Nestes tres meses de competición houbo goleadas, resultados axustados, partidos emocionantes… E, sobre todo, moito fútbol. Polo de agora non hai nada decidido nunha Primeira Futgal onde cada xornada se converte nun campo de batalla, cos Diferenciais exercendo de baluartes de cada equipo.
Vitorias que serven para coller aire
Sumar triunfos aleda sempre a un e máis cando os equipos se atopan nunha situación de necesidade. Este é o caso de varios gañadores nesta nova xornada de fútbol herculino.
Atrás quedan as derrotas, pois o Sporting Cambre pon fin a un mes sen gañar coa súa vitoria ante o Cedeira (3-1). Aos 12 minutos, o conxunto do Dani Mallo fixo o primeiro da tarde, que foi igualado polo seu rival antes de chegar ao tempo de lecer. Logo do reinicio, Bruno asinou un dobrete para encarrilar o encontro a prol do conxunto vermello. Trátase da novena diana para o atacante de 19 anos, que está a brillar con luz propia no seu primeiro curso como xogador sénior. Non variou a cousa nos últimos instantes, onde o Sporting Cambre se encargou de selar tres puntos clave na súa loita polos play-off.
O Imperator tamén fixo os deberes e derrotou por tres goles a cero ao As Pontes. Pouco tardaron en coller vantaxe, grazas ao bo facer dun Brais González moi activo en ataque. Coa súa dupla de tantos, o atacante coruñés puxo terra de por medio antes do remate da primeira metade. A cousa non quedou aí e os de Alberto Moscoso volveron ampliar a súa renda para desesperación dos ponteses, que non foron quen de reaccionar ante o furacán vermello. Con esta pequena alegría poñen fin a dous meses sen gañar no grupo 1 da Primeira Futgal.
Pola súa parte, o Carral endosoulle un 5 a 2 ao Oza Xuvenil e colle distancia na carreira polo liderado. Así e todo, as ‘quenllas’ foron os primeiros en golpear cando apenas pasaran 6 minutos no cronómetro. A igualada do cadro do Castro non se fixo agardar e cun tanto de Chechu déronlle a volta ao marcador nun partido onde os goles foron os grandes protagonistas. Xa na segunda metade, o extremo de Cambre redondeou a súa actuación ao furar as redes dúas veces máis, asinando un hat-trick que coloca aos seus á cabeza da táboa clasificatoria.

Aínda está todo por decidir
No grupo santiagués pódese falar dunha loita apertada polo ascenso, con catorce equipos situados nun intervalo de tan só 8 puntos. E é que as prazas para acceder á Preferente Futgal vanse vender moi caras este ano.

Non faltou esforzo na remontada do Praíña ante o Tordoia, ao que superou por un gol a dous. Malia comezar encaixando, os de Pontevea refixéronse para devolver a igualdade ao electrónico cun gol de Manu Soto. Quen se non. O killer de Teo apareceu ao rescate dos seus compañeiros para poñer o empate antes da media hora e sumar así a súa sexta anotación neste arranque de competición. A insistencia branquiazul propiciou a segunda e definitiva diana que remata cunha xeira de tres fins de semana sen probar as meles do triunfo.
No Jesús Carlos Pampín celebraron a goleada do Cire de Melide fronte a un Fisterra desesperado (7-0). Asier Polo abriu a lata para os homes de Luigi, claros dominadores do xogo durante os 90 minutos. Co paso do tempo ampliaron a súa renda ata chegar ao 4-0 que chegou novamente nas botas de Polo. Central con alma de dianteiro, o melidao xa ten probado o seu olfacto goleador a pesar da súa demarcación. O guión seguiu co establecido nunha segunda metade onde os de Leo Picallo non puideron parar a un Cire inspirado de cara a porta.
Sorrín no Viso ao ver como o Arzúa venceu por 4 a 1 ao Boimorto para levarse un derbi ateigado de goles e emoción. Alentados pola súa afección, o ‘Queixo Mecánico’ fíxose coa iniciativa grazas ao bo facer de Brais Pedreira, quen anotou tamén o 3-0 nun primeiro tempo magnífico por parte dos branquiazuis. O de Vila de Cruces suma a súa décima diana no que vai de curso, converténdose na máxima referencia da ofensiva arzuá. Non foi a mellor actuación do Boimorto, que encadea xa cinco xornadas sen sumar de tres.

Cos obxectivos entre cella e cella
A competitividade en terras lucenses está no seu cumio e os equipos enfocan cada fin de semana como unha oportunidade coa que dar un paso máis á procura das metas.
Suma e segue para o Chantada tras impoñerse por dous goles a tres ao Castro. O dominio chantadino foi incontestable nunha primeira metade que rozou á perfección con tres goles en 45 minutos. Pablo redondeou a exhibición do cadro de Traste co terceiro tanto vermello, décimo para o ariete nesta campaña. Malia xacer tombados sobre a lona, os chairegos non se renderon e conseguiron meterlle o medo no corpo ao seu rival contando con oportunidades para rescatar un punto. Pero a falta de acerto nos intres finais rematou por condenalos en favor dun Chantada que continúa aferrado ao liderado.
Chegan boas noticias a As Valgas, onde o Iberia celebrou o seu 90º aniversario coa vitoria por 2 a 1 contra o Ribadeo. As cousas non comezaron da mellor maneira para os de San Miguel de Reinante, que recibiron un gol celeste nos primeiros compasases do encontro. Non contentos con iso, os visitantes seguiron a atacar a meta branquiazul aínda que sen acerto. Quen perdoa, paga e esta non foi a excepción, pois o Iberia equilibrou a balanza para, no tempo engadido, sentenciar co tanto de Dani Vidal. Dá igual que xogue como titular ou saíndo desde o banco, pois o canteirán sempre cumpre con nota.
Logo dunha seca de 6 partidos sen vencer, o Oural asaltou O Sangoñedo ante un Chantada Atlético en crise (0-2). Os cementeiros apoiáronse no xogo directo e os contragolpes para facer o primeiro da tarde. Unha estratexia que levou a Murúa a anotar o segundo gol para desesperación albivermella. Logo dun ano gris nas filas do Guntín, o extremo esquerdo chegou ao Luís Pallín disposto a redimirse e, polo momento, leva xa 4 dianas. A partir de aí, os azuis tan só tiveron que controlar o ritmo do choque para certificar os tres puntos.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

























































































































































































































































































































































































































































































































































