Remata o segundo mes de competición na Primeira Futgal e os grupos comezan a debuxarse dun xeito máis claro. Iso si, a emoción está asegurada ata as últimas xornadas grazas ás grandes actuacións dos Diferenciais.
Vitorias que rachan xeiras
Non hai nada mellor que conseguir os tres puntos para saír dunha mala dinámica. Proba dilo, a xornada en terras coruñesas, onde varios equipos conseguiron redimirse dos seus tropezos.
É o caso do Olímpico. O conxunto de Rutis impúxose ao Eume Deportivo por 3 goles a 1 nun partido que comezaron dominando. Iannotti tardou soamente dez minutos en abrir a lata e poñer as cousas de cara aos seus. Con esta, o atacante xa leva 6 dianas neste arranque de campaña onde está a emerxer como referente ofensivo dos vermellos. Estes ampliaron a súa renda pouco antes do descanso e, tras o paso polos vestiarios, volveron anotar para encarrilar o partido. Pouco importou que o seu rival recortara distancias, pois os locais souberon manter a calma para levarse o +3.
O Cedeira volveu á senda da vitoria logo de endosarlle un 0 a 4 ao As Pontes. Non remata de carburar o cadro do Poboado, que aínda non sabe o que é gañar. Pola contra, os de branco e negro recuperan as sensacións do comezo de curso cando chegaron a colocarse como líderes da clasificación. Boa parte de culpa tivo Dani Bellas. O mediapunta ferrolán asinou dous tantos, un ao comezo e outro nos instantes finais, para pechar o encontro e poñer fin a unha racha de 4 partidos sen sumar de tres.
Tamén chegan boas novas á bancada do Misael Prieto, pois o Meirás superou con creces ao Marte (4-1). Sergio Trillo fixo o primeiro para o conxunto verde, contrarrestado rapidamente polos herculinos. A cousa non quedou aí e o dianteiro de Cee volveu furar as redes rivais para completar o seu dobrete. Xa nos últimos minutos, o Meirás deu un paso adiante e conseguiu aumentar a diferenza con dous goles máis. Os de Valdoviño realizaron unha grande actuación que lles vale para situarse a dous puntos dos postos de play-off.
A salvación non é misión imposible
O elevado grao de competitividade do grupo 2 convirte cada semana nun campo de batalla. Cada xornada vólvese crucial na loita por unha salvación que se vai vender cara.

No Municipal de Brión collen aire coa vitoria do Bastavales. O equipo vermello derrotou a unha das revelacións da temporada, o Tordoia, por 1 a 0. Ao pouco de iniciarse o choque, Julián Nieto conseguiu o único tanto do partido e o primeiro na súa conta particular. Despois de anotar 14 goles na temporada pasada, o atacante estréase na competición da mellor maneira posible: cun gol que vale tres puntos. O Tordoia non deu reaccionado ao golpe rival, sen saber como lle facer dano á férrea defensa do conxunto de Alfonso Sánchez.
O Camariñas venceu á Esteirana por 4 goles a 1 e consegue situarse na parte media da clasificación. Ambos equipos chegaron ao domingo coa necesidade de gañar, pero os do Vicente Carril saíron con máis fame que nunca. Soule fixo o primeiro cun espectacular remate de cabeza. Malia a idade, o dianteiro senegalés aínda ten corda para rato e promete dar de que falar durante todo o curso. Ao bordo do tempo de lecer, a Esteirana puxo o empate no electrónico. Os homes de Juan Cabrejo non se renderon e volveron facerse coa iniciativa ao converter unha pena máxima. Dous goles nos intres finais sentenciaron o encontro a prol dun Camariñas que veu para quedarse na Primeira Futgal.
Peor sorte tiveron os seus veciños, o Muxía, que caeron fronte ao Vizoño (2-3). Os de Abegondo conseguiron adiantarse despois dunha primeira parte trabada e sen claras ocasións. A reacción vermella non se fixo agardar e en apenas vinte minutos conseguiron darlle a volta ao marcador. Pouco lle durou a alegría á bancada de Arliña, que viu como Miranda anotaba o tanto da igualada. Procedente do San Tirso, o atacante de 20 anos leva xa 4 goles determinantes no rendemento do seu equipo. Xa na prolongación, o Vizoño selou a remontada para desesperación dun Muxía que se afunde na táboa clasificatoria.


O derbi rivalizou co ‘Clásico’
Non hai novidades en terras lucenses, onde Residencia e Chantada seguen ao seu e continúan a liderar o grupo 3.
Pouco importou que houbera ‘Clásico’, pois ninguén fallou á cita no Sangoñedo. O Chantada levouse o derbi ante o Chantada Atlético logo de gañar por 3 goles a 1. Tras unha primeira metade algo máis parella, o cadro de ‘Traste’ desnivelou a balanza ao seu favor ao aproveitar un centro lateral. Tamén chegou desde a banda o terceiro tanto, obra dun Pablo que se atopa en estado de graza. O ‘killer’ local suma o seu sexto tanto na competición e xa se atopa moi cerca de superar a súa propia marca goleadora. Co paso dos minutos, o Atlético desinchouse e o Chantada tan só tivo que xestionar o ritmo de xogo para levarse os tres puntos no derbi.
A sospresa da xornada saltou no Pepe Barrera, onde o Monterroso logrou a súa segunda vitoria consecutiva a costa do Ribadeo (1-2). Aínda non rematara de asubiar o árbitro cando David adiantou aos seus. Os mariñáns non se quedaron atrás e empataron por mediación de Castrín. Ao volver dos vestiarios, o partido comezou a embarrarse sen que ningún dos dous conxuntos dispuxera de claras oportunidades ata que, a cinco minutos para o final, o cadro de Cerdeiriños fixo o 1-2 definitivo.
No Arturo Pereiro xa esquecen o gris inicio dos seus. Non é para menos, pois o Castro venceu por 2 a 1 a ao Atlético Escairón. Os chairegos dominaron os primeiros minutos achegándose varias veces á meta defendida por Parapar. Nunha desas aproximacións lograron o primeiro da tarde, pero o equipo do Saviñao non tirou a toalla e logrou poñer as táboas no electrónico. Pouco antes do tempo de lecer, Iván González devolveulle o sorriso aos afeccionados vermellos cun novo tanto. O dominio dos xogadores de Dumi continuou ata a expulsión de Leas. Foi entón cando o Escairón aproveitou a superioridade numérica para lanzarse con todas as súas armas á procura do empate, aínda que sen éxito.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.























































































































































































































































































































































































































































































