# Hashtag

O equipo de mozos que soñou con todo na Preferente Norte

O Noia e o Boiro foron para moitos os favoritos ao ascenso a Terceira RFEF dende o comezo da tempada. Con todo, houbo un terceiro equipo que a piques estivo de se sumar á festa. O Sigüeiro FC completou unha gran campaña movido pola ilusión dun grupo mozo e ambicioso. A súa terceira posición ao remate da Preferente Norte chegou logo de moito traballo. O mediocentro Aldán Naval (Viveiro, 23 anos) analizouno para Futbolingalicia.

Tras comezar ben a tempada, os vermellos sufriron un baixón no Nadal. Foi un tramo da tempada no que notaron a falta de efectivos. Cómpre lembrar que o Sigüeiro actúa como filial da SD Compostela. Malia a diferenza de categoría, en máis dunha ocasión botou man dos seus xogadores o Compos. Gonzalo Landeira, Xoel Trasancos, Joaquín Goris e Ángel Landeira entraron nalgunha convocatoria.

Tamén os xuvenís da SD tiveron un papel importante no primeiro equipo compostelanista, en Segunda RFEF. Para eles, Aldán cre que «non van faltar ofertas» no caso de que non continúen no club.



Momento para soñar

Malia as baixas, Aldán considera que «cada un de nós logramos ter o noso momento e aproveitalo. Hai xogadores que meteron moitos goles e sumaron moitos minutos«, di. Semana a semana, o equipo foise facendo forte e levou «ben os malos momentos». A experiencia do adestrador, Antonio Ríos ‘Vecho’, no fútbol e en canteiras como a do Dépor foi tamén chave para explicar o gran tramo final de campionato que asinou o Sigüeiro.

De feito, chegaron a estar a só dous puntos do Boiro a falta de catro partidos para o remate. «Era un momento de mirar máis cara arriba«, pero a derrota no duelo directo en Barraña relaxou as expectativas. Nese partido, lembra, «os dous equipos pensabamos o mesmo: o que gañase, ao poñerse por diante, ascendería«.

O Boiro acabou levando os tres puntos cun gol solitario no engadido. Aldán conta que chegaron ao final do partido «moi cansos e con nervios e encaixamos no minuto 92. Ser un equipo tan mozo xogou unha mala pasada, pero estabamos moi ilusionados«, sinala. Pensa que a curta idade dos xogadores lles fixo sufrir ante os equipos máis veteranos.



Un novo obxectivo

Xa sen opcións de ascenso, o Sigüeiro marcou outro obxectivo, o de rematar na terceira posición. Este si o conseguiron e para iso foi chave o encontro como visitantes ante o Lalín. No Manuel Ángel Cortizo, o filial do Compos venceu 1-4. «Fomos gañar aínda que non tivesemos opcións de ascenso, porque nunca se sabe o que pode pasar coa terceira praza«, apunta Aldán. Xa non serve para acceder á Copa do Rei, pero pensan en posibles movementos, tamén na incerteza do futuro do Gran Peña.

En liñas xerais, o xogador de Viveiro cre que foi «unha tempada para aprender bastante, nunha categoría nova para min e moitos que subían de xuvenís«. Agora buscarán acabala do mellor xeito. Na fin de semana xogan o encontro de semifinais da Copa do Sar ante o Luaña. Na outra eliminatoria mídense o Noia e a SD O Pino. «Ata nos esixen gañar a Copa despois do grande ano que fixemos«, sinala entre risos.

Xa nun plano máis persoal, Aldán amósase satisfeito coa campaña que está a piques de rematar. O ano pasado xogou en Terciera RFEF, no Arzúa, e este ía comezar na Sarriana, onde xa asinara. Un problema persoal fíxolle cambiar de plans. «Non quería deixar tirado a Jorge Cuesta, con quen teño gran relación; alédome do ano que fixeron e oxalá poidan ascender«.



Aldán formouse na canteira do Real Club Celta e tamén xogou no Somozas. Imaxe cedida

Aínda que unha categoría por baixo, na Preferente Norte, no Lino Balado gozou da confianza dos compañeiros e do adestrador e, aínda que non sabe que será del a vindeira tempada, agarda ter dado «un paso cara a atrás para quizais, nun futuro, dar dous cara a adiante«.

O equipo de mozos que soñou con todo na Preferente Norte

O Arzúa, a avaría do ‘queixo mecánico’

O equipo de mozos que soñou con todo na Preferente Norte

Miguel Freiría, CD Valladares: «Neste club é

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *