchez puxeron o segundo no marcador para encarrilar as cousas. O Chantada Atlético reaccionou timidamente no tempo de desconto, pero non puido evitar que os tres puntos quedaran nas mans do conxunto albivermello.

No enfrontamento entre Ribadeo e Atlético Escairón a moeda caeu do lado dos de Saviñao, que se levaron o choque ao gañar por 0 a 2. Ambos conxuntos gozaron de ocasións desde os primeiros intres, pero a pelota non quixo entrar en ningunha das dúas portas. Ata que Mario desequilibrou a balanza cando o cronómetro marcaba a hora de partido. Trátase da sexta anotación para o atacante colombiano, que está a desfrutar do seu momento máis doce desde a súa chegada ao equipo celeste. O Ribadeo lanzouse a polo empate pero non acertaron na súa empresa e os xogadores adestrados por Omar Gómez conseguiron o segundo e definitivo tanto.

O Rácing Vilalbés B tamén se suma á zona alta da táboa despois de vencer por dous goles a un ao Santaballés. Migui fixo o primeiro da tarde, igualado minutos máis tarde polo cadro de Iago Fernández. Co paso do tempo, a intensidade medrou no céspede do Roca e os branquiazuis quedaron cun home menos comezada a segunda parte. Unha situación que aproveitaron os de vermello e verde para asestar un novo golpe grazas a Migui. O media punta de Riotorto é unha das sensacións da categoría e sitúase con este dobrete como o segundo máximo goleador do grupo 3.

Novás (Santaballés) dá un pase co exterior. FOTO: RÓBER CARREIRA

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



Os Diferenciais da Primeira Futgal non marchan de ‘ponte’

A AD Culleredo leva o ‘Wrapped’ de

Os Diferenciais da Primeira Futgal non marchan de ‘ponte’

Os Diferenciais da Primeira Futgal non marchan