A SD Negreira quedou eliminada da Copa do Rei ao caer 0-3 tras dar a cara ante todo un equipo de Primeira División como a Real Sociedad. Malia todo, os vermellos gañaron. Xa gañaran ben antes do asubío inicial, tras semanas nas que a vila e a bisbarra foron a unha co equipo. Este martes, no García Calvo non collía un alfinete. Dende dúas horas antes, os arredores do campo estaban cheos de afeccionados e o ambiente non deixou de medrar.
Houbo arredor de 3.000 espectadores. Ninguén quería perder un espectáculo único. A visita a Negreira dun equipo de gran nivel e que non deixou a ningunha das súas estrelas na casa. Non saíron de inicio Oyarzabal ou o galego Brais Méndez, pero si Sadiq ou Odriozola. No caso dos locais, pola súa banda, Adri Vázquez apostou por un XI formado por Jose Dacuña; Juan Diego, Paco, Brais López, Xabi; Alberto Freire, Lagares; Martín Pereira, Adrián Pereira e Juan de Selia.
O partido comezou cun achegamento para a Real Sociedad, pero un roubo deu lugar a unha transición que acabou con Adrián Pereira forzando un córner que se celebrou como un gol. Jose Dacuña realizou tres intervencións chave: detivo unha falta, un tiro (cuxo rexeite mandou Sadiq ao longueiro) e aínda outro disparo de Sadiq. Pasado o minuto 10, o colexiado Díaz de Mera non sinalou un agarrón a Gonzalo e a xogada rematou con Goti poñendo o 0-1. Puido chegar o segundo ao cuarto de hora de partido, pero o Negreira salvou baixo paus.
Os locais viñéronse arriba, con disparos que marcharon fóra de Juan de Selia, Adrián Pereira e Xabi. O propio Juan de Selia tivo unha nova ocasión, cun lanzamento de falta que marchou preto da cruceta. No minuto 35, Gonzalo Suárez non puido cabecear ben un balón servido dende a banda dereita. Adrián Pereira tamén quixo probar ao meta visitante, Marrero, cun balón picado que marchou por riba da trabe, e o Negreira acabou con forza a primeira metade.
Tras o descanso
Deixou unha grande imaxe o Negreira nos primeiros 45 minutos, pero o desgaste físico pasou factura aos de Adrián Vázquez, como era de agardar ante un rival de Primeira Divisón. Sen cambios tras o tempo de lecer, comezou a segunda metade. A Real Sociedad fixo o 0-2 grazas a un disparo raso e algo forzado de Zakharyan, que buscou o pau. Adrián Vázquez moveu o banco, dando entrada a Angelo e Rulo, que protagonizou unha boa xogada cun golpeo cruzado que acabou pegando nun defensa.
Os teléfonos móbiles puxéronse en marcha para captar unha imaxe do internacional coa selección Oyarzabal, que saltou ao cambo no 75, no medio dunha ovación. O público volveu aplaudir instantes despois, por un quebro de Dacuña a Sucic. No treito final, Turrientes fixo o definitivo 0-3, tras recoller un balón morto na área loca. A piques estivo o Negreira de anotar o gol da honra, pero os visitantes sacárona baixo paus e non houbo tempo para máis.

Sorpresa no Couto
O Ourense CF deu a sorpresa ao eliminar ao Oviedo. Os de Dani Llacer conseguiron empatar o gol inicial dos asturianos e, malia encaixar o segundo, conseguiron repoñerse e darlle a volta ao marcador, que acabou 4-2 tras a prórroga. En Langreo, o Racing de Ferrol conseguiu avanzar á seguinte fase do torneo do KO nos penaltis.
A eliminatoria segue
| DÍA | HORA | PARTIDO |
| Mércores 29 | 20:30 | UD Ourense – Pontevedra |
| Xoves 30 | 19:00 | Puerto de Vega – Celta |
| Xoves 30 | 21:00 | Sámano – Deportivo |


























































































































































































































































































































































































































































































