A tempada avanza e o mes de abril marca o inicio da conta atrás nas categorías nacionais do fútbol feminino español. Os equipos galegos afrontan a recta final da competición con obxectivos diversos, dende a loita polo ascenso ata a tranquilidade da permanencia.
A continuación facemos un pequeno repaso para ver como chegan os equipos a este tramo decisivo da competición.
Segunda Federación: o Villalonga mira cara arriba.

Na Segunda Federación, o representante galego, o Atlético Villalonga, ocupa actualmente a novena posición con 35 puntos. A pesar de non estar entre os primeiros postos, o equipo mantén opcións reais de escalar na táboa, xa que está a só dous puntos do sétimo posto.
Con varios partidos por diante, as xogadoras do Villalonga teñen por diante a posibilidade de pechar a tempada cun balance positivo malia todo o acontecido ao redor do club. Tras as últimas dúas derrotas, as de Sanxenxo buscarán seguir sumando puntos pero coa tranquilidade de ter a permanencia acadada.
Terceira Federación: o soño do ascenso, máis vivo ca nunca
A emoción é máxima na Terceira Federación, onde os catro primeiros equipos seguen na loita por todo. A cabeza da clasificación está dominada polo Deportivo B, que lidera con 67 puntos, seguido moi de preto polo Olímpico de León con 66 e As Celtas, que suman 63.
Tamén está metido na loita o Sárdoma, que ocupa a cuarta posición con 61 puntos, demostrando unha gran regularidade e firmeza nas últimas xornadas. Todo apunta a que o desenlace da tempada será axustado e manterá a incerteza ata a última xornada.

Xa fóra da loita polo ascenso, o Friol mantense nunha sólida sexta posición con 48 puntos, mentres que o Victoria CF, sétimo, suma 43 puntos e mantén a distancia co grupo perseguidor.

Na zona media da táboa, o Lóstrego, noveno con 36 puntos, e o Victoria FC, décimo con 29, transitan sen demasiadas presións, lonxe dos postos de abaixo e tamén sen opcións reais de entrar nos postos máis altos.
Pola súa banda, na parte baixa, aparecen o Lugo, 13º con 21 puntos, e o Bergantiños, pechando a clasificación con 12 puntos. A pesar das dificultades, non hai perigo de descenso esta tempada, o que permite a ambos equipos afrontar con tranquilidade este último tramo competitivo.

