Superada a décima xornada, a Primeira Futgal segue a ofrecer tardes de espectáculo por todo o territorio galego. A igualdade entre os equipos fai que cada fin de semana sexa unha festa futbolística onde ninguén sabe que pode acontecer agás os seus protagonistas máis Diferenciais…
As goleadas poñen a clasificación patas arriba
O grupo coruñés non pode estar máis igualado neste inicio, onde apenas hai unha diferenza de dúas vitorias entre a primeira e a undécima posición.
A sorpresa da fin de semana protagonizouna o Relámpago, logo de endosarlle un 4 a 0 ao Sporting Cambre. Non foi a mellor actuación para o cadro do Dani Mallo, que viu como o seu rival se puxo por diante aos 15 minutos de encontro. A maquinaria herculina seguiu a dominar o encontro nos vindeiros minutos e Habib ampliou a renda para os seus pouco antes do descanso. Logo dunha temporada no Torre, o extremo dereito chegou ás filas amarelas e negras coa intención de axudar cos seus goles. Nada máis lonxe da realidade, pois Habib volveu ver porta para pechar o electrónico co 4-0 final. Pese a comezar ao ralentí, o combinado de Elviña leva xa catro fins de semana sen perder e con este resultado abandona a zona baixa da táboa.
Na Pedreira tamén celebraron a goleada do Galicia de Mugardos fronte ao Perlío (7-0). O colexiado aínda non rematara de asubiar cando Iago Seijo abriu a lata para o conxunto verde. Tumbados sobre a lona, os de Fene non puideron facer outra cousa que non fose resistir –sen éxito –as ofensivas locais na primeira metade. Tras o paso polos vestiarios, a cousa non mellorou para un Perlío que sufriu a exhibición de Seijo. O media punta asinou un Hat-trick na súa conta particular, sentenciando o encontro a prol do cadro de Moisés Pereiro.
Pola súa parte, o Oza Xuvenil volve á senda da vitoria ao superar ao Torre por 0 goles a 1. Partido competido o vivido nos campos de San Pedro de Visma, onde ningún dos dous equipos foi quen de anotar nos primeiros 45 minutos. Na segunda parte, as ‘quenllas’ sufriron a expulsión de Jacobo Meirama, obrigándolles a desputar o último treito cun home menos. Lonxe de renderse, seguiron a insistir e obtiveron o premio a falta de 10 minutos para o remate. Un gol de Samu Rumbo, pichichi da categoría, que serve para rachar a súa xeira negativa .
Aproveitar os erros vólvese esencial
A competitividade en terras costeiras e santiaguesas obriga aos candidatos ao ascenso a non errar. Mais isto non é nada doado tal e como están as cousas…

Aínda así, o Bertamiráns fixo os seus deberes e continúa unha semana máis liderando o grupo 2. Os de amarelo e negro impuxéronse por 4 goles a 0 ao Bastavales nun choque onde tardaron ben pouco en sacar vantaxe. Boa parte de culpa tivo Garabatos que actuou desde o flanco esquerdo causando grandes problemas ao seu rival. Malia reducir a diferenza a un único tanto, o conxunto de Brión recibiu unha nova estocada, obra –de novo –de Garabatos. O bo xogo do ‘Berta’ continuou nos seguintes 45 minutos para finalmente levarse os tres puntos e o liderado.
A alegría por recuperar o liderado tornouse nunha realidade ao comprobar que o Arzúa caera fronte ao Calo (2-1). Logo dun inicio trabado e sen claras ocasións, os locais puxéronse arriba no marcador cando o reloxo marcaba a hora de partido. Pero o ‘Queixo Mecánico’ non tirou a toalla e igualou a contenda pouco despois. O partido transformouse nun tolo ida e volta con aproximacións continuas por parte dos dous equipos ata que Jony o decidiu. Vitoria balsámica para os de Rebordelo, que non vencían desde setembro.
Despois de 10 xornadas, o Racing San Lorenzo sitúase como sexto clasificado no seu debut na Primeira Futgal. Os picheleiros derrotaron por 2 a 1 ao Cire de Melide nun encontro que se lles complicou na segunda parte co gol azul. Co paso dos minutos, o cadro dirixido por Maiki sumouse ao ataque na procura dunha igualada que chegou por medio de Pablo Otero. Alentados pola bancada de Santa Isabel, o Racing continuou a atacar a área rival ata que, nunha desas chegadas, Pablo fixo o segundo para darlles a vitoria aos locais e colocalos a un único punto dos play-off.

Comezan a abrirse fendas
A cada fin de semana que pasa, medra a diferenza numérica entre os combinados lucenses. Unha situación que dá para falar de tres grupos: a cabeza, a zona media e as prazas de descenso.
O Rácing Vilalbés B sacou tres importantes puntos fronte a un Lourenzá que viña nunha boa dinámica (0-1). Chegados ao primeiro cuarto de hora, Iván rematou un centro raso para desatar a ledicia dos de vermello e verde. O Lourenzá non lle perdeu a cara ao partido e buscou a meta defendida por Yago Miguélez, aínda que todas as súas oportunidades foron estragadas pola defensa do Vilalbés B. Unha vitoria que lles permite saír das posicións máis baixas e asentarse coo décimo clasificado.
Oural e Monterroso firmaron táboas ao empatar a dous goles no Luís Pallín. Pese a non xogar nunha demarcación ofensiva, Diego Arias amosou o seu olfacto goleador cando se atopa na área pequena. O central aproveitou o rexeite dunha falta para enviar o balón ao fondo da meta rival. Pouco durou o 1-0, pois a intensidade do Monterroso permitiulles darlle a volta ao electrónico cando o duelo chegaba ao seu último treito. Aí apareceu a figura de Murúa que, vestido de súper heroe, entrou desde o banco para rescatar aos seus e sumar un punto nos instantes finais.

O Atlético Escairón esqueceuse da data pasada a costa do Xove Lago, ao que venceu por 1 a 2. Aos 5 minutos, o Municipal de Xove xa celebrara o primeiro tanto da tarde, presaxiando un escenario pouco favorable para os visitantes. Todo mudou co gol de Fabrizio. O dianteiro uruguaio vive un momento pletórico e suma unha nova diana na competición, a cuarta neste inicio de campaña. Non quedou aí a cousa e o Escairón volveu acertar, conseguindo a remonta antes de chegar ao descanso. Tras o reinicio, o cadro mariñán confiou en mover o balón para poñer en perigo ao seu rival, que resistiu a segunda metade para levarse o +3.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.












































































































































































































































































































































































































































































































