A cousa non cambiou ao sur de Galicia e o resto de grupos viviron tamén unha apaixonante fin de semana. Unha xornada onde se respirou fútbol de calidade da man dos xogadores máis Diferenciais da Primeira Futgal. Velaí vai un novo repaso das súas actuacións máis destacadas.
Prohibido ceder puntos
A competitividade medra a cada fin de semana que pasa no grupo 4. Non é para menos, xa que só hai 4 puntos de diferenza entre o primeiro e o sétimo clasificado.
Punto e final para a xeira negativa do Córgomo. O cadro valdeorrés impúxose ao Muíños por 3 goles a 1 nun encontro que os locais dominaron desde os primeiros minutos. Pasara un só minuto cando Dani Real fixo o primeiro da tarde para ledicia da bancada branca e verde. Ao bordo do descanso, os xogadores adestrados por Iván González ampliaron a súa renda para irse aos vestiarios cun dous a cero. Varandela reduciu distancias na segunda metade, pero non chegou a inquietar ao Córgomo, pois Dani Real volveu ver porta para selar o encontro definitivamente.

O Monterrei tamén sae da súa particular fochanca ao vencer por 3 a 0 ao Loñoá. Fred abriu a lata á media hora de partido para poñer as cousas de cara ao conxunto de Rozavales. Trátase do quinto gol para o ariete luso, convertido en home-gol do Monterrei. A superioridade dos vermellos foi constante conseguindo ampliar a renda na segunda metade. Non foi o mellor dos partidos para o cadro visitante, que concedeu un bo número de ocasións aproveitadas polo seu rival. Ambos equipos sitúanse agora con 16 puntos, a só 2 da terceira posición.
E por fin chegou a primeira vitoria do Melias no seu choque ante o Antela B (4-1). Se ben os primeiros 45 minutos foron algo máis trabados, o guión mudou tras o reinicio. Aos de Pereiro de Aguiar bastoulle con media hora para acabar coas esperanzas dos limiaos. A piques para o remate, Bahía completou o seu dobrete particular para sentenciar o partido a prol do combinado dirixido por Marcos Zorrila, que se estreou por todo o alto no banco da Abelleira. O ‘10’ ourensán lidera a ofensiva do Melias un ano máis e agarda acadar a salvación axudando cos seus goles. Polo momento, xa leva tres.
Os de arriba non fallan
Cada vez é menos salvable a diferenza entre os equipos da parte alta e a baixa da clasificación. Iso si, a loita polos tres puntos continúa a ser apaixonante dentro de cada unha destas ‘ligas’.

Aférrase o Campo Lameiro aos primeiros postos. Non lles foi unha tarefa doada, pois superaron pola mínima ao Pontecaldelas (0-1). Os afeccionados que se achegaron ata Chan da Barcia tiveron que agardar ao segundo tempo para ver o único tanto, obra de Marki. Malia a súa demarcación defensiva, o xogador pontevedrés leva 2 dianas con esta, o que proba o seu olfacto goleador. Unha vez conseguiron pórse por diante, o Campo Lameiro xestionou o ritmo de xogo para levarse os tres puntos.
Arcade e Amanecer repartíronse os puntos logo de empatar a un tanto. O cadro ostreiro dominou ao seu rival no primeiro tempo e conseguiu adiantarse á media hora. Reaccionaron os grovenses, que comezaron a chegar con perigo á meta local. Ata que os seus intentos obtiveron finalmente o premio do gol grazas a un disparo de Alejo Reyes. Ben sexa desde o banco ou saíndo como titular, o atacante ten a porta entre cella e cella. Co seu tanto, o Amanecer rescata un valioso empate a domicilio e pon fin a unha racha de catro partidos sen puntuar.
Freazo do Marín na súa visita á Ran. O Cuntis logrou manter á raia ao líder, co que empatou 1 a 1. Tras varias idas e vida, o partido entrou no seu último treito, con ambos equipos decididos a levarse a vitoria. A cinco minutos para o final, Ozores puxo o 1 a 0 para facer soñar aos seus. Pero axiña se esfumou a éxtase amarela e negra, pois Jacobo Millán equilibrou a balanza nos derradeiros minutos. Os locais finalizaron o encontro cunha sensación un tanto agridoce logo de plantarlle cara a un dos mellores conxuntos da categoría.

A importancia de rachar cunha xeira
Quen persiste adoita conseguir o premio tarde ou cedo. Unha ensinanza que podemos ver reflectida no panorama do grupo vigués, onde aínda queda moito polo que loitar.
Non era sen tempo e o Goián levouse o primeiro triunfo da temporada ao derrotar por un gol a cero ao Caselas. Ningún dos conxuntos podía permitirse saír do enfrontamento sen puntuar, e menos os branquiazuis. Dito e feito. Logo dunha primeira parte sen claras ocasións, Julián aproveitou un disparo para poñer por diante ao cadro do Lito Oliveira. Cuarto tanto para o mediocampista, que xa se converteu no pichichi do equipo e a súa máxima referencia en ataque. Os intentos do Caselas por devolver a igualdade ao electrónico foron en van e a boa xestión do encontro permitiulle ao Goián sumar os seus tres primeiros puntos no campionato.
Vitoria balsámica para un Domaio que goleu ao Ribera no feudo destes (1-5). Decididos a poñer fin á súa mala dinámica, o combinado vermello saíu enchufado ao inicio do primeiro tempo e logrou facerse coa iniciativa no electrónico. Un obxectivo que puideron acadar grazas ao bo facer de Fran, autor do gol inicial. O extremo volveu anotar pouco antes do tempo de lecer para encarrilar o duelo a prol do Domaio. Cando os do Rosal quixeron tomar o control xa era demasiado tarde para a remonta, xa que os homes de Míchel del Ojo sentenciaron a disputa cunha quinta e definitiva anotación.
O Vila do Corpus segue a desafiar o dominio do Atlántida Matamá e conseguiu vencer de novo. Nesta ocasión, a súa vítima foi o Gondomar, ao que lle endosou un claro e rotundo 3 a 1. Tras unha primeira metade de dominio amarelo e negro, o conxunto do Val Miñor recortou distancias a falta de 15 minutos para o asubío final. A calma dos de Angoares revelouse fundamental para a consecución dos tres puntos, certificados no tempo engadido polas botas de Charlie. O atacante tamén viu porta nesta xornada e puxo o peche ao enfrontamento.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.












































































































































































































































































































































































































































































































