# Hashtag

Os Diferenciais da Primeira Futgal volven ser decisivos unha xornada máis (Parte 2)

A Primeira Futgal tamén deu moito de que falar nos outros tres grupos, onde a fin de semana estivo marcada de goles e emoción por igual. Unha xornada que tivo aos Diferenciais como protagonistas dos apaixonantes encontros que tiveron lugar.

Máis competido que nunca

Ningún equipo quere descolgarse dos primeiros postos no grupo ourensán. Unha situación semellante á que se vive na zona baixa, onde nada está decidido polo momento.

Tiveron que pasar 8 xornadas para que o Maceda conseguira a súa primeira vitoria a costa do Francelos (4-2). Daniel Fontela inaugurou o marcador ao pouco de ter comezado o partido. Axiña respondeu o Francelos, pero o mediocampista macedao volveu ver porta para poñer aos seus por diante. Cos seus dous goles, Fontenla encarrilou o partido para un Maceda que ampliou a renda nada máis comezar a segunda metade. Os do Ribeiro recortaron distancias, pero as súas esperanzas caeron en saco roto co cuarto e definitivo tanto do cadro vermello.



Por outra banda, o Polígono San Cibrao rescatou un agónico punto ante o Nogueira, co que empatou a dous tantos. O submarino amarelo non ofreceu a súa mellor versión nos primeiros 45 minutos, sufrindo a un Imrane moi activo en ataque. Na segunda metade, os de Pablo Gil melloraron e comezaron a chegar con perigo á portería defendida por Lucas. Nunha desas aproximacións lograron reducir a diferenza de goles para, xa na prolongación, empatar o encontro por mediación de Pato. Logo de ser o pichichi da categoría na temporada pasada, o dianteiro ourensán suma o seu segundo tanto neste curso, que vale para saír airoso dun dos campos máis complicados do grupo.

O Allariz protagonizou a goleada da xornada ao endosarlle un 6 a 2 ao Melias. A bancada do Cid Carriega non tivo que agardar moito para celebrar o primeiro tanto. Ao bordo do descanso, os da ‘Ziralla’ volveron anotar, pero as cousas cambiaron no reinicio. En apenas un intre, o Melias púxose o mono de traballo para volver poñer as táboas no electrónico. Co paso dos minutos, o equipo verde e negro volveu facerse do dominio do esférico e tras varios avisos chegou o terceiro gol da man de Julen. O ‘killer’ alaricano marcou o camiño para que o seu equipo chegara con máis confianza á meta rival, furándoa tres veces máis.

O triunvirato lidera a clasificación

Son tres os conxuntos que comandan o grupo pontevedrés con man de ferro. E é que ningún deles cedeu un só punto nas tres últimas xornadas.



O Marín permanece como único equipo invicto na Primeira Futgal. 24 puntos de 24 posibles para o cadro do Morrazo, que derrotou ao San Martín por 4 goles a 0. Pouco tardaron en facerse co control do encontro, pois Javi Pazos disparou aos dous minutos para poñer por diante aos seus. Na segunda metade, o atacante marinense volveu amosar detalles da súa gran calidade e sumou unha nova diana no seu haber. O San Martín non puido facer nada ante o furacán branco e celeste, que non tivo piedade dos de Vilaxoán e acabou por levarse a vitoria de forma clara e contundente.

Suma e segue para o Unión que goleou ao Caldas por 5 a 1. Chuso non fallou á súa cita e abriu a lata para o conxunto de Asados. Despois do gol inicial, o partido entrou nunha fase máis calma ata os últimos minutos da primeira parte. O conxunto vermello seguiu a pisar o acelerador e en dous minutos logrou anotar ata en dúas ocasións, unha delas, de novo, baixo a firma do atacante rianxeiro. Tras o reinicio, o Unión fixo o 4-0 e xa nos intres finais, Chuso pechou o seu hat-trick para sentenciar o enfrontamento dunha vez por todas.

Pero a malleira da xornada protagonizouna o Ribadumia. Os de amarelo e negro someteron ao Pontecaldelas sen que o cadro verde puidera reaccionar tan sequera (7-0). Aos de Fran Blanco bastoulle cun cuarto de hora para poñerse 3 goles por diante. Boa parte de culpa tivo Cristian que, logo de anotar dous deses tantos, volveu conseguir unha nova anotación para asinar un triplete. O árbitro aínda non indicara o paso polos vestiarios e o Ribadumia xa vencía por 6 goles a 0. O ritmo relaxouse durante toda a segunda metade e, xa nos intres finais, o cadro da Senra logrou incrementar aínda máis a súa vantaxe.



Dura loita por acadar os play-off

Co Atlántida Matamá como líder en solitario, son varios os equipos que loitarán por facerse cunha das tan ansiadas prazas de play-off.

Despois de 8 xornadas, o Progresista por fin puntuou no seu propio feudo. O conxunto de Salvaterra superou por un claro 4 a 0 ao Ribera que, pola contra, leva xa tres fins de semana sen gañar. Os afeccionados albivermellos non tiveron que agardar moito e celebraron o primeiro dos seus aos dous minutos. Co Ribera tumbado na lona, os de Sebastián Insagaray volveron á carga para sentenciar o choque. Aí foi cando apareceu a figura de Ibra que, malia ser defensor, demostrou ter olfacto goleador logo de asinar un dobrete. Dous goles que lle serven ao Progresista para conseguir a súa primeira vitoria en Oural.

O Progresista celebra un dos catro goles anotados. FOTO: Carolina Márquez Riveiro

A Sangriña viviu unha auténtica exhibición de fútbol co empate entre o Sporting Guardés e o Atlántida de Matamá (3-3). Víctor volveu facer das súas, logrando o primeiro da tarde nada máis comezar o duelo. Non quedou aí a cousa e o ariete de 32 anos acadou o seu segundo tanto un pouco máis tarde. Pero os vigueses non se deixaron gobernar e liderados polo seu home-gol, Manu Martínez, lograron aproximarse no marcador ata empatar o encontro. Ambos equipos contaron con varias oportunidades na última media hora, aínda que sen éxito. Finalmente, os dous aspirantes ao ascenso tiveron que contentarse cun reparto de puntos.

O Gondomar esquece a súa crise de resultados tras vencer por 5 goles a 2 ao Domaio. Non foi un partido doado para o cadro das Gaiandas, que se marchou aos vestiarios só un gol por riba. Cambiaron o guión e nos seguintes 45 minutos fixéronse co control do partido. Aos de Miguel del Ojo non lles valeu de nada o 4-2, pois Abdu Jato rematou as súas esperanzas co quinto e definitivo gol. Estanlle a saír as cousas ao dianteiro branquiazul, que leva 6 dianas neste inicio de curso futbolístico.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



Os Diferenciais da Primeira Futgal volven ser decisivos unha xornada máis (Parte 2)

Os Diferenciais da Primeira Futgal volven ser

Os Diferenciais da Primeira Futgal volven ser decisivos unha xornada máis (Parte 2)

Os Diferenciais da Primeira Futgal volven ser