# Hashtag

O Couto vibra coa clasificación do Pontevedra nos penaltis

O Couto acollía por segunda noite consecutiva partido da Copa do Rei, desta volta coa UD Ourense como anfitrión. Na súa primeira experiencia no torneo do KO, os vermellos recibían ao Pontevedra CF. Cando todo parecía decidido, os visitantes levaron o encontro á prórroga, e de aí aos penaltis, onde o Pontevedra non errou e conseguiu o pase de rolda.

Foi un partido de moitos reencontros, pois os agora ourensanistas Rufo, Vizoso, Pol Bueso e Jaichenco teñen pasado no conxunto granate. Despois da actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que interpretou o himno galego, entre outras pezas, deu comezo un partido cuxo marcardor desnivelaría axiña o conxunto local cun gol de Javi Labrada aos dez minutos. A afección local, repartida entre a bancada de tribuna e mais unha esquina do fondo, celebrouno por todo o alto.

Despois virían minutos vibrantes, intensísimos por momentos. Tiveron algún achegamento máis os ourensáns, como un balón á área que non foi quen de rematar Migui. Pero foi o Pontevedra o que acumulou as ocasións máis claras. En poucos minutos, Compa meteu o pé a un balón que sacou co peito Vizoso; Eimil colgou un balón a área que Compa deixou ao segundo pero que Alain non rematou; e Resende mandou un balón ao pau que chapou Vizoso no rexeite. Os granates tiveron aínda outra no minuto 30, pero o colexiado invalidara a acción por falta sobre Bueso.



Tras o descanso

Comezou a segunda metade cos granates á procura do empate. Case o atopa Denia, logo dun agasallo dos locais na área. O traballo de Rufo nas contras era sinónimo de faltas e mesmo dun cartón amarelo para a defensa do equipo de Rubén Domínguez.

Ao pouco de entrar, Justino levou o balón veloz pola banda e deixouna atrás para Migui, pero o lanzamento foi as mans de Sousa, que minutos despois volvería aparecer, para salvar in extremis un remate de Bueso que algúns xa vían dentro das mallas. O Pontevedra foi cara a arriba e tivo unha ocasión clara no minuto 77, á saída dun córner. Respondeu o Ourense cun balón que peneirou o incansable Jaichenco para un Migui moi activo e traballador, pero o envío foi longo.

Borja Fernández deu entrada a Gamarra para pelexar balóns mentres os granates buscaban o empate á desesperada, sen deixar de crer. Houbo a de engadido e, cando todo parecía perdido, atoparon o premio grazas a un gol de Compa, que na última acción do tempo regulamentario estivo a piques de facer o segundo.



Na prórroga, os de Rubén Domínguez saíron con todo. Un mísil de Álex González foi a córner tras a intervención de Vizoso, mentres que Justino estivo a piques de adiantar de novo aos seus tras unha transición rápida, pero o Pontevedra sacouna baixo paus. O partido estaba tolo, coa emoción disparada. Tívoas de todas as cores o Pontevedra e a portería de Edu Sousa só correu risco cando o comprometeu Vidorreta cun pase cara a atrás. Nos penaltis, Sousa detivo o primeiro e o Ourense fallou os dous seguintes. O Pontevedra non errou.

A eliminatoria segue



O Couto vibra coa clasificación do Pontevedra nos penaltis

Vota polo teu favorito entre os Diferenciais

O Couto vibra coa clasificación do Pontevedra nos penaltis

O Couto vibra coa clasificación do Pontevedra