# Hashtag
Rápido de Bouzas Baltasar Pujales

O Rápido de Bouzas afúndese con 32 goles en contra en cinco partidos

Se non ocorre unha milagre nas vindeiras semanas, todo apunta a que esta tempada se lle fará extremadamente longa ao Rápido de Bouzas. O equipo olívico descendeu por arrastres a pasada campaña dende a Terceira RFEF, tras un cuarto de século competindo en categoría nacional. Tras un verán tormentoso, o conxunto aurinegro non está dando o nivel no arrinque da Preferente Sur.

Non é só que perdesen os cinco partidos disputados ata a data, é que nestes cinco encontros encaixaron 32 goles en contra. Son máis goles que se sumamos os que recibiron os seis primeiros clasificados (Barco, Céltiga, Moaña, Cented, Atios e Porriño), que levan 25 tantos en contra en total.

Verán complicado no Rápido de Bouzas

O Rápido de Bouzas anunciara este verán nas redes unha serie de fichaxes para competir esta tempada. Con todo, de súpeto, borraron todas as publicacións. O presidente do club, Alfonso Caneiro, indicou entón que o anunciado non era o cadro de xogadores definitivo. Explicou que se trataba, en realidade, «dunha proposta do adestrador» á que non podían facer fronte a nivel económico.



Nun primeiro momento, falouse de que os xogadores do filial, de Terceira Futgal, asumirían o reto de competir en Preferente. Finalmente, o primeiro equipo deste emblemático club fundado en 1914 está xogando con futbolistas que chegaron procedentes doutros equipos da zona. Algúns da categoría, pero a maioría da Primeira Futgal.

No último partido, dos once xogadores que saíron de inicio, dous deles xa estaban na estrutura do club a pasada tempada, en xuvenís. Tres proceden do Santa Mariña (dous do sénior e un do xuvenil) e outros dous do Racing Castelos, de Primeira Futgal; un chegou dende o Alertanavia, que a pasada tempada descendeu a Primeira, e outro xogou no Juvenil de Ponteareas e tiña pasado na entidade olívica. Doutros tres non consta información na RFGF relativa á 23/24.

De goleada en goleada

O Rápido de Bouzas é, pois, un equipo completamente novo e moi mozo. A adaptación non está a ser sinxela para o novo cadro de xogadores, que non perde a ilusión malia ir de goleada en goleada neste comezo de liga. Na última xornada perderon 0-6 no Baltasar Pujales na visita do CD Barco.



A maior malleira que recibiron ata o momento foi ante outro descendido dende a Terceira RFEF, o Pontevedra ‘B’. Caeron 9-0 no Manolo Barreiro, nun encontro no que os granates se adiantaron no minuto dous. Os locais non deron ningún tipo de opción ao cadro de Bouzas. Antes, o Rápido perdera co Céltiga (1-6), co Cented (5-2) e co Portonovo (0-6).

Con estas estatísticas, o primeiro equipo do club aurinegro é pechacancelas da Preferente Sur. Cero puntos, tres goles a favor e 32 en contra tras cinco partidos. Esta próxima fin de semana sairán á procura dos primeiros puntos da tempada no derbi ante o Atlántida Matamá. Será o domingo no campo Penedo da Moo.

Imaxe: Twitter



O Rápido de Bouzas afúndese con 32 goles en contra en cinco partidos

Adrián Otero, Arteixo: «Á semana seguinte ao

O Rápido de Bouzas afúndese con 32 goles en contra en cinco partidos

Diego Iglesias, CJ Cambados: «Ver á xente

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *