O Club Lemos, todo un histórico do fútbol da nosa comunidade, afástase do descenso tras vencer na tarde do venres ao Pol por 0 a 1 nun novo derbi lucense do grupo I da Preferente Futgal galega.
Tras o triunfo no Municipal de Pol, o Lemos chega aos 19 puntos e acércase a unha parte media moi igualada da táboa clasificatoria. Do quinto posto, ocupado polo Cidade de Ribeira CF, ao undécimo, ocupado polo Club Lemos, hai unicamente 4 puntos de diferenza.
O Lemos empezou a tempada perdendo ante o Sigüeiro por 0 a 3 para a continuación encadear unha xeira de cinco partidos consecutivos sen ser derrotado. Venceu ao Sofán e ao Arzúa e empatou ante Órdenes, Miño e O Val.
Desde a xornada sete ata a once, o Lemos tivo a peor dinámica tras conseguir soamente un punto dos doce en xogo. As derrotas ante Montañeros, Cidade de Ribeira e Negreira, así como o empate ante o Paisaco, foron os resultados durante este complicado mes para os pupilos de Juan Luis Bernal.
O cambio de tendencia comezou o 17 de novembro, día en que o Lemos volveu á senda da vitoria. Derrotou ao Dubra por 2-1. A seguinte fin de semana o resultado e as sensacións foron ben distintas ao caer contundentemente ante o San Tirso por 3-0. Mais as dúas últimas xornadas fixeron crecer a confianza no equipo tras os triunfos ante o Lalín e o Pol.
Para cerrar o ano 2024, o Lemos disputará outros dous derbis. O 15 deste mes medirase ao Ribadeo e sete días despois recibirá ao Escairón. Ambox conxuntos lucenses atópanse inmersos na loita polo descenso e de seguro opondrán unha gran resistencia. Para rematar a primeira volta, e xa no 2025, xogará ante o Galicia Mugardos o domingo 12 de xaneiro.