# Hashtag

Remata o primeiro trimestre con boas notas para os Diferenciais (Parte 2)

Os grupos ao sur da nosa comunidade tampouco se libran desta particular avaliación. Toca facer repaso dunha xornada que pecha os tres primeiros meses de competición, onde os participantes da Primeira Futgal deixaron o pavillón da categoría ben alto. Sen máis dilación, velaí van as cualificacións dos Diferenciais desta fin de semana.

Campos que son un fortín

Ben é sabido que facerse fortes no propio feudo conduce a bos resultados e proba dilo os equipos ourensáns, que adoitan ser duros de roer cando xogan diante dos seus seareiros.

A alegría espallouse entre a bancada do Bañadoiro, onde o Córgomo goleou 4 a 0 a La Purísima. Da igualdade da primeira metade pasouse a un monólogo dos valdeorreses, que meteron unha marcha máis tras o descanso. Liderados por un Sylla estelar, o combinado dirixido por Iván González apisoou ao seu rival en tan só media hora. Boa parte de culpa tivo o mediocentro senegalés, de cuxas botas saíron dous tantos clave no transcurso do encontro: o primeiro e o que serviu para sentenciar ao La Purísima. Os ourensáns atravesan un momento crítico no curso, pois levan preto de dous meses sen gañar.



Quen está a petar forte na porta dos play-off é o Monterrei, vencedor do seu duelo fronte o Antela B. Ningún dos contendentes dispuxo de grandes ocasións para adiantarse, ata que Fred furou as redes limiás para facer o único tanto do choque. O ariete portugués vive un momento doce en Rozavales e exerce como máximo goleador dos seus con 7 dianas. Pese a intentalo, o Antela B non logrou achegarse á portería rival, polo que o cadro vermello só tivo que xestionar a súa vantaxe ata o asubío final. Con esta nova vitoria sitúanse na quinta posición e empatados a puntos co Nogueira.

E tamén co Velle, que puido salvar un punto ao empatar a un gol co Allariz. Os de Moncho Barge foron, precisamente, os primeiros en golpear, xa no segundo tempo. Pero os locais non se renderon e contaron cunha última oportunidade a balón parado, aproveitada por Hugo Fernández para anotar a igualada. O media punta da Valenzá apareceu no momento oportuno e co seu remate logrou evitar a derrota dos seus, que continúan na pugna por facerse un oco na zona alta da clasificación.  

Na busca dun oco

O grupo pontevedrés comeza a segmentarse en pequenas ligas, onde cada un dos conxuntos trata de facerse un oco na táboa clasificatoria de acordo cos seus obxectivos.



Dous meses despois, o Amanecer volve á senda da vitoria ao superar por un gol a dous ao Abanqueiro. Os grovenses tomaron a iniciativa cun gol serodio de Xabier Otero, cuxa actuación non pasou desapercibida. Con este suma o seu segundo tanto nunha temporada na que está a amosar a súa eficacia no terreo de xogo, ben sexa como titular ou ben sexa desde o banco. Non tardaron en ampliar a renda, beneficiándose dun autogol do conxunto de Boiro que, pouco antes do tempo de lecer, recortou distancias. Así e todo, o Abanqueiro non foi quen de sacar un punto e encadea xa tres derrotas consecutivas.

Na Ran viviuse un auténtico festival de goles no enfrontamento entre Atlético Cuntis e Unión Dena, resolto en favor dos primeiros por 5 a 2. O dominio amarelo e negro fíxose notar desde os primeiros intres, cun Román Acha que se fixo co control absoluto do medio campo. Non só realizou un gran encontro a nivel de xogo, pois tamén fixo gala do seu olfacto goleador. Primeiramente, contribuíu a encarrilar o choque a prol do Cuntis, moi superior ao seu rival no primeiro tempo. E xa no segundo, rematou a faena con outras dúas anotacións que lle serven para asinar bn hat-trick.

Pola súa parte, o Unión non deixa que os líderes escapen e suma tres puntos novamente a costa do Sport Team Estrada (2-0). Chuso non fallou á súa cita co gol e fixo o primeiro antes de cumprirse á media hora de xogo. O arranque do atacante rianxeiro está a ser magnífico e leva xa 13 goles, o que se traduce nunha media dun gol por cada encontro disputado. Co paso dos minutos, os visitantes non conseguían reaccionar mentres que o equipo de Asados seguiu a atacar a meta amarela e verde ata facer o segundo. Aínda houbo varias ocasións por parte de ambos contrincantes, pero o electrónico non se moveu no resto do partido.



De primeiro unha boa goleada, por favor

A semana comezase mellor cunha vitoria contundente durante a fin de semana. Varios equipos tomaron exemplo en terras viguesas, onde os líderes non erran.

A malleira da xornada protagonizouna un Mos que mallou ao Progresista por sete goles a un. Kevin Castro abriu a lata desde o punto fatídico e non parou de engrosar a súa conta particular na primeira media hora: póker para encamiñar a vitoria do cadro das Baloutas. Tras o reinicio, os amarelos volveron á carga e coas mismas pretensións e incrementaron aínda máis a súa diferenza. O Progresista puido maquillar un pouco o marcador, pero de nada serviu para evitar unha malleira sen precedentes.

O trío arbitral posa xunto aos capitáns do Mos e o Progresista. FOTO: PROGRESISTA FC

Pasan as fins de semana e o Atlántida Matamá continúa aferrado como líder da clasificación no grupo olívico. Iso si, o inicio non foi nada doado, xa que o Domaio saíu repregado e disposto a contraatacar, chegando a haber algunha clara aproximación. O esforzo caeu en saco roto aos vinte minutos, cando Hugo Soto asinou o primeiro para darlle tranquilidade aos seus. A cousa mudou completamente nos seguintes 45 minutos, cos vigueses lanzados de cara ao partido. Cun gol na prolongación, os homes de André González obtiveron o triunfo co 5 a 1 definitivo.

Tamén acompañou a fin de semana en Angoares, pois o Vila do Corpus impúxose por 0 goles a 3 fronte ao Goián. Os do Lito Oliveira non lle perderon a cara ao duelo, malia que en fronte se atopaba o segundo clasificado do grupo 6. Pero a resistencia branquiazul durou ata os últimos compases do primeiro tempo, onde os amarelos subiron a intensidade para levarse unha vantaxe de dúas dianas ao descanso. A segunda delas foi asinada por un Xoel Giráldez que leva xa seis neste curso. Logo do reinicio, os ponteareáns sumaron un novo tanto para poñer o peche ao enfrontamento.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



Remata o primeiro trimestre con boas notas para os Diferenciais (Parte 2)

Remata o primeiro trimestre con boas notas

Remata o primeiro trimestre con boas notas para os Diferenciais (Parte 2)

Os Vintage: José Antonio Costas Miranda