Dende o pasado 5 de xuño pasaron un verán e tres títulos do San Tirso. O equipo de Mabegondo, que esta fin de semana arranca a liga na Preferente Futgal Norte, non deixa de festexar a encher as vitrinas do campo do Monte. O último trofeo conseguido é o que os distingue como gañadores da segunda edición da Supercopa Galicia. Este título ten un premio engadido moi especial: a disputa da fase previa da Copa do Rei, con todo o que iso supón.
Os de Fabio Rodríguez tocaban o ceo a comezos do pasado mes de xuño nun marco incomparable, o estadio de Riazor. O centrocampista Iago Meijide lanzou o penalti decisivo na tanda da final da Copa da Coruña ante o Victoria. O balón foi para dentro e desatouse a festa. Poucos imaxinaban os éxitos que aínda estaban por chegar cando ergueron a terceira Copa da Coruña da historia do club verde.
O seguinte paso foi a Copa Deputación da Coruña, cun formato de semifinais e final que mediu aos vencedores das copas da Costa, Ferrol, O Sar e, como non, a da Coruña. E o San Tirso volveuno facer, ao impoñerse o 22 de xuño á SD O Val na final disputada en Río Seco por 1-0. Ese partido servira ademais como despedida de Santi Brandariz e César Freire, os veteranos do equipo, dúas lendas do San Tirso que colgaron as botas.
Tras o verán, a Supercopa Galicia
Após unha tempada longa e chea de éxitos, os futbolistas do San Tirso marcharon de vacacións. Pero no seu interior non esquecían outro obxectivo, o que podía poñer o broche á tempada, a Supercopa Galicia. O adestrador do equipo de Mabegondo, Fabio Rodríguez, vía este torneo como “a única posibilidade na nosa vida de medirnos a un rival de Primeira División. É moi complicado, pero unha vez que estamos aquí imos pelexar con todo”, sinalaba hai semanas a FutbolinGalicia.
E tanto que pelexaron. Desfixéronse do Verín nas semifinais, cun encontro de volta rodeado de polémica. Na final agardaba por eles outro rival de moito nivel, o Cultural Areas de Yago Yao, que viña de eliminar o Atlético Escairón. Pero o San Tirso sacou forzas e despregou calidade unha vez máis. Acadaron vantaxe no duelo de ida, que venceron 1-2.
Na volta, no campo do Monte, o Cultural Areas marcou ao pouco do asubío inicial e a eliminatoria volvía estar equilibrada. Entón, o cadro de Ponteareas quedou cun menos e chegou o empate. O San Tirso marcou dous goles máis e, co 3-1, xa parecía imposible a remontada. No tempo engadido da primeira metade o Areas marcou o seu segundo tanto, para soñar de novo, pero o electrónico xa non se movería nos segundos 45 minutos.
O San Tirso erguía a Supercopa e gañaba o dereito a participar na fase previa da Copa do Rei. Nas últimas tempadas, aos equipos galegos foilles ben cando a disputaron. Hai dous anos, o Barbadás superara o Atlético Lugones para poder merdirse no campo do Couto a todo un Valladolid. O curso pasado foi o Boiro o que tivo que vencera un rival doutra comunidade (o CD Monte cántabro) para recibir un Primeira División en Barraña, o Mallorca.
Agora é a quenda do San Tirso, que xa agarda un rival. Será unha eliminatoria a partido único e o sorteo deparará contra quen xoga e se o fará como local ou como visitante. De vencelo, asegurarase entrar na primeira eliminatoria da Copa do Rei e recibir a un rival da Primeira.
Comeza a liga para o San Tirso
E no medio de todo isto, a liga comeza esta fin de semana para o equipo de Fabio Rodríguez. O ano pasado foron un dos equipos máis fortes da Preferente Norte (remataron cuartos) e non queren ser menos esta campaña. Renovaron case a totalidade do cadro de xogadores, agás as baixas xa mencionadas de dous emblemas do club e a marcha de Bacariza, polo que a continuidade é case total.
“Fixemos 18 renovacións e temos un bo punto de partida, porque xa temos un modelo de xogo definido”, indica Rodríguez. Debutarán o domingo en horario matinal (12:15 horas) ante un rival que se reforzou moi ben e apunta aos postos altos, o Atlético Coruña Montañeros.
Imaxe: Futgal
Montañeros, Sigüeiro e Lalín abren a tempada pola porta grande - FutbolinGalicia
10th Sep 2024[…] O San Tirso non ten teito: tres títulos […]