# Hashtag

Rafael Martín-Casal, CCD Chaín: “O obxectivo é claro: ascender a Preferente”

O Chaín asina un notable inicio de tempada na Primeira Galicia e xa roza os postos de fase de ascenso. O conxunto de Gondomar, renovado e con varias caras novas, está a demostrar unha gran ambición competitiva e un espírito colectivo sólido.

Un dos grandes protagonistas deste arranque é Rafael Martín-Casal, dianteiro que suma 11 goles en 9 partidos e que volveu aos terreos de xogo despois dunha dura lesión de peroné. Falamos con el sobre o momento do equipo, o seu regreso e as súas ilusións nesta nova etapa.

Futbolingalicia: O Chaín venceu esta semana ao Tomiño e xa acaricia os postos de fase de ascenso. Que valoración fas deste inicio de liga do equipo?



Rafael Martín-Casal: «O inicio de tempada vai segundo o esperado. Somos un equipo novo, no que varios xogadores viñamos de estar parados a pasada tempada, e estamos collendo ritmo pouco a pouco».

FIG: Cal é o obxectivo do club, que leva varios anos asentado na categoría?

RM: «O obxectivo é claro: ascender a Preferente. Xuntámonos varios xogadores que xa estaban no Chaín e outros que chegamos esta tempada. O ambiente é moi bo, e iso é o primordial nestas categorías».



FIG: No apartado particular, levas 11 goles en 9 partidos. Como explicas ese rendemento?

RM: «Aínda que poida parecer unha boa cifra, penso que levo menos dos que debería. A falta de ritmo, sobre todo ao principio da tempada, nótase e vólvete impreciso de cara ao gol. Grazas á confianza dos meus compañeiros están chegando moitos balóns e, nestes últimos partidos, están entrando».

FIG: Na Primeira Futgal es un dos goleadores máis habituais, con 50 goles en pouco máis de dúas tempadas. Cres que podes acadar un salto de categoría?



RM: «Na nosa primeira tempada en Primeira quedamos ás portas do ascenso, perdendo na prórroga do último partido do play-off contra o Velle. Na segunda, en cambio, gañamos a liga e conseguimos ascender a Preferente, polo que o salto chegou a darse. Se te refires a que me fichen nun equipo de categoría superior, non o creo. Xogo por desfrutar cos meus amigos, e con eles volverei conseguilo».

FIG: O ano pasado, no teu debut en Preferente, non tiveches sorte e apenas participaches. Tes esa espiña cravada do ocorrido o curso anterior?

RM: «Sen dúbida teño esa espiña cravada… e catro parafusos, para ser exactos. Na segunda xornada de liga, aos catro minutos de partido, un salto co porteiro derivou nunha mala caída que tivo como consecuencia a fractura do peroné á altura do nocello. Un estalido que me deixou seco no sitio e me fixo replantearme se volvería xogar algunha vez. Tras seis meses de recuperación, volvín adestrar e entrar nalgúns minutos só por quitar o mono».

FIG: Saíches este verán do Atlántida de Matamá tras cinco grandes tempadas. Como tomas esa decisión?

RM: «O inicio da pasada tempada estivo marcado por varios incidentes entre o antigo adestrador e parte dos xogadores que viñamos ascendendo o equipo desde Terceira Rexional. Co novo salto de categoría, a tensión disparouse e rompeuse a comunicación e o bo ambiente que primaba no vestiario, o que nos levara ata onde chegaramos. Se non chegara a romperse esa piña —nin o meu peroné—, gustaríame saber onde poderiamos ter acabado o ano pasado. Custoume moito abandonar o club polo ben que se portaron comigo todos eses anos e polo apoio da directiva durante a lesión. Con todo, a saída dos meus amigos do equipo foi decisiva».



FIG: Que motivos che levan a recalar na entidade de Gondomar?

RM: «Como che dicía, moitos dos meus amigos do equipo non estaban contentos co que estaba a pasar no vestiario e decidiron marchar. Algúns ficharon por outros clubs e outros deixárono. Pero este verán volveron xuntarse e, tras a chamada de Alonso, o noso adestrador, decidimos ir todos xuntos ao Chaín».



FIG: Es segundo na clasificación de máximos goleadores, só por detrás do teu excompañeiro Manu Martínez. Como ves esa loita polo pichichi?

RM: «Manu é un enorme xogador e un gran rapaz. Pena que o ano pasado non puidésemos compartir minutos. Moi ao meu pesar, vou ter que darlle vantaxe en breve, xa que teño que quitarme a placa. Pero quero pensar que sen ela andarei máis solto».

FIG: Esta fin de semana visitades ao segundo clasificado, o Sporting Guardés. Que partido esperas?

RM: «Partido duro, polo que comenta o míster. Non coñezo moito o seu equipo, só a Aarón, que foi compañeiro meu de pequeno e sempre que nos enfrontamos ambos marcamos. A ver se o domingo rompe a xeira». 

FIG:  Como estás a ver o nivel da categoría?

RM: «Aínda é un pouco cedo para definila, xa que só xogamos contra a metade dos equipos e aínda nos faltan a maioría dos de arriba. Pero penso que pronto se comezará a ver quen loitará polo ascenso».

Rafael Martín-Casal, CCD Chaín: “O obxectivo é claro: ascender a Preferente”

Brais Prados ao Sigüeiro tras a saída

Rafael Martín-Casal, CCD Chaín: “O obxectivo é claro: ascender a Preferente”

A Sarriana pecha a súa semana máis