A Terceira División Galega Feminina avanza nas súas primeiras xornadas e xa comezan a definirse algunhas tendencias nos seis grupos da competición. A igualdade é máxima en moitas zonas, pero tamén hai conxuntos que destacan pola súa solidez, regularidade e capacidade goleadora.
Grupo 1: o Silva marca o ritmo e o Cariño destaca pola defensa
O Silva SD é o primeiro líder do grupo con 15 puntos, grazas a cinco vitorias e unha única derrota. O CCRD Perlío, con 13 puntos e só un empate, segue de preto ás coruñesas. Pero se hai un nome que chama a atención neste arranque é o do CD Cariño, terceiro con 12 puntos e dous partidos menos. As do Ortegal non coñecen nin a derrota nin o gol en contra, converténdose nun dos equipos máis sólidos da categoría.
Grupo 2: Cerceda e Crendes comparten liderado
A igualdade tamén é protagonista no Grupo 2, onde o Atlético Cercedens e o Xuventude Crendes comparten liderado con 13 puntos, ambos invictos e cun empate no seu balance. O Sporting Meicende, con 12 puntos e unha única derrota, completa o trío de cabeza. As de Meicende amosan unha capacidade ofensiva espectacular, con 31 goles en só cinco encontros.
Grupo 3: pleno de vitorias para o Juan Cabrejo
O EFFCC Juan Cabrejo é o dominador absoluto do Grupo 3, con 15 puntos de 15 posibles. O Outes FC e o Soneira seguen a distancia, ambos con 11 puntos, pero o golaverage favorece ao Outes, que ocupa a segunda posición.
Grupo 4: o Cruces toma vantaxe nun grupo con menos partidos
O Grupo 4 marcha máis atrasado en calendario, mais o SD Cruces é o primeiro líder con 6 puntos en dous partidos disputados. Ségueno o Friol B, con tamén 6 puntos pero un encontro máis, e o Monte Forte, que completa o podio provisional.

Grupo 5: triplo empate no cumio
O Grupo 5 é un dos máis espectaculares: SD Chispa, Taragoña e Caldas contan os seus partidos por vitorias, con 15 puntos e cinco triunfos en cinco xornadas. A diferenza de goles sitúa ao Chispa na primeira posición, cun rexistro demoledor de 42 tantos a favor, un dos máis altos de toda Galicia.
Grupo 6: o Teis mantén o pleno e o Cented sorprende co seu poder ofensivo
No Grupo 6, o CD Teis tamén suma 15 puntos, cinco vitorias en cinco partidos, e consolídase como líder destacado. O Cented Academy, con 9 puntos en catro encontros, e o Tomiño B, con igual puntuación e partidos, seguen na loita. As do Cented presentan un dato espectacular: 47 goles a favor, unha media de case doce por encontro.














































































































































































































































































































































































































































































































