O Burela ascendeu a Preferente tras unha gran tempada 2024-2025 que acabou como líder do grupo 3 da Primeira Futgal. Na campaña actual, tras nove xornadas disputadas, ocupa a sétima posición con 15 puntos, a unicamente un de distancia do Sofán, último equipo con dereito a xogar o play-off de ascenso a Terceira RFEF ao ocupar a quinta praza. A adaptación á categoría do cadro dirixido por José Manuel Arca Eiroa está sendo fantástica, como mostran tamén os cinco partidos consecutivos puntuando.
Os ascendidos a Terceira atópanse nun gran momento de competitividade
Subindo un chanzo temos que falar do gran nivel de competitividade dos catro conxuntos que subiron en xuño dende a Preferente: Céltiga, Atlético Coruña Montañeros, Cambados e Barco. Os primeiros atópanse na oitava posición con 13 puntos e con resultados tan meritorios como unha contundente vitoria ante o Somozas (5-0) ou un empate ante o Compos, que é o equipo a batir no noso grupo galego de Terceira RFEF.
Pola súa parte, o Montañeros conta con 12 puntos e atópase asentado na parte media e tranquila da clasificación. O seu inicio de campaña foi insuperable, con dúas vitorias nos seus dous primeiros compromisos no ano de regreso a Terceira.
Cambados e Barco non poden respirar tan aliviados, mais están fóra dos postos de descenso e sumando puntos importantes ante rivais chamados a estar loitando polos postos nobres como Lugo B, Boiro ou Alondras.











































































































































































































































































































































































































































































































