# Hashtag

Diversidade de preferencias na confección dos grupos da Primeira Futgal

Os 108 clubs que competirán na renomeada Primeira Futgal escollen estes días a confección dos grupos da categoría a vindeira campaña, logo da desaparición do criterio xeográfico. Haberá seis grupos, cada un con 18 participantes, e a Federación puxo tres propostas sobre a mesa. Imporase a que máis votos reciba antes do martes, data límite para que os clubs se expresen.

FutbolinGalicia púxose en contacto con diferentes equipos das catro provincias para coñecer a súa opinión. Cada un ten as súas preferencias e na elección pesan os criterios económicos e deportivos, co ollo posto na distancia dos desprazamentos. Ademais, os clubs consultados aseguran que trataron de tomar a decisión en consenso co corpo técnico e cos xogadores.

Proposta número 1

A opción 1, a máis clásica, semellaba partir como favorita. Respecta case ao completo as provincias de Lugo e Ourense e divide case pola metade as provincias da Coruña e Pontevedra.



Esta será a proposta que escollan, por exemplo, varios equipos da comarca de Ferrol. Enrique Soto, presidente do Galicia de Caranza, di que «se nos parten a delegación, a terceira é a peor. Coa segunda aínda xogamos con equipos do norte de Lugo, pero a terceira ocasionaría perdas importantes a nivel económico, porque facemos moita taquilla cos equipos da zona e varios deles irían a outro grupo. Iso é o principal, pero tamén aforrariamos en desprazamentos».

Con esa terceira opción, o Galicia de Caranza tería que viaxar ata Monterroso, por exemplo, e deixaría de desputar partidos ante equipos da zona, como o Maniños, o Numancia de Ares ou o Perlío. Por iso, Soto ten claro que quedan coa primeira.

Tamén están convencidos de que é a mellor elección no A Peroxa CF. O seu coordinador, Antonio González Fiuza, destaca que respecta toda a provincia, agás o Ribadavia e o Arrabaldo, que xogarían contra equipos pontevedreses. «Deportiva e economicamente calquera das outras opcións é matarnos e evitaría calquera opción de ascenso. Agás casos de transatlánticos como puideron ser o Verín e Cented o ano pasado ou o Antela este, que non se dan sempre, o resto de equipos non imos a ascender contra clubs de Pontevedra, Vigo ou Lugo, porque o noso nivel é inferior», sinala.



Pola contra, di Fiuza, «pódese dar a circunstancia de que cada tempada descendan seis equipos de Ourense, tres nun grupo e tres no outro. Así, en dous anos, na Primeira Galicia, que era a nosa ‘Champions’ provincial, quedarán só seis equipos ourensáns, os máis fortes. Nos preferimos os nosos derbis de toda a vida».

Proposta 2 para a Primeira Futgal

A segunda das propostas contempla un grupo no norte da Coruña e Lugo. Xunta a outra metade de Lugo con medio Ourense, e o outro medio xogaría con equipos do sur de Pontevedra. Quedaría un grupo na zona da Coruña, outro nos arredores de Santiago, e outro que mestura Pontevedra e Vigo.

Un dos equipos máis afastado dos seus rivais, o CD Córgomo Vilamartín, na comarca ourensá de Valdeorras, decántase por esta opción. O seu presidente, Jorge Guitián, salienta que «a suma de factores de rivais, desprazamentos, estradas e campos» fai que escollan esta opción.



Pensa que no grupo 3 poderían aforrar algúns quilómetros, pero terían que medirse con tres descendidos dende a Preferente, como son Velle, Antela e Allariz, que son «de moito nivel». «Nós desfrutaremos ao máximo toque o que nos toque», di o mandatario deste equipo acabado de ascender e con só dous anos de existencia.

Proposta 3 para a Primeira Futgal

A última das tres opcións que poden escoller os clubs vai na liña da segunda, se ben xunta algúns equipos máis de Ferrol e outros da zona de Pontevedra, entre outros cambios. É pola que votará o Domaio, de Moaña. «Nós preferimos xogar na zona de Pontevedra, que xa nos coñecemos todos. Con esa proposta temos preto o Arcade, o Soutomaior, o Vilaboa, o Marín, o Chaián, o Campo Lameiro e o Marcón. Case todos son derbis», di Antonio Martínez, presidente.

Se sae adiante a opción 1 non se medirían a ningún dos antes citados. Xogarían contra equipos máis ao sur «e só teriamos preto o Alertanavia, o Mos, o Santa Mariña e o Castrelos», lamenta Martínez.

Hai clubs aínda con dúbidas

Outros clubs aínda non decidiron e están á espera de consensuar a elección entre directiva, corpo técnico e cadro de xogadores. É o caso da SD Chantada: «Vémoslle vantaxes e desvantaxes a todas as propostas, aínda non o temos decidido», expresan dende o club da vila do río Asma.

Con todo, están satisfeitos «por ver que en calquera das tres opcións o club veciño, o Taboada, estará na mesma liga, e que en dúas das tres propostas o Monterroso está tamén». Saben que son derbis importantes, que moven xente e fan caixa. Como era de agardar, todas as opcións manteñen o derbi co Chantada Atlético, co que debaterán unha posible fusión o día 22. En caso de saír adiante, tería efecto na tempada 25/26.



No Muxía tamén barallan propostas. «A maioría parece decantarse pola segunda opción [lévaos máis á zona da Coruña], pero agora falaremos tamén cos capitáns. A proposta 1, que colle ata Agolada é semellante en canto a distancias. Temos xogadores que estudan en Santiago, outros na Coruña, cada un ten as súas preferencias e temos que consensualo», sinalan.

Axudas para os desprazamentos

Antonio González Fiuza, coordinador do Peroxa, xa expresara con anterioridade o seu rexeitamento á desaparición do criterio xeográfico na Primeira Futgal. A súa postura é «un non rotundo a isto, pero asumimos que xa é inamovible. Penso que algúns dos equipos que votaron a favor xa se están arrepentindo», di.

Con todo, o responsable deste club ourensán incide nunha proposta para que a Federación axude aos clubs máis afectados. «Propuxemos que a Arrabaldo e Ribadavia [dous ourensáns que terán que viaxar á zona de Vigo e Pontevedra] se lle paguen os desprazamentos dende a Federación. Quedaran de estudalo», lembra González Fiuza.

Diversidade de preferencias na confección dos grupos da Primeira Futgal

Confirmado: Arenteiro e Lugo loitarán pola Copa

Diversidade de preferencias na confección dos grupos da Primeira Futgal

Ramón Labrada, Ribadeo: «Desde o corpo técnico

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *