# Hashtag

Simón Lamas: «Tomei a decisión antes de ter ningunha oferta»

O Racing Villlabés e toda a Terra Chá están de despedida. Simón Lamas Trinidad (Vilalba, 1992), ata agora técnico do conxunto chairego e un dos homes que máis alegrías deu aos da Magdalena, anunciou a súa marcha do club que o viu medrar: primeiro, como futbolista; máis tarde, como adestrador. Hoxe, aquel mozo de 27 anos que colleu as rendas do primeiro equipo na 2018/2019 é un preparador contrastado no panorama autonómico e unha lenda na súa vila, Vilalba.

Simón acompañado polo seu segundo da 23/24, Juan Rodríguez.

Ampla traxectoria no Racing Villalbés

Logo de brillar como dianteiro nas categorías base do club e dun breve paso polo primeiro equipo chairego, Simón decidiu colgar as botas e centrarse na súa faceta como adestrador. Os éxitos non tardaron en chegar: subiu ao cadro xuvenil desde Liga Galega á División de Honra con dous ascensos consecutivos (2015/2016 e 2016/2017). Na temporada 2018/2019, o preparador —tamén coordinador do fútbol base do club— deu o salto ao fútbol sénior da man do veciño CD Santaballés.

Pero as cousas non tardaron en cambiar. Un mal arranque do Racing Villalbés que dirixía Juan Peón traduciuse no retorno de Simón aos bancos da Magdalena, neste caso como adestrador do primeiro equipo, xa na Terceira RFEF. Lamas xa é historia viva do Racing tras acadar o ascenso á Segunda RFEF e conseguir competir moi ben na cuarta categoría do fútbol nacional. Pese a rematar a temporada cun agridoce sabor de boca polo descenso, os éxitos de Simón á fronte dos franxivermellos son innegables.



A entrevista

Hoxe, falamos co Simón máis humano para coñecer os motivos da súa marcha e o seu destino na vindeira 24/25.

Futbolingalicia: Por que deixa Simón o seu fogar deportivo?

Simón Lamas: É unha decisión moi meditada que xa me cuestionara nos últimos anos, porque son moitas temporadas e hai que valorar moitas cousas. Seguramente despois do ascenso, da temporada en Segunda RFEF e do regreso do equipo á Terceira, non me vía capacitado para iniciar de novo un proxecto: cansancio, falta de ilusión… non porque estivese incómodo.



Teño que ser sincero: a tempada pasada si que me vía aquí moitos anos e incluso de por vida, pero son moitos anos e moito desgaste, moitos futbolistas que levan moito tempo conmigo facendo un gran traballo… Seguramente me falte a ilusión necesaria para iniciar de novo un proxecto aquí, porque o club xa deu pasos para ser un equipo relevante na Terceira e agora mesmo non me vía capacitado.

FIG: Bergantiños ou Somozas buscan adestrador.

SL: Non teño nada feito con ninguén agora mesmo, tomei a decisión antes de ter ofertas e sobre todo polo desgaste e a falta de ilusión. Teño os pés na terra e sei o difícil que é o fútbol, pero é certo que quero adestrar: síntome preparado para seguir adestrando e esa é a miña intención. Non me vou meter en traballos de direccións deportivas, aínda que loxicamente gustaríame iniciar un proxecto que me ilusione. Traballar día a día e involucrarme 100% no equipo que me considere adecuado para o posto, pero oxalá salga algo porque é o que preciso para ser feliz. Este é o meu traballo e a miña paixón, e non ter equipo é o que máis me preocupa agora mesmo.



«Hai xente moi capacitada no Racing Villalbés»

O preparador marcha da Magdalena. Simón Lamas, Racing Villalbés.
O preparador da ordes aos seus. Web Futbolinlugo

FIG: O Racing non se entende sen Simón, polo que tamén terá que reinventarse.

SL: Eu creo que o cambio non vai ser traumático. Hai xente moi capacitada, agora mesmo o Racing tamén é apetecible para moitos adestradores. Quizá ao principio o cambio asuste, pois van moitos anos, pero o club vai seguir como un referente no fútbol galego. Durante tempo eu antepuxen os intereses do club aos da miña vida persoal, e ese pode ser un dos motivos para a marcha. O adestrador que chega —Alberto López— terá a confianza da xente, traballará a gusto e, de feito, eu como racinguista agardo axudar en todo o que poda.

FIG: Cambiou moito competir en 2ª RFEF con respecto á 3ª RFEF?

SL: Si, a esixencia é moito maior e ao club aínda lle faltaba un punto de profesionalidade. Pero serviu para aprender, para ver cousas novas e para ver a onde ten que chegar para consolidarse como unha entidade referente a todos os efectos. Foi un ano moi poisitivo, moi enriquecedor para o adestrador. Máis medios, máis profesionalidade, estadios, campos de herba natural… unha temporada á que tan só le faltaron uns puntos para ser perfecta.

Con moito traballo reducimos as diferenzas e competimos contra todos: victorias en San Lázaro, no anexo do Zorrilla, empate en Zamora… Pero a diferencia existía. Foi un gran ano para os adestradores, e tamén para moitos futbolistas que se viron capaces de competir na categoría.



«Vai ser moi difícil chegar ao nivel de conexión que teño con Vérez«

FIG: Que fai Simón Lamas como adestrador para que o seu equipo compita sempre tan ben?

SL: Somos xente con moita ilusión e moi ambiciosa, que traballa moitas horas. Falo de min e do meu corpo técnico, porque isto é un traballo de moita xente. Quero destacar o traballo que fixo o corpo técnico ao longo de todo este ano, foi marabilloso. Cos medios que tiñamos en Terceira tamén, todos os compañeiros que tiven me axudaron a acadar bos resultados, sen dúbida. Despois doulle moita importancia ao traballo diario, a que cada sesión de adestramento sexa a mellor da tempada e mellor que a anterior. Iso transmítese e é a chave do posible éxito que tivemos todos estes anos, sumado sempre a traballar moitas horas.

FIG: Porén, iso implica desgaste mental.

SL: Si, a nivel persoal estas últimas campañas foron de moito desgaste porque antepuxemos o traballo do club ao noso benestar persoal. Por iso, en parte, chega ese desgaste que nos invita a facer un cambio de proxecto.

«Charly inxectou a dose de ambición que facía falta«

FIG: Cres que o cadro voltará á categoría máis cedo que tarde?

SL: Si, están dando os pasos adecuados. Hai un directivo, Charly, que nos inxectou a dose de ambición e ilusión necesaria nos últimos anos. O pesimismo e o derrotismo leva a peores resultados con medios iguais. Pero el está ilusionando moito á xente e dando moitos medios para acadar resultados, penso que el vai ser o guía que faga que o equipo se codee cos mellores equipos da categoría. Pero a 3ª RFEF é moi dura e enganosa: o Rápido de Bouzas tiña todo para ascender o curso pasado, e este ano vai descender á Preferente se non ascende un equipo galego na promoción.

Simon posa para as cámaras de FIL no seu despacho improvisado, logo do ascenso a Segunda RFEF. Web Futbolinlugo

Pero o club ten que ter as miras altas e impregnarse da ambición. Sempre se traballou a gusto e de forma cómoda aquí, pero quizais faltaba ese punto de ambición. O próximo curso creo que se vai ver un Racing máis dominador, con personalidade, como creo que xa sucedeu no ano do noso ascenso coas fichaxes de Pablo Rey, Álex Pérez…

«Ver aos rapaces coas camisetas do Racing indica que se están facendo as cousas ben«

FIG: Un Racing que, co ascenso, enganchou máis á xente da vila.

SL: Si, na promoción de ascenso sobre todo. O equipo daba todo no campo e penso que lle daba ao público o que querían ver sobre o campo. Conseguimos que moitos rapaces se implicasen tamén. Unha das mellores cousas destes anos é ver tantos mozos coa camiseta do Racing, cos nomes dos futbolistas do equipo: demostra que as cousas se están facendo ben. Vilalba sempre foi unha vila esixente nese sentido, pero este ano enganchamos a moitas familias, afeccionados de toda a comarca… O ascenso chegounos cedo a nivel de infraestrutura, pero se as cousas seguen así, continuará a tendencia.

O Racing fai moitas cousas ben tamén no fútbol base, referente a nivel galego. Os que o miramos con perspectiva vemos que é un club moi envidiado en moitas vilas e moitas comarcas, e se en Vilalba houbese esa visión global aínda se valoraría máis. Teñen que seguir así, manter o nivel e medrar para continuar como un club modélico e exemplar en Galicia.

«O que máis me preocupa agora mesmo é non ter equipo«

FIG: Que éxito como adestrador do club lembras con máis cariño?

SL: Lembras todos con cariño. Cando hai éxito disfrutas pouco eses momentos. Os ascensos a División de Honra Xuvenil e a Segunda RFEF, o meu primeiro ano co primeiro equipo fixemos unha gran segunda volta co regreso de Villares en xaneiro e tamén foi moi especial. Aínda así, probablemente me quede coa promoción do ano pasado: vivimos unha comunión público-futbolistas que nunca vivira. Os xogadores saían ao campo convencidos, e iso que tiñamos que gañar a Arousa e Bouzas nos seus estadios. A xente de Vilalba desprazada fixo que vivisemos un ambiente espectacular e todos os que estamos no fútbol estamos para vivir eses momentos tan especiais.

Tamén había un grupo de futbolistas especial, pero digo esta por dicir unha. Tamén tivo un valor incalculable o ascenso cos xuvenís, que foi un golpe sobre a mesa, algo que non sei se volvera a repetir, pero o ano seguinte costou moito.

«Houbo máis momentos bos que malos«

FIG: E que temporada foi a que máis sufriches?

SL: A dinámica desta segunda volta foi dura. Confiabamos no traballo, os adestradores traballamos e os xogadores confiaban, pero a esixencia da categoría impedía saír. Na casa, na segunda volta só encaixamos 2 goles contra o Cayón e 1 co Rayo Cantabria. A victoria contra o Fabril (1-0) foi moi sufrida, e lembro ese momento de xeito especial. Houbo momentos de sufrir, sobre todo ao traballar no equipo da túa vila, ao que eres afeccionado e por cuxas cores tes un gran amor e apego.

O ano pasado en Bouzas, por exemplo. Ese final de partido tamén foi moi emocionante despois de acadar a remontada e ao ver as caras dos seareiros desprazados despois de sufrir tanto. Momentos malos houbo moitos: o falecemento do meu pai, o de Jorge Tato cando eu adestraba ao xuvenil… pero houbo moitos máis momentos bos que malos, e con iso nos quedamos.

FIG: Algún xogador especial para ti?

SL: A miña relación con Vérez vai ser do máis especial que teña como adestrador, porque con el vivín os tres ascensos que conseguín. Temos unha sintonía que dentro do campo me permitiu sentir unha confianza moi especial, que vai ser moi complicada de alcanzar noutros clubes.

Imaxe de Portada: WEB FUTBOLINLUGO

Simón Lamas: «Tomei a decisión antes de ter ningunha oferta»

O desbordamento que arrasou un campo e

Simón Lamas: «Tomei a decisión antes de ter ningunha oferta»

Diario Dun Mercado Terceira RFEF. Episodio 2

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *